Solapas principales

A I Feira do Pan e do Cereal mestura tradición e innovación fomentando o cultivo sostible de variedades autóctonas de cereais panificables

Miércoles, 03 de mayo de 2023

O Campo da Festa da Bugallido acolle este sábado, 6 de maio, a I Feira do Pan e do Cereal. Unha feira que nace co obxectivo de animar ás persoas do rural a recuperar o cultivo das terras agrarias con cereais autóctonos como o trigo, centeo ou a cebada; cultivos que noutros momentos quedaron relegados e que agora teñen unha grande oportunidade de triunfar da man da recuperación e valoración do pan tradicional. O evento, que busca ser un referente dentro do seu sector, arranca ás 11:30 horas con exposicións, charlas, obradoiros e degustacións. Todas as actividades son de balde e con entrada libre ata completar aforo.

O Campo da Festa de Bugallido acolle este sábado, 6 de maio, a primeira edición da Feira do Pan e do Cereal do Concello de Ames, un evento que nace co obxectivo de poñer en valor un produto esencial na gastronomía e que forma parte, ademais, da economía, da tradición e da cultura de Galicia.

A través das exposicións, charlas, obradoiros e degustacións, a Feira busca ser un referente dentro do seu sector, difundindo a longa tradición panadeira e a gran variedade de pans vencellada á diversidade das paisaxes e dos ingredientes, subliñando a importancia dun produto recoñecido, así mesmo, como Indicación Xeográfica Protexida (IGP).

A Feira do Pan e do Cereal inclúe un amplo programa que se inaugura ás 11:00 horas coa Exposición de Cereais Autóctonos e maquinaria de uso. O programa prosegue ás 11:30 horas, coa charla “O divorcio entre Agricultura e Biodiversidade” ofrecida polo profesor de Zooloxía de USC, Carlos Otero González. A continuación, Mª Ángeles Romero, directora da Cátedra do Pan e do Cereal do Campus Terra da USC, impartirá o relatorio “Falemos de pan”.

As actividades deste evento, que forma parte da programación da Aula da Natureza, continúan ás 13:00 horas co Túnel do Pan e a degustación de diferentes variedades do produto. Entre as 14:00 e as 15:30 haberá un descanso para comer, haberá polbeiro e acompañamento musical.

Ás 15:30 horas comezarán as actividades da tarde cun Obradoiro de pan. Trátase dun taller para todos os públicos no que os asistentes coñecerán paso a paso o proceso de elaboración do pan.

Seguidamente, ás 16:30 horas, será a quenda da charla impartida por Fernando Almeida, de Sementares S.L., baixo o título: “O cereal autóctono e pan galego con IXP”.

O programa da primeira edición da Feira do Pan e do Cereal péchase co Obradoiro de empanada tradicional que se imparte dende as 17:15 horas. Será, tamén, un taller pensado para todos os públicos onde os participantes se acheguen ao proceso de elaboración dunha empanada de millo.

As charlas e os obradoiros son de balde e con entrada libre ata completar aforo.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Ames acoge un ferial gratuito para incentivar el cultivo de cereales y animar a elaborar pan"

Lindeiros: "Ames organiza a I Feira do Pan e do Cereal"

O Concello de Ames mestura gastronomía, tradición e cultura na I Feira do Pan e do Cereal

Multimedia

  • O Concello de Ames mestura gastronomía, tradición e cultura na I Feira do Pan e do Cereal
  • O Concello de Ames mestura gastronomía, tradición e cultura na I Feira do Pan e do Cereal