Falar galego o máximo posible con todo o mundo e en todos os contextos da vida cotiá, dentro e fóra das aulas, xogando e conversando coas amizades, nas tendas, nas actividades extraescolares, na casa. Máis de 2.500 nenos e nenas do concello de Ames asumirán este compromiso nas vindeiras semanas no marco do programa Modo galego, actívao!, impulsado pola Real Academia Galega e o goberno local do maior municipio da área periurbana de Santiago de Compostela co propósito de explorar novos xeitos de promover a lingua entre a xente máis nova e avaliar os resultados. A terceira edición deste proxecto de investigación e acción, presentada este mediodía no CEIP A Maía, seguirá a implicar dunha maneira lúdica os nenos e nenas dos centros públicos de infantil e primaria amesáns e, como novidade, estenderase ao alumnado de 1º e 2º da ESO dos institutos do Milladoiro e Bertamiráns.
Alén de involucrar gran parte da comunidade estudantil do concello, no Modo galego, actívao! participan profesorado, familias e o persoal dos servizos complementarios que usan decote centos de cativos e cativas. Sométense ademais a unha avaliación posterior todas as propostas que se conciben para promover a recuperación de galegofalantes na infancia e na adolescencia.
“Cremos que é necesario impulsar intervencións sobre o terreo coa colaboración dos distintos axentes institucionais, co profesorado, coas familias, e explorar novas maneiras de traballar máis efectivas e que sexan avaliables e replicables noutros municipios. Facermos, en definitiva, un traballo racionalizado no terreo da normalización no que se determine cal é a situación de partida e cal é a posterior, observando ata que punto se consegue coas medidas desenvolvidas o efecto que se busca”, resume o coordinador do Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo. A análise das primeiras edicións do proxecto confirma os seus efectos positivos no uso do galego e especialmente sobre as actitudes lingüísticas.
O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes; o alcalde e concelleiro de Normalización Lingüística de Ames, Blas García; a concelleira de Planificación e Xestión Educativa, Carmen Porto; a técnica do Servizo de Normalización Lingüística de Ames, Rosa Moreiras; a directora do CEIP A Maía, Isabel Abelleira; e Henrique Monteagudo presentaron hoxe a nova edición de Modo galego, actívao! O acto, celebrado na biblioteca do colexio de Bertamiráns, reuniu representantes dos equipos directivos e de dinamización e normalización lingüística dos centros de ensino, así como das ANPAS e do alumnado.
O presidente da RAG lembrou a declaración institucional do pasado mes de decembro na que a institución demandou un cambio do modelo educativo e un conxunto amplo de medidas para reverter o devalo do galego, tras coñecérense os datos do Instituto Galego de Estatística que alertan de que só se expresa sempre ou máis en galego ca en castelán o 16 % da rapazada de 5 a 14 anos. “Propoñémosvos unha especie de xogo e animámosvos a que o compartades cos vosos amigos e amigas, coa veciñanza e a familia, porque a lingua é algo que facemos entre todos, como un río no que navegamos conxuntamente e que precisa de vós para avanzar cara ao futuro”, explicoulles Víctor F. Freixanes aos nenos e nenas.
“O galego forma parte dun patrimonio inmaterial que debemos conservar e protexer, suma valor engadido e a súa utilización supón unha fortaleza”, expresou na mesa liña o alcalde de Ames. “O Concello de Ames foi e será un concello protector da nosa lingua, algo que demostramos con feitos como a sinatura do convenio coa RAG no ano 2024 para blindar o Modo galego, actívao!”, asegurou Blas García.
“Este ano o programa estará tamén activado nos dous institutos de Ames, o IES do Milladoiro e o IES de Ames, estendendo deste xeito o seu alcance a un rango de idade moito maior”, detallou a concelleira de Planificación e Xestión Educativa, Carmen Porto. “Dende a Concellería de Educación e Mocidade impulsamos e colaboramos en calquera iniciativa que teña como obxectivo final a defensa e promoción da nosa lingua, tal e como demostramos tamén con outros programas que impulsamos ou cos que colaboramos, como son Galitiktokers e Youtubeiras”, salientou.
Un mes para activar a lingua
A nova edición de Modo galego, actívao! propón unha serie de iniciativas que se desenvolverán ao longo dun mes. Esta semana estase a asinar o Acordo de compromiso lingüístico nas aulas da ESO e a negociar entre o profesorado e o alumnado dunha serie de recompensas acordes co nivel de implicación que cadaquén decida asumir. En diante, proporáselles aos estudantes de secundaria un reto semanal, como procurar que persoas da súa contorna se animen tamén a comprometerse coa activación do galego ou buscar a complicidade de artistas.
Para infantil e primaria, haberá reto diario ata o 14 de febreiro, animando os nenos e nenas a compartiren soños, música, trabalinguas ou películas en galego, e propoñéndolles tamén que busquen a complicidade doutras persoas para activaren o idioma propio de Galicia a través de cartas ou a gravación de audios. Por cada desafío cumprido, a rapazada recibirá un adhesivo que representa un superpoder co que completar unha sorte de cartilla do programa, deseñada por Ruth Caramés.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "A campaña «Modo galego, actívao!» da RAG e de Ames chega ao ciclo da ESO"
El Correo Gallego: "Ames e a RAG volven aliarse para tentar reverter o devalo do galego"