- Tematica
O Concello de Ames está a cumplir co convenio asinado coa Consellaría de Sanidade para a realización das obras do novo centro de saúde do Milladoiro. O pasado 16 de outubro finalizouse a execución da rede de abastecemento de auga e a rede de pluviais que da servizo á parcela desta nova infraestrutura. Agora, o Concello de Ames está á espera de que a Consellaría de Sanidade retire os valos da mesma para proceder á súa pavimentación, da que a administración local tamén é a responsable.
O Concello de Ames segue a dar os pasos establecidos no convenio coa Consellaría de Sanidade para acometer os traballos de competencia municipal. Nun primiero momento, procedeuse á escavación dos viarios de servizo da nova infraestrutura, coa habilitación de dous viarios: un dende Travesía de Porto ao cruce de Agro do Medio con Agro da Madalena e outro que dá continuidade a rúa das Camelias. Con posterioridade, comezouse cos traballos de instalación dos servizos de abastecemento de auga e saneamento, traballos que remataron a mediados deste mes de outubro e que terán continuidade coa pavimentación da parcela unha vez a Consellaría de Sanidade retire os valos da mesma.
O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, entende que “desde o Concello estamos a cumplir todos os prazos recollidos no convenio asinado coa Consellaría de Sanidade e, tan pronto retiren os valos comezaremos coa pavimentación da parcela. Confiamos en que se poda realizar canto antes e que pronto podamos ver en funcionamento este novo centro de saúde, tan demandado e necesario para Ames”
Novo centro de saúde do Milladoiro
O novo centro de saúde do Milladoiro está composto basicamente dun andar, ao que se accederá dende a parte alta da parcela, destinada ás zonas de uso público. Como o terreo ten unha pendente, na zona onde a superficie é máis baixa hai tamén un andar -1, que albergará a zona restrinxida ao persoal, instalacións e almacéns.
O novo centro de saúde contará cunha área de medicina con seis consultas de medicina xeral, catro de enfermería, unha para farmacia, odontoloxía e hixienista dental; ademais dunha sala de toma de mostras, dúas salas de técnicas e outras tres salas polivalentes. Polo que atinxe a área pediátrica, terá dúas consultas de pediatría e unha consulta de enfermería pediátrica; mentres que a área da muller terá unha consulta de matrona e unha sala de educación para a saúde.