Solapas principales

O Concello de Ames pecha os parque infantís pola alerta sanitaria decretada pola Xunta de Galicia

Sábado, 14 de marzo de 2020

A Xunta de Galicia decretou este pasado venres, 13 de marzo, a alerta sanitaria na comunidade galega debido ao avance do coronavirus. Tras esta medida adoptada pola administración autonómica, o Concello de Ames, a través da Concellaría de Obras e Servizos Básicos, vén de colocar carteis informativos nos parques infantís municipais comunicando o seu peche.

Deste xeito, recoméndase á veciñanza que fagan caso a esta recomendación e non se empreguen os parques infantís durante os vindeiros 14 días para evitar concentración de adultos e nenos/as nestes espazos e previr a expansión do virus.

Esta medida únese a outras adoptadas polo Concello de Ames este venres, 13 de marzo, sobre o peche das instalacións municipais, a suspensión de espectáculos públicos e actividades recreativas, así como da suspensión da prestación de diferentes servizos municipais.

Unicamente permanecerán abertas ao público as seguintes instalacións municipais: Casa do Concello, en Bertamiráns; Oficinas de Educación, situadas no Pazo da Peregrina; oficinas de Urbanismo; oficinas municipais do Milladoiro; e oficinas de servizos sociais do Milladoiro e de Bertamiráns.

Nestas instalacións que permanecerán abertas priorízase a atención telefónica e telemática. Ademais, faise un chamamento a cordura e sensatez da veciñanza para que acudan a estas instalación se só é imprescindible. Os teléfonos de contacto do Concello son 981 883 002 e 881 074 730 e recoméndase á poboación que, antes de acudir ás instalacións indicadas, concerten unha cita telefónica.  
 
No que se refire a atención dos Rexistros municipais de Bertamiráns e do Milladoiro, recoméndase, non acudir de xeito presencial, sempre que sexa posible e facer a tramitación a través da Sede electrónica municipal. Para calquera consulta tamén se pode enviar un correo electrónico ao enderezo atencioncidada@concellodeames.gal

PREME NESTA LIGAZÓN PARA OBTER MÁIS INFORMACIÓN SOBRE AS MEDIDAS ADOPTADAS POLO CONCELLO DE AMES COMO CONSECUENCIA DO COVID-19

Imaxe sobre o peche dos parques infantís municipais

Multimedia

  • Imaxe sobre o peche dos parques infantís municipais
  • Imaxe sobre o peche dos parques infantís municipais
  • Imaxe sobre o peche dos parques infantís municipais
  • Imaxe sobre o peche dos parques infantís municipais
  • Imaxe sobre o peche dos parques infantís municipais