O Goberno municipal lembra que é obrigatorio o uso da máscara para as persoas de seis ou máis anos en todo momento, tanto cando se estea na vía pública e en espazos ao aire libre, como cando se estea en espazos pechados de uso público ou que se encontren abertos ao público. O uso é obrigatorio aínda que se poida garantir a distancia de seguridade interpersoal de 1,5 metros. A Policía Local de Ames sancionou a 42 persoas por non cumprir esta normativa.
Tras unha primeira etapa dedicada a realizar un labor pedagóxico centrado en tarefas de información e advertencia sobre a obrigación do uso de máscara, a Policía Local procedeu a iniciar a vía sancionadora coa imposición de 42 sancións a outras tantas persoas por non levar máscara na vía pública.
As sancións execútanse tras a entrada en vigor da Resolución do 17 de xullo de 2020 da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade. A nova normativa inclúe a obrigatoriedade de usar máscara tanto en exterior como en interior, mantéñase ou non a distancia de seguridade, con sancións de 100 euros para quen non o faga. Nas terrazas dos bares só poderase retirar no momento da consumición, pero haberá que tela posta o resto do tempo
Víctor Fernández concelleiro responsable da área de seguridade cidadá agradeceu "o comportamento exemplar da inmensa maioría dos veciños e veciñas de Ames nesta crise sanitaria" e reiterou o chamamento á responsabilidade "a esa minoría que aínda non cumpre coas normas e pon en risco a saúde de todos". “Custou moitísimo chegar ata aquí e non podemos dilapidar o esforzo tan grande que realizaron os profesionais sanitarios, as Forzas e Corpos de Seguridade, e toda a sociedade durante o confinamento”.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "Ames tramita 42 sanciones por no cumplir la norma de llevar mascarilla"
El Correo Gallego: "Ames suma 42 multas por no llevar la mascarilla puesta pese al repunte"
Compostela24 Horas: "O concello de Ames impón 42 sancións por non levar máscara na vía pública"