- Tematica
A Concellaría de Promoción Económica do Concello de Ames continúa poñendo en marcha diversas iniciativas para promocionar o comercio amesá. Desta volta, vén de elaborar un spot publicitario que se emitirá na Televisión de Galicia esta semana, do 30 de novembro ao 4 de decembro, e posteriormente, a semana do 14 ao 18 de decembro. Trátase dun spot publicitario no que se reflicte a variedade existente no comercio local e no que saen actrices, actores, xornalistas e deportistas que viven en Ames.
Dentro da campaña de axuda ao comercio local a Concellaría de Promoción Económica vén de elaborar, xunto coa empresa Xurdir, un spot publicitario de 20 segundos de axuda ao comercio que se emitirá na Televisión de Galicia esta semana, do 30 de novembro ao 4 de decembro, e posteriormente, a semana do 14 ao 18 de decembro. Este vídeo é unha adaptación máis curta do vídeo promocional estreado o pasado 19 de outubro con motivo da presentación do Plan Reactiva Ames.
Trátase dun spot publicitario no que se reflicte a variedade existente no comercio local, onde se pode atopar dende florarías a tendas de artesanía e decoración, pasando por tendas de alimentación, moda, deportes, agasallos e complementos. Deste xeito, ponse en valor a potencialidade que ten o sector comercial de Ames e as súas vantaxes respecto a outros centros comerciais pechados de grandes dimensións e ao comercio doutras localidades.
A través desta campaña preténdese que os veciños e veciñas de Ames merquen nos establecementos comerciais amesáns, xa que segundo se indica na campaña en ditos establecementos pódense atopar produtos, que van dende roupa e calzado ata artesanía, entre outros moitos sectores.
Tanto no spot publicitario como no vídeo promocional tamén se destacan aqueles produtos que son exclusivos do comercio de Ames, respecto doutros comercios, como poden ser prendas de moda de tallas grandes ou tendas de alta costura que non se atopan fóra de Ames. Para a gravación de dito spot contouse coa colaboración de rostros coñecidos do panorama galego como o da actriz María Mera, os actores Federico Pérez e Pepo Suevos, os/as xornalistas Loli Gómez e Diego Viaño, e o deportista, Borja Golán.
O comercio de Ames é seguro, de calidade e variado
A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, agradeceu “o traballo dos diferentes departamentos municipais que colaboraron para elaborar o vídeo promocional En Ames témolo todo. Tamén lle quero dar as gracias aos comercios e establecementos que colaboraron, así como a actores, actrices, xornalistas e deportistas. A título individual quero agradecer a colaboración de María Mera, Loly Gómez, Pepo Suevos, Federico Pérez, Diego Viaño, Borja Golán e a máis a Patricia de Lorenzo e a Guillermo Carracedo que por motivos de axenda non puideron participar no vídeo, pero a intención é o que conta”.
Ademais, Ana Belén Paz explica que “a través do spot En Ames témolo todo queremos destacar aqueles aspectos que diferencian ao comercio e ao sector hostaleiro de Ames doutros da contorna. Ponse en valor a potencialidade que ten o sector comercial de Ames e as súas vantaxes respecto a outros centros comerciais e comercios doutras localidades. Podemos dicir que o comercio de Ames é seguro, de calidade, variado, moderno, aberto, accesible e que permite conciliar”.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Comezaron a emitir na TVG o novo anuncio para gabar ó comercio amesán"
La Voz de Galicia: "Rostros populares de Ames promocionan el comercio local esta Navidad"