Solapas principales

O Concello de Ames lanza unha nova campaña de tarxetas desconto “Bonos Consuma”

Jueves, 14 de noviembre de 2024

O Concello de Ames, a través da Concellería de Promoción Económica, retoma o programa de incentivos a través de tarxetas bono, co obxectivo de contribuír á reactivación económica do comercio e da hostalería local. A edición deste ano de “Bonos Consuma” busca impulsar o consumo local e servir de axuda tanto aos veciños como aos comerciantes durante as festas de Nadal. A presentación da campaña realizouse esta mañá no salón de plenos da Casa do Concello. Participaron o alcalde de Ames, Blas García, a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, e a xerente de Xuntanza de Empresarios de Ames, Beatriz López. Os establecementos comerciais e hostaleiros que estean interesados en adherirse ao programa deberán rexistrarse na web www.bonosconsuma.gal entre o 19 de novembro e o 6 de decembro, ambos incluídos. Os bonos poderán gastarse do 14 de decembro ao 14 de febreiro de 2025.

Despois do éxito das edicións de 2021, 2022 e 2023, o Concello de Ames retoma para este Nadal o programa de incentivos ao comercio a través de bonos de desconto. A iniciativa, que busca ter un impacto positivo no comercio local, foi presentada esta mañá polo alcalde de Ames, Blas García, a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, e a xerente de Xuntanza de Empresarios de Ames, Beatriz López. Nesta iniciativa colaboran as asociacións Xuntanza de Empresarios de Ames, Asociación de empresarios Novo Milladoiro e maila Asociación de pequenos comerciantes Viorneira Palmira Bulebar.

O alcalde, Blas García, destacou “un ano máis, quero poñer en valor a importancia destes bonos, porque foron creados non só para incentivar e axudar ao comercio, senón tamén para axudar á veciñanza a aforrar nas súas compras. Os Bonos Consuma xa son un clásico desde a pandemia, con diversas cantidades económicas, e temos que tratar de mantelos. A nosa intención é que sigan estando aí en vindeiras edicións para axudar tanto ao tecido empresarial como aos veciños e veciñas do concello. O volume de negocio da pasada campaña foi de 260.000 euros en menos dun mes, unha cantidade importante a ter en conta que esperamos acadar e mesmo superar na edición deste ano”.

A concelleira de promoción Económicas, Ana Belén Paz, explicou que “hoxe presentamos unha nova campaña de Bonos Consuma que conta cun orzamento de 60.000. Despois do éxitos das edición de 2021, 2022 e 2023, na campaña anterior xerouse un volume de negocio de 258.842,94 euros. En dita campaña participaron un total de 108 establecementos comerciais e de hostalería de Bertamiráns e do Milladoiro, que agardamos que se incremente este ano. Houbo consumo en practicamente todos os sectores: xogueterías, librarías, ópticas, hostalería, moda e complementos, zapaterías, decoración, clínicas veterinarias, perfumerías, establecementos de estética, material deportivo, informática, xoiería, bazar, material didáctico, moda infantil, parafarmacia, pastelerías, etc”.

A xerente de Xuntanza de Empresarios de Ames, Beatriz López, dixo “desde XEA queremos agradecer a iniciativa porque é unha gran axuda. O ano pasado notouse especialmente na campaña de Nadal, onde houbo un incremento considerable do consumo. Queremos animar ao comercio do concello a que se sume e participe na campaña”.

Prazo de adhesión para os establecementos comerciais e hostaleiros
Aqueles establecementos comerciais e hostaleiros que estean interesados en adherirse ao programa deberán rexistrarse na web www.bonosconsuma.gal entre o 19 de novembro e o 6 de decembro, ambos incluídos. Todos os establecementos participantes deberán contar cun adhesivo que os acredite como establecementos colaboradores. Este ano destinaranse un total de 60.000 euros aos Bonos Consuma.

A campaña para veciños/as e visitantes, para consumir os bonos nos establecementos comerciais e hostaleiros de Ames, será do 14 de decembro ao 14 de febreiro de 2025, ambos incluídos.

Características dos Bonos Consuma
A campaña Bonos Consuma busca promocionar os sectores de comercio e hostalería de Ames, para reactivar a economía do municipio impulsando o consumo nos establecementos locais. Cada bono terá a consideración de bono desconto por valor de ata 50€ para as compras que se fagan nos establecementos adheridos, e poderase usar ata o seu esgotamento ou, se é o caso, ata o esgotamento do crédito dispoñible no programa.

Como vai funcionar este desconto? O importe do bono irase reducindo en función do valor da compra realizada:
    • Desconto de 5€ en compras iguais ou superiores a 10€, e inferiores a 30€.
    • Desconto de 10€ en compras iguais ou superiores a 30€, e inferiores a 50€.
    • Desconto de 15€ en compras iguais ou superiores a 50€.

O Concello de Ames lanza unha nova campaña de tarxetas desconto “Bonos Consuma”

Multimedia

  • O Concello de Ames lanza unha nova campaña de tarxetas desconto “Bonos Consuma”
  • O Concello de Ames lanza unha nova campaña de tarxetas desconto “Bonos Consuma”
  • O Concello de Ames lanza unha nova campaña de tarxetas desconto “Bonos Consuma”
  • O Concello de Ames lanza unha nova campaña de tarxetas desconto “Bonos Consuma”