Solapas principales

O Concello de Ames está executando obras por valor de preto de 900.000 euros durante o estado de alarma

Sábado, 25 de abril de 2020

Desde que se decretou o estado de alarma, o Concello de Ames executou ou está a executar diferentes proxectos de obras cun montante total cercano aos 900.000 euros. Son, en total, catorce proxectos dos que destacan a pavimentación de diferentes viarios e accesos, a construción dun parque de aventura, obras de accesibilidade, rehabilitación e acondicionamento, ou a construción dun pozo de grosos na depuradora de Sisalde. Asemade, a administración local, sabedora da necesidade de activación dos sectores da construción e servizos, acordou desde a primeira semana do estado de alarma a realización de mesas de contratación de xeito telemático, de cara a poder seguir cos procedementos que se atopaban nalgunha das fases de contratación. Na actualidade estase traballando en case 40 procedementos de obras e servizos.

Moitas das obras que se están a executar nas últimas semanas fan referencia á pavimentación e arranxo de diferentes viarios e accesos. Así, estanse a pavimentar os viais de Casaliño e do núcleo do Pedregal, na parroquia de Ortoño, o camiño de Mercuto á Folgueira, na parroquia da Ameixenda, o vial da estrada de Framán, na parroquia de Bugallido, e os accesos en Costoia (Biduído), no cemiterio municipal (Ortoño) e en Pedrouzos (Ames). Asemade, estase procedendo ao arranxo do camiño de Quistiláns a Costoia, na parroquia de Biduído, e ao arranxo e pintado da avenida Juan Bueno Bueno, na parroquia de Ortoño. A meirande parte destes proxectos están incluidos no Plan Único de Concellos POS+ 2019.

Accesibilidade
Outro dos traballos que se está a desenvolver na actualidade son as obras de accesibilidade nas Oficinas Xerais do Milladoiro. Así, facilitarase o itinerario vertical substituíndo a escaleira existente por outra, de xeito que permita executar unha plataforma elevadora adaptada e a súa envolvente acristalada. A distribución modifícase variando os núcleos de aseos nas dúas plantas e creando un aseo adaptado en cada planta. Asemade, adaptarase o resto de espazos coas variacións de carpintería, tabiquería precisa para insertar portas adaptadas, mobiliario de uso público, panel informativo adaptado e unha axuda técnica para persoas xordas na atención cidadá principal. Esta actuación, xunto á que xa se levou a cabo no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, está incluída no Plan de Acción Social “PAS complementario de 2015” da Deputación da Coruña.

Parque de aventura da Condomiña
No marco de creación, renovación e mellora de Infraestruturas e áreas de recreo do termo municipal de Ames, estase a desenvolver tamén a remodelación da área de xogos do lugar da Condomiña, pertencente á parroquia de Ortoño. O obxectivo da reforma de dita área de xogos é executar un parque Infantil de aventuras con novos elementos de xogo e un novo pavimento coa finalidade de garantir un servizo axeitado ás necesidades existentes. O pavimento que se instalará na área de xogos rústica está formado por unha delimitación perimetral, mediante travesa de madeira tratada, e pavimento de area lavada na zona da tirolina. No resto das áreas de xogos instalarase pavimento con codia de piñeiro do pais. Posteriormente, procederase ao montaxe e colocación de xogos rústicos. Instalaranse "in situ" e a medida os seguintes xogos rústicos de madeira natural: tirolina sinxela; zancos ou pasos; cordas colgantes; randeeira ou berce/cesto; vigas de equilibrio; e maila construción dun outeiro con xogos de escada e tobogán. Ademais, instalarase distinto mobiliario urbano como bancos individuais e colectivos de madeira natural.

Área deportiva de Bertamiráns
Na área deportiva de Bertamiráns estase a actuar principalmente na pista de tenis, que está ao carón do pavillón polideportivo, da piscina descuberta e do campo de fútbol. Deste xeito, vanse a tirar os muros existentes e mailas gradas desta pista de tenis que se pasará a ser un espazo aberto no que se construirá unha nova pista de pádel e unha nova pista polideportiva exterior. Ademais, contémplase a construción de dous vestiarios, un para homes e outro para mulleres, no interior do pavillón municipal. O acceso realízase desde o vestíbulo que une o exterior do pavillón, zona da piscina coa pista interior, de forma que poidan acceder os usuarios da piscina, do anexo do pavillón e do propio pavillón. Os vestiarios teñen unha zona de bancos e ao fondo unha zona de duchas colectivas. Tamén se ten previsto acondicionar o espazo que actualmente se utiliza como almacén dos socorristas. Os dous proxectos están incluidos no POS+ 2019.

Depuradora de Sisalde
Outro das obras que se está a desenvolver durante este período é a construción dun pozo de grosos na depuradora de Sisalde. A través desta actuación instalarase un pozo á entrada da depuradora, previo ao pozo de bombeo, coa finalidade de concentrar os materiais grosos e areas decantadas nunha zona específica onde se poidan retirar de xeito eficaz. Na actualidade, a auga entra directamente ao pozo de bombeo, o que fai que haxa que retirar eses elementos de xeito manual. Os sólidos retidos no pozo de grosos retiranranse agora a través dunha cuchara bivalva hidráulica, que leva incorporada.

O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, destaca “o traballo que, durante o estado de alarma, se está a realizar tanto polo persoal municipal como polas empresas que realizan as obras, e que pon de manifesto que o Concello segue a traballar a pesares desta situación excepcional. É importante, ademáis, que se continúe coa actividade económica nun momento complicado como este e que, sen dúbida, axuda a manter o emprego e fomenta a economía”.

obras

Multimedia

  • obras 1
  • obras 2