[24-08-2018] O concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, responsable de patrimonio, ven de manter unha xuntanza con técnicos municipais e o enxeñeiro de camiños Manuel Durán, especializado na recuperación de pontes históricas, coa finalidade de redactar o proxecto de protección e consolidación da Ponte Cabirta. No encontro acordouse solicitar o cofinanciamento da Deputación da Coruña para realizar as actuacións urxentes de protección e consolidación por un importe máximo de 36.000 euros, para o cal o concello de Ames debe achegar o proxecto técnico correspondente.
Xa no pasado mes de marzo, técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia visitaban a Ponte Cabirta, acompañados do concelleiro David Santomil, na cal se realizaran anteriormente traballos de limpeza na ponte e a calzada empedrada. O acondicioniamento e posta en valor da Ponte Cabirta fíxose dende as dúas marxes do río Sar (dende Costoia e dende o Catro de Miras) con traballos que consistiron na sinalización do acceso e o acondicionamento dunha antiga calzada que existía neste lugar, ao mesmo tempo que dende o departamento de Medio Ambiente retiraban unha grande cantidade de troncos retidos na ponte que poñía en perigo a integridade da mesma. Para iso, contaron coa colaboración dos veciños e veciñas deste lugar.
O Concello de Ames inicia agora o proxecto de consolidación da calzada e o arco da Ponte Cabirta, para o que o concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, responsable de Patrimonio, mantivo esa xuntanza coa finalidade de redactar o proxecto. Con anterioridade, técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia visitaron a zona. Porén, o Concello vai tramitar a figura de planeamento urbanístico que permita a súa protección a través da súa inclusión no PXOM. O documento que se elabore deberá recoller a súa correcta identificación e localización, identificar aqueles elementos e aspectos propios do ben que caractericen o seu valor culural e avaliar o seu estado de conservación.
Entorno da Ponte Cabirta
A ponte Cabirta está construída aproveitando un afloramento rochoso, que lle serviu como soporte xunto coa arcada de 1/4 de punto que aínda se conserva. Este afloramento orixina unha gran fervenza descoñecida para a maioría dos veciños da comarca que tan só perciben a parte mas desagradable do Sar. Así, dende o Concello quérese amosar o potencial que este río ten, aínda que está tan maltratado pola contaminación da auga.
Este entorno natural da ponte Cabirta é especialmente importante debido á antigüidade das carballeiras que existes nos seus arredores, como de outras árbores que foron localizadas polo persoal desta brigada como son un freixo, un salgueiro e un loureiro, que se están estudando para tramitar a súa inclusión no catálogo de árbores senlleiras da Xunta de Galicia. De feito, o devandito freixo, que conta cunha altura de 34,5 metros e un diámetro de 3 metros, xa está confirmada que pode ser incluído en dito catalogo, mentres que o salgueiro e o loureiro está en fase de estudo.
Reparación na ponte histórica de Augapesada
De xeito paralelo ás xestións para a mellora da Ponte Cabirta, encargouse a recolocación dun petril da ponte histórica de Augapesada no Camiño de Fisterra. Con esta actuación, á que se suma a limpeza realizada anualmente na Ponte Maceira, o goberno municipal de Ames vén desenvolvendo traballos para recuperar e protexer as principais pontes históricas do concello (Ponte Cabirta, Ponte Maceira e Ponte de Augapesada) a través do departamento de Patrimonio Cultural.
Contido relacionado
La Voz de Galicia: "Ames encarga el proyecto para consolidar el puente Cabirta y pide fondos a la Diputación para sufragarlo"
Compostela 24 horas: "Ames quere poñer en valor Ponte Cabirta no río Sar"