Solapas principales

O Concello de Ames fai un chamamento ás familias amesás para acoller a un neno ou nena saharauí durante o verán

Jueves, 29 de junio de 2023

A asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS) puxo en marcha un ano máis o programa Vacacións en Paz, que permite a nenos/as saharauís ser acollidos por unha familia galega durante dous meses de verán. O departamento de Benestar Social colabora un ano máis nesta iniciativa, e nesta ocasión haberá seis cativos/as que pasarán en Ames a temporada estival. Nese senso, o Concello fai un chamamento ás familias amesás, posto que é necesario atopar de xeito urxente a unha familia que acolla a un deses nenos/as. O prazo límite para presentarse é este domingo, 2 de xullo. 

O Concello de Ames está a colaborar un ano máis coa asociación de Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS) na campaña Vacacións en Paz 2023, un programa de acollida no que centos de nenos e nenas que viven en campos de refuxiados en Tindouf (Arxelia) pasan o verán en Galicia.

A iniciativa permite que os cativos e cativas escapen das altas temperaturas que se acadan durante o período estival no deserto saharauí, así como que pasen revisións médicas, aprendan galego e castelán e se evadan da súa realidade durante unhas semanas.

Nesta ocasión recalarán en Ames, acollidos polas familias do concello, un total de seis cativos e cativas. Chegarán a mediados de xullo, e volverán a Arxelia a primeira semana de setembro. Os billetes de avión serán sufragados polo Concello, mentres que as propias familias serán as encargadas de cubrir as demais necesidades dos nenos/as mentres se atopen realizando a estancia. Ademais, terán dereito a asistencia sanitaria no SERGAS.

É preciso atopar aínda unha familia máis para poder acoller a todos os rapaces e rapazas, polo que o Concello de Ames fai un chamamento urxente a toda a veciñanza para participar no proxecto, por tratarse dunha iniciativa solidaria de gran valor cultural tanto para as crianzas como para as persoas que os acollen. A data límite para inscribirse é este domingo, 2 de xullo. Para anotarse ou obter máis información pódese contactar con Esther Ybarra, delegada de SOGAPS na comarca de Compostela, a través do número de teléfono 609 76 49 45.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Llamamiento urgente para acoger a un pequeño saharaui durante el verano en la capital de A Maía"

AMS GO!: "O Concello de Ames busca familias para acoller un neno saharauí durante o verán"

Cartaz do programa "Vacacións en paz" 2023