- Tematica
A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, deu conta no Pleno ordinario de setembro, celebrado este pasado xoves 24 de setembro, do decreto de aprobación da liquidación do 2019. O Concello de Ames pecha o exercicio 2019 cun superávit de 1.270.000 euros e un remanente de tesourería de 9.250.000 euros, medrando ano tras ano as cifras de execución orzamentaria acadando a cifra de obrigas recoñecidas (gastos) os 23.130.000 euros e a cifra de dereitos recoñecidos netos (ingresos) de 24.520.000 euros, cun resultado orzamentario axustado de 2.400.000 euros, continuando o Orzamento na senda de equilibrio, solvencia e estabilidade orzamentaria.
Continúa o equilibrio orzamentario neste ano 2019, posto que a cifra de ingresos correntes foi de 23.070.000 euros que é superior en 2.540.000 euros á cifra total do gasto corrente, que ascendeu no 2019 a 20.530.000 euros, sen débeda que amortizar durante dito ano.
A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, explicou que “continuamos medrando orzamentariamente dentro dunha senda de estabilidade, cunhas contas saneadas cun nivel de débeda moi baixo 9,93% (o límite é un 110%) e cun superávit positivo de 1.270.000 euros e remanente de tesourería de 9.250.000 euros, que nos permite seguir medrando, ampliando e reforzando servizos e investimentos ano tras ano nas distintas áreas".
Liquidación do orzamento de gastos
No tocante á liquidación do orzamento de gastos recóllense unhas obrigas recoñecidas netas, no exercicio 2019 de 23.130.000 euros, un 9,49% máis que as obrigas recoñecidas no 2018 que foron de 21.130.000 euros, o que supón un incremento en gastos de 2.000.000 euros.
Neste apartado destaca o Capítulo II (gastos correntes en bens e servizos) cun importe de 10.840.000 euros, que incrementou nun 8,85% respecto do ano anterior, é dicir 880.000 euros, afondando nun reforzo, e mellora nos diferentes servizos prestados polo Concello. Tamén salientar a cifra no Capítulo I (gastos de persoal) que ascendeu a 8.580.000 euros, así como a cifra de transferencia correntes recollidas no Capítulo IV que superou o 1.000.000 euros experimentando tamén un crecemento do 4,23 % respecto do ano 2018.
Cómpre destacar tamén o Capítulo VI, de investimentos reais, que acadaron en 2019 a cifra de preto de 2.600.000 euros, na que se recollen todas as execucións e actuacións en materia de investimentos, subindo 400.000 euros respecto do ano 2018 (subida dun 18,39%).
Os gastos financeiros correspondentes ao Capítulo III foron de preto de 12.000 euros e no tocante á amortización de capital de préstamos durante este exercicio 2019, non se gastou nada en amortización de débeda na partida do Capítulo IX-Pasivos Financeiros, motivada pola redución da débeda bancaria nos exercicios anteriores e pola carencia dos préstamos da EDUSI.
Liquidación do orzamento de ingresos
No que respecta á liquidación do orzamento de ingresos, os dereitos recoñecidos netos ascenden a 24.520.000 euros (no exercicio 2018 foron de 24.790.000 euros), diminuíndo preto en 270.000 euros (nun 1%) os ingresos ou dereitos recoñecidos netos respecto do ano anterior.
No tocante aos ingresos correntes (dereitos recoñecidos) destacan como principais partidas de ingresos a recadación por impostos directos (Capítulo I) que acada a cifra de 7.470.000 euros que sufriu un descenso respecto da recadación do ano 2018 dun 11,14%; taxas e prezos públicos (Capítulo III) por importe de 6.625.000 euros; e ingresos por transferencias correntes IV recadando 8.820.000 euros por este concepto.
A porcentaxe de execución nos impostos directos foi dun 96,15%, nas taxas, prezos públicos e outros ingresos (Capítulo III) dun 104,02% e de transferencias correntes (Capítulo IV) de 95,50%, amosan unha boa xestión da área de recadación municipal, acadando unha cifra total de ingresos correntes recadados de 23.070.000 euros.
Por outra banda é importante salientar o incremento na recadación por transferencias de capital (Capítulo VII) que segue a medrar acadando a cifra de preto de 1.140.000 euros, amosando que se continúa a traballar na captación de recursos procedentes doutras administracións.
Estabilidade orzamentaria
Os datos da liquidación do exercicio de 2019 amosan que se continúa na senda do equilibrio orzamentario, xa que a cifra total de ingresos por operacións correntes foi de 23.070.000 euros. Unha cifra que é superior a cifra total de gasto corrente que ascendeu a 20.530.000 euros, sen débeda que amortizar durante dito ano.
Todas estas magnitudes arroxan un resultado orzamentario axustado positivo de 2.400.000 euros e un superávit foi de 1.270.000 euros.
Outra das magnitudes máis importantes que hai que ter en conta é o remanente de tesourería (dispoñibilidades líquidas e dereitos pendentes de cobro/obrigas pendentes). Ao peche do exercicio 2019 o remanente de tesourería ascendeu á cantidade de 9.250.000 euros, cun incremento do 9,55% respecto do ano 2018 que era de 8.450.000 euros, sigue medrando a pesar de que en decembro de 2017 se amortizase a totalidade da débeda bancaria que existía a esa data, e que era de 2.774.350,42 euros.
Débeda do Concello de Ames
Durante o exercicio 2019 concertouse unha operación de débeda a longo prazo, para facer fronte ás achegas de fondos propios das actuacións programadas dentro do Plan Impulsa Ames, da EDUSI, por importe de 312.127,29 euros que sumados aos 222.895,50 euros concertados no 2018 para a mesma finalidade (EDUSI), fan un total de 535.022,79 euros, única débeda bancaria que ten contraída a data de hoxe o Concello de Ames. O resto da débeda provén dos préstamos provinciais da Deputación da Coruña (PAI), incluídos nos POS. Polo tanto, o Concello ten un nivel de débeda viva moi baixo, pois sitúase nunha porcentaxe dun 9,93% cando o límite legalmente establecido é dun 110%.
Estas cifras deixan marxe de manobra para afrontar outras operacións que se precisen no marco das actuacións da estratexia DUSI.
Regra de gasto
O límite legal da regra de gasto no exercicio 2019 era de 19.819.756,43 euros e neste exercicio o Concello de Ames cumpriu a regra de gasto, xa que o gasto computable para o cálculo de dita regra de gasto foi de 19.765.218,72 euros, quedando 54.537,71 euros de marxe ata acadar o límite.
Respecto disto, a concelleira de Economía e Facenda indica que "seguimos a amosar que unha boa xestión económica e unhas contas saneadas e equilibradas coma as do noso Concello, permiten que o orzamento medre nun entorno de estabilidade orzamentaria e poidamos seguir ampliando e reforzando os servizos e realizando novos investimentos. Estas cifras positivas tamén nos van a axudar nesta etapa complicada que estamos a vivir coa crise sanitaria da Covid-19 que, como todos sabemos, leva implícita unha crise económica sen precedentes que todas/os teremos que afrontar e que non vai ser doada".