Solapas principales

O Concello de Ames habilita o teletraballo para 60 traballadores/as municipais

Sábado, 28 de marzo de 2020

Co obxectivo de seguir avanzando na tramitación de expedientes e frear o mínimo posible a actividade administrativa, o Concello de Ames habilitou durante o estado de alarma o teletraballo para 60 traballadores/as municipais. Este foise configurando en tres tandas: unha primeira de 35 traballadores/as o día 18 de marzo, catro días despois de decretarse o estado de alarma; unha segunda de 14, o día 20 de marzo; e unha terceira de 9, o día 23 de marzo. Unha medida que permite cubrir prácticamente o 100% das necesidades de postos que poden desenvolver teletraballo.

O persoal do Concello pode acceder de xeito remoto ao seu equipo de traballo desde casa e funcionar como si estivera no Concello. Durante os últimos días, estiveron a depurarse os problemas técnicos derivados da conexión simultánea de tantos usuarios, de forma que non se ralentice a conexión e se produzan cortes no subministro. O servizo informático traballa na posibilidade de utilizar dous aplicativos distintos de conectividade remota, unha a existente na actualidade, e outra a partir dun cliente VPN, que igualmente permitirá conectarse coa intranet do Concello e aos equipos personais de cada traballador/a. Asemande, e de cara a evitar picos de conexión, o Concello está a configurar diferentes quendas de teletraballo.

Xunto coa atención telefónica e vía mail que está habilitada en cada departamento, estanse a atender as necesidades da cidadanía que se presentan cada día. O Concello lembra o uso da sede electrónica habilitada, pola que calquera cidadán pode presentar solicitudes, escritos, achegar documentación ou facer reclamacións. Ademais, o Concello ten habilitada a posibilidade de cita previa para asuntos de emerxencia, previa chamada ao servizo correspondente. Os teléfonos de contacto e mails están publicados na web do concello.

Sinatura electrónica
No tocante á sinatura electrónica, case o 50% do persoal con acceso remoto ten certificado electrónico co que pode asinar desde a casa. Para o restante do persoal con necesidades de sinatura estanse a habilitar lectores de tarxeta e autorizouse a levar as tarxetas de empregado público as súas vivendas para realizar a tramitación necesaria e sinatura de expedientes. Durante estes días estivéronse resolvendo as incidencias por parte do departamento informático e, a día de hoxe, non se atopan incidencias activas.

Igualmente, habilitáronse dispositivos móbiles para desvío de teléfonos e atención á cidadanía, ao igual que equipos portátiles para o persoal. Desde o Concello estase a ofrecer atención directa ao persoal co servizo informático e habilitáronse manuais e videos explicativos para o uso das ferramentas. A intención do Goberno é poder habilitar tamén un sistema de reunión por videoconferencia para organización dos departamentos. Na actualidade, xa se realizaron diferentes xuntanzas entre o Goberno e habilitadas por videochamada, e xa se levou a cabo a primeira xuntanza de goberno non presencial.

Asemade, e ante o incremento de días sobre o estado de alarma, o Goberno decidiu manter as xuntanzas de coordinación no mesmo horario que se estaban a levar a cabo e de xeito non presencial. Manteranse, así, os luns ás 13h.

Xuntas de voceiros
En relación ás xuntas de voceiros, o Goberno mantivo a pasada semana unha xuntanza telemática para dar conta de todas as medidas realizadas. Nesta semana levouse a cabo unha segunda videochamada de cara a estudiar a posibilidade de realizar plenos mediante sistema telemático. Desde o Concello estanse a ver as necesidades técnicas para desenvolver esta acción. Ao longo do estado de alarma manteranse xuntas de voceiros todos os venres ás 13h.

Atención á cidadanía
Igualmente, dende o Departamento de Benestar Social estase a atender, cun incremento de chamadas e necesidades, á poboación que require atención neste estado de alarma. Ademáis, veñen de habilitarse mamparas nas oficinas xerais do Concello para a atención en rexistro mediante cita previa. A principios da próxima semana está previsto que tamén se dote de mamparas ás instalacións da Policía Local.

O alcalde de Ames, Jose Miñones, sinala "a necesidade de ir recuperando o ritmo normal no Concello pese ao estado de alarma decretado, e que dentro das nosas posibilidades a cidadanía poda seguir recibindo o servizo desde o Concello".

teletraballo