Solapas principales

O Concello de Ames organiza obradoiros de iniciación e consolidación á marcha nórdica en Bertamiráns e no Milladoiro

Martes, 31 de octubre de 2023

A Concellaría de Deportes e Promoción da Saúde, a través do programa Ames Saudable, organiza obradoiros de iniciación e consolidación á marcha nórdica en Bertamiráns e no Milladoiro durante o mes de novembro. O obradoiro de iniciación desenvolverase o sábado 18 de novembro no Milladoiro e o domingo 19 en Bertamiráns. Os obradoiros de consolidación serán o sábado 25 de novembro no Milladoiro e o domingo 26 en Bertamiráns. Todos os obradoiros impartiranse ás 10.00 horas no Milladoiro, na contorna do pavillón municipal, e en Bertamiráns, no Pazo da Peregrina. Para participar neste cursos é necesario inscribirse previamente ata o 15 de novembro, ás 14.00 horas.

A concelleira de Deportes e Promoción da Saúde, Susana Señorís, destaca que esta “é unha boa forma de iniciarse nas marchas nórdicas que organiza o Concello de Ames todos os xoves dende Bertamiráns e O Milladoiro”. Señorís explica que a función deste obradoiro é a de “dar resposta á necesidade de iniciar ás persoas que sintan interese neste tipo de actividades saudables”.

A marcha nórdica, que consiste en camiñar coa axuda de dous bastóns deseñados expresamente para esta actividade, ten como obxectivo optimizar o esforzo que realizamos ao camiñar, posto que involucra tamén as costas, os brazos e os ombreiros ao exercicio que de por si fan as pernas e as cadeiras. Asemade, reporta a quen o practica tanto beneficios a nivel cardiovascular como á hora de corrixir posturas que se adoptan no día a día.

En vista destes beneficios, o Concello de Ames, a través da Concellaría de Deportes e Promoción da Saúde, organiza durante o mes de novembro obradoiros de iniciación e consolidación para dar a coñecer as técnicas e beneficios que a práctica da marcha nórdica supón para a saúde. Estes obradoiros serán impartidos por Ricardo Angueira.

A práctica deste tipo de marcha pode carrexar beneficios a nivel cardiovascular, como é o uso da musculatura de todo o corpo, o que pode chegar a supor un 30% máis de gasto de enerxía, ou que o uso de bastóns favoreza o bombeo e o retorno venoso. Pero tamén a nivel de corrección de posturas, xa que reduce as molestias cervicais e dorsais, favorece a correcta aliñación da columna vertebral e corrixe as posturas que se poden adquirir día a día.

Así, durante dúas horas, ensinaranse as técnicas necesarias para practicar a marcha nórdica, como son as posturas, como coller os bastóns de forma correcta para sacarlles o maior proveito, e a influencia que este exercicio pode ter no organismo. Estas explicacións combinaranse con pequenas andainas, que permitirán aplicar eses coñecementos. Deste xeito, este exercicio é adecuado para calquera condición física ou patoloxía.

Deste xeito, os días 18 e 19 impartirase o curso de iniciación á marcha nórdica. O sábado 18 realizarase nos arredores do pavillón polideportivo do Milladoiro, mentres que o domingo 19 será no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns. En ambas localidades o curso comezará ás 10.00 horas. O curso de consolidación á marcha nórdica farase os días 25 e 26 de novembro. O sábado 25 realizarase na contorna do pavillón polideportivo do Milladoiro, mentres que o domingo 26 será nos xardíns do Pazo da Peregrina. En ambas localidades o curso comezará ás 10.00 horas.

Tramitación das inscricións
Para participar nestas actividades recoméndase a utilización de roupa e calzado cómodo. Os bastóns para a realización da marcha serán facilitados polo monitor do curso. Para que se leve a cabo, é necesario contar cun grupo dun mínimo de 5 persoas e un máximo de 12, con idades a partir dos 12 anos. Teñen preferencia para participar as persoas que se encontren empadroadas en Ames.

A actividade é de balde. Premendo nesta ligazón podes acceder ao impreso de inscrición. Para máis información pódese chamar ao número de teléfono 649 450 264 ou escribir un correo electrónico ao enderezo promociondasaude@concellodeames.gal.

Cartaz dos obradoiros de iniciación e consolidación á marcha nórdica

Multimedia

  • Cartaz dos obradoiros de iniciación e consolidación á marcha nórdica