- Tematica
O Concello de Ames vén de poñer en marcha a terceira edición do obradoiro de emprego dual Renova Ames-Brión III. Este obradoiro terá unha duración de 9 meses e contará con 20 alumnos/as traballadores/as (15 de Ames e 5 de Brión) e 5 persoas que formarán o equipo que dirixirá dito obradoiro (1 director/a, 2 mestres/as de instalación solar fotovoltaica, 1 titor/a orientador/a e 1 auxiliar administrativo). O alumnado dedicarase á instalación e mantemento de instalacións solares fotovoltaicas en edificios municipais de Ames e Brión.
O obradoiro Renova Ames-Brión III ten como obxecto a cualificación e inserción profesional de persoas desempregadas mediante a formación e a práctica profesional no certificado de profesionalidade Montaxe e mantemento de instalacións solares fotovoltaicas, ENAE 0108 de nivel 2.
Por iso é importante que todos aquelas persoas desempregadas, que posúan a ESO ou un certificado equivalente, se apunten nas oficinas do INEM antes do 9 de outubro como demandantes de obradoiros de emprego para que poidan participar no proceso selectivo deste obradoiro. O Renova Ames-Brión III é un programa mixto de emprego e formación dirixido a mellorar a ocupabilidade das persoas desempregadas, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e promovido polo Concello de Ames en colaboración co Concello de Brión.
O obradoiro terá unha duración de 9 meses e formará con 20 alumnos/as traballadores/as (15 de Ames e 5 de Brión). O alumnado traballador será contratado, baixo a modalidade de contrato para a formación e o aprendizaxe, coas particularidades que establece a disposición adicional primeira do Real decreto 1529/2012, do 8 de novembro, polo que se desenvolve o contrato para a formación e o aprendizaxe e se establecen as bases da formación profesional dual, e percibirán as retribucións que lle corresponden conforme á normativa vixente. Ademais, contratarase a 5 persoas que formarán o equipo que dirixirá dito obradoiro (1 director/a, 2 mestres/as, 1 titor/a orientador/a e 1 auxiliar administrativo).
Instalación de equipamentos térmicos de biomasa
A través desta iniciativa na segunda edición do Renova Ames-Brión, o alumnado participante, instalou equipamentos térmicos de biomasa e de mellora da eficiencia enerxética nos locais socias de Ameixenda, Cruxeiras e Firmistáns, en Ames, e na escola infantil dos Ánxeles e na escola rural de Luaña, en Brión. O obxectivo deste obradoiro, que se caracterizou por ser un programa mixto de emprego e formación, foi o de mellorar a ocupabilidade das persoas desempregadas. Por este motivo, as 15 persoas participantes (12 de Ames e 3 de Brión) estiveron, durante estes meses, contratadas baixo a modalidade dun contrato de formación e aprendizaxe.
A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, destaca “a posta en marcha da terceira edición deste obradoiro despois do éxito acado nas dúas anteriores nas que se realizaron traballos de colocación de equipamentos térmicos de biomasa e de mellora da eficiencia enerxética. Nesta ocasión, o alumnado dedicarase á instalación e mantemento de instalacións solares fotovoltaicas en edificios municipais de Ames e Brión. Este ano seguiremos, en colaboración co Concello de Brión, traballando neste eido e mellorando as instalacións de varios locais municipais”.