Solapas principales

O Concello de Ames informa da nova Orde na que se establecen as condicións para a realización de actividade física non profesional ao aire libre

Viernes, 01 de mayo de 2020

O Boletín Oficial do Estado publica hoxe venres, 1 de maio, a Orde que ten por obxecto establecer as condicións nas que as persoas de 14 anos en diante poderán realizar actividade física non profesional ao aire libre durante a vixencia do estado de alarma. Nesta Orde recóllense os parámetros a seguir a partir de mañá sábado, 2 de maio, en relación aos paseos con nenos e nenas menores de 14 anos, paseos de persoas de 14 a 69 anos, paseos de persoas maiores de 70 anos e dependentes e saídas de persoas adultas para facer deporte de xeito individual. Dende o Concello de Ames apélase á responsabilidade dos veciños e veciñas no cumprimento das normas polo ben común e evitar así un posible retroceso no control da pandemia.

A Orde establece os desprazamentos permitidos para a práctica de actividade física, en función das idades e en diferentes franxas horarias. Asemade, non poderán facer uso deste permiso as persoas que presenten síntomas ou estean en illamento domiciliario debido a un diagnóstico pola Covid-19, ou que se atopen en período de corentena domiciliaria por ter contacto con algunha persoa con síntomas ou diagnosticado desta doenza. Tampouco poderán facer uso desta habilitación os residentes en centros socio-sanitarios de maiores.

Desprazamentos
A Orde habilita ás persoas de 14 anos en adiante a transitar polas vías ou espazos de uso público para a práctica das actividades físicas que se recollen na mesma. Queda permitida a práctica non profesional de calquera deporte individual que non requira contacto con terceiros, así como os paseos. Estas actividades poderanse realizar unha vez ao día e durante as franxas horarias previstas na Orde. Durante os paseos poderase saír acompañado dunha soa persoa convivinte. Non obstante, aquelas persoas que por necesidade teñan que saír acompañadas poderán facelo tamén por unha persoa empregada de fogar a cargo ou persoa coidadora habitual (máximo 2 persoas).

A práctica non profesional de calquera deporte individual que non requira contacto só se poderá realizar de xeito individual. Tamén neste caso, aquelas persoas que por necesidade teñan que saír acompañadas poderán facelo por unha persoa convivinte, unha persoa empregada de fogar a cargo ou persoa coidadora habitual.

Os paseos realizaranse cunha distancia non superior a un quilómetro con respecto ao domicilio. Dita limitación non será aplicable á práctica non profesional de calquera deporte individual, estando esta permitida dentro do municipio onde se reside.

Os desprazamentos aos que se refire este artigo enténdense sen prexuízo dos permitidos con carácter xeral no artigo 7 do Real Decreto 463/2020, do 14 de marzo, así como pola Orde SND/370/2020, do 25 de abril, sobre as condicións nas que deben desenvolverse os desprazamentos por parte da poboación infantil durante a situación de crise sanitaria ocasionada pola Covid-19, podendo ser estes acumulativos.

Lugares
Poderase transitar por calquera vía ou espazo de uso público, incluídos os espazos naturais e zonas verdes autorizadas, sempre que se respecten os límites establecidos na Orde. Non estará permitido o acceso a instalacións deportivas cerradas para a práctica das actividades previstas, e non se poderá facer uso de vehículo motorizado ou do transporte público para desprazarse a vías ou espazos de uso público co fin de practicar a actividade física prevista.

Franxas horarias
A Orde establece, igualmente, diferentes franxas horarias para a realización das diferentes actividades previstas: a práctica de deporte individual e os paseos só se poderán levar a cabo entre as 6:00 horas e as 10:00 horas e entre as 20:00 horas e as 23:00 horas; aquelas persoas que requiran saír acompañadas por motivos de necesidade e as persoas maiores de 70 de anos poderán practicar deporte individual e pasear entre as 10:00 horas e as 12:00 horas e entre as 19:00 horas e as 20:00 horas. As persoas maiores de 70 anos poderán saír acompañadas dunha persoa convivinte de entre 14 e 70 anos.

Esta norma modifica a Orde reguladora das saídas das e dos menores de ata 14 anos, quedando dita circulación limitada á realización dun paseo diario, de máximo unha hora de duración e a unha distancia non superior a un quilómetro con respecto ao domicilio do menor, entre as 12:00 horas e as 19:00 horas.

Requisitos para evitar o contaxio
Durante a práctica das actividades físicas autorizadas por esta Orde deberá manterse unha distancia interpersoal con terceiros de polo menos dous metros. Débense, así mesmo, evitar os espazos concorridos, así como aqueles lugares onde poidan existir aglomeracións. Na medida do posible, a actividade física permitida debe realizarse de maneira continuada evitando paradas innecesarias nas vías ou espazos de uso público. Cando en atención ás condicións físicas da persoa que está a realizar a actividade sexa necesario facer unha parada nas vías ou espazos de uso público, a mesma levarase a cabo polo tempo estritamente necesario. Igualmente, deberá cumprirse coas medidas de prevención e hixiene fronte á COVID-19 indicadas polas autoridades sanitarias.

paseos e actividade física

Multimedia

  • cartaz paseos e actividade física