Solapas principales

O Concello de Ames premiará ás promesas do deporte amesán na XII Gala do Deporte

Jueves, 15 de febrero de 2018

[15-02-2018] A Concellaría de Deportes celebra este venres, 16 de febreiro, o evento que anualmente homenaxea ás máis destacadas e destacados deportistas do concello, así como as entidades deportivas. A Gala do Deporte, que acada este ano a súa décimo segunda edición, contará con actuacións en directo e demostracións dos clubs e escolas. Ata o momento, só se coñece a gañadora do premio do público, que é novamente a patinadora Nadia Iglesias. A gala, que estará apadriñada polo atleta Pedro Nimo, será presentada polos xornalistas Diego Viaño e Terio Carrera. O evento terá lugar na Casa da Cultura de Bertamiráns, a partir das 20:30 horas.


O Concello de Ames organiza a décimo segunda edición da Gala do Deporte, que se celebrará este venres, 16 de febreiro, ás 20:30 horas na Casa da Cultura de Bertamiráns. Os xornalistas Diego Viaño e Terio Carrera serán os encargados de repartir os galardóns nas diferentes categorías. Ata o de agora, só se coñecen os nomes das candidatas e candidatos, polo que as persoas, escolas e clubs galardoados serán anunciados ao longo da Gala. O atleta Pedro Nimo será o padriño da Gala deste ano.

As categorías destes premios, que procuran pór en valor o deporte amesán, son nove: mellor deportista masculino, mellor deportista feminina, deportista ou equipo máis destacado dun club, promesa masculina, promesa feminina, mellor club, recoñecemento especial, premio Colabor@mes e premio especial do público. Durante a celebración da Gala, haberá diversas actuacións en directo, así como demostracións das mozas e mozos que participan en varias modalidades das escolas e clubs deportivos. A Gala tamén incluirá proxeccións de vídeos sobre os deportistas do concello. 

Deportista masculino máis destacado de Ames 
Na categoría de Deportista masculino máis destacado de Ames, os candidatos son o atleta Tariku Novales Quinteiro, que acadou o décimo terceiro posto no Campionato de Europa de Campo a Través, o terceiro na 39ª Copa de Europa de Clubs Júnior, o primeiro no Campionato de España Júnior de 5000 metros e o segundo lugar no 24º Campionato de Europa Júnior 5000 metros; o xogador de squash Borja Golán Santín, gañador no 2017 do Campionato de España Absoluto e terceiro no Campionato de Europa Absoluto, así como semifinalista no Torneo de Chicago; e Guillermo Carracedo Robelo, que logrou, entre outros éxitos, o décimo terceiro posto nos Isa en Paddle sur absoluto e o cuarto no Campionato Europeo de Paddle surf absoluto.

Deportista feminina máis destacada de Ames
Na categoría de deportista feminina máis destacada de Ames as candidatas son a xogadora de golf Fátima Fernández Cano, quen con tan só 21 anos debutou como profesional nos Estados Unidos e acadou o segundo posto no torneo Johnie Imes Intercollegiate, no torneo Idle Hour Intercollegiate e no torneo Sun Belt Championship; a tenista Celia Montero Estevan, que ficou segunda no Campionato Galego Absoluto de Tenis, un logro ao que se uniron vitorias como as do Campionato Galego Júnior individual, as dos dobres feminino absoluto e a de dobres mixto; e a xogadora de fútbol, Núria Rábano Blanco, a terceira das candidatas ao premio, que é integrante do RC Deportivo da Coruña e campioa de Europa coa Selección Española sub 19.

Deportista/ equipo máis destacada/o dun club de Ames
O equipo alevín de fútbol sala das EDM de Ames, que está xestionado polo Bertamiráns FC, é o primeiro dos candidatos ao premio de mellor deportista ou equipo dun club amesán. No 2017, o equipo foi campión de España e revalidou o campionato de Liga da zona de Santiago. De igual maneira, ao longo do 2017, o equipo tamén gañou o subcampionato autonómico e ficou campión de Copa da zona de Santiago. O segundo dos candidatos nesta categoría é o equipo sénior feminino que xoga na primeira división autonómica e na segunda nacional, o CV Bruxas. Este equipo foi clasificado na segunda posición na liga regular e quedou como terceiro clasificado na final a catro do Campionato Galego. Na actualidade, lidera a clasificación con só un partido perdido no que vai de tempadaae a falta da disputa de cinco partidos máis.

Outro dos posibles galardoados nesta categoría é Gabriel Martínez Pachón, do Club de Piragüismo Ribeiras do Tambre. Entre outros títulos, sobresaen na categoría cadete o de campión de España de pista en k1 (1000 metros), o de subcampión de España de pista en k2 (1000 metros), o de campión galego de pista k1 (1000 e 5000 metros) e o de campión galego de pista k2 (1000 e 5000 metros). Ademais, Gabriel Martínez é o número 1 do ranking nacional na categoría cadete de kayak.

Promesa masculina máis destacada de Ames
Integrante do Club de Piragüismo Ribeiras do Tambre é tamén Ángel González Gómez. Subcampión de España cadete de pista en k2 (1000 metros), campión galego cadete de pista k2 (1000 e 5000 metros) e subcampión galego de pista k1 (1000 metros), Ángel González é o primeiro candidato ao premio Promesa masculina máis destacada de Ames.

O atleta Diego Alonso Campo é o segundo dos candidatos. No 2017, foi campión galego de 2000 metros obstáculos xuvenil, subcampión galego 5000 metros pista, oitavo no Campionato Galego Absoluto 1500 metros e terceiro clasificado no Escolar da Pedestre de Santiago. Na competición por equipos, Diego Alonso foi campión galego cross e participou, asemade, coa selección galega de cross no Campionato de España por autonomías (4º por equipos), e no Campionato de España de clubs de cross.

O futbolista Hugo Novoa Ramos é xogador do San Tirso, filial do RC Deportivo da Coruña. Novoa xoga na Liga Galega Cadete, sendo o seu equipo o líder da categoría. Na tempada 2016/17 foi campión galego fútbol 11(Liga Galega Infantil), compoñente da selección coruñesa de fútbol sub 15 e da Selección Autonómica de fútbol 11. O futbolista é o terceiro candidato para o premio. 

Promesa feminina máis destacada de Ames
A xadrecista Nerea Cereijo é a campioa provincial e galega sub10 e sub12, así como a gañadora provincial do Torneo Escolar Xogade e a campioa do Circuíto Promoción sub10, a terceira do Campionato de España sub10 Lentas e a campioa de España sub10 Rápidas. Nerea Cereijo é unha das candidatas ao premio Promesa feminina máis destacada de Ames.

A segunda das candidatas é a xogadora de squash Inka Souto Costa que foi, no 2017, subcampioa da Copa de España sub 13 e terceira no Campionato Galego sub 13. A última das posibles galardoadas nesta categoría é a atleta do Club Millaraio, Degnesh María Mato Gómez, quen foi o pasado ano a campioa galega infantil de 100 metros lisos, acadando o bronce no galego infantil de xabalina. A corredora do Millaraio tamén participou no Campionato de España infantil individual (8ª clasificada) e é a campioa Provincial de 1000 metros lisos, a subcampioa provincial de xabalina e membro do equipo infantil participante no Campionato de España Infantil por equipos e do equipo infantil bronce no Campionato Galego Infantil por equipos.

Recoñecemento especial e mellor club
O Recoñecemento Especial será outorgado este ano a Julio Lamas Villaverde e a Manuel Capeáns Fernández por toda unha vida dedicada ao fútbol afeccionado, tanto no terreo de xogo como desempeñando distintas funcións no Bertamiráns FC, como a de directivos, delegados e outras, colaborando no correcto funcionamento da entidade. O premio ao mellor club será anunciado durante o desenvolvemento da Gala.

Premio Colabor@mes
Como todos os anos o Concello quere agradecer a labor e colaboración das empresas co deporte Amesán. Nesta ocasión o premio será para Galp pola súa confianza e patrocionio en diversas actividades deportivas do Concello, entre as que destaca a carreira pedestre na que levan varios anos colaborando.

Premio Especial do Público
Este ano, o premio especial do público elixiuse entre o xogador profesional de squash, Borja Golán Santín, que en 2017 logrou o terceiro posto no campionato de Europa e vén de proclamarse campión de España por décimo sexta vez; o xogador de fútbol, Fernando Seoane Antelo, que actualmente xoga como centrocampista no Club Deportivo Lugo da Segunda División e é un dos capitáns do equipo; a patinadora Nadia Iglesias de Salvador, campioa de Europa e medalla de bronce no Campionato do Mundo Júnior de Patinaxe Artística; o boxeador, José Ramón Mirás, tres veces campión de España de peso galo entre o 2016 e o 2017; e a futbolista, Nuria Rábano Blanco, campioa de Europa coa selección Española de Fútbol Feminina sub-19 e actual xogadora do Real Club Deportivo da Coruña.

Unha vez pechada a enquisa, que estivo activa na páxina web municipal ata o 17 de xaneiro, resultou gañadora a patinadora Nadia Iglesias, cun total do 60% dos votos emitidos. En segunda posición ficou o boxeador José Ramón Mirás, co 27% do total. A futbolista Nuria Rábano acadou o terceiro lugar e a cuarta posición foi parar ao futbolista, Fernando Seoane. O xogador de squash, Borja Golán, ficou en quinta posición nunha votación na que participaron 1.769 persoas con votacións individuais, ao non estar permitido emitir máis dun voto por persoa.

Contido relacionado


Lindeiros: "Ames celebra hoxe a XII Gala do Deporte"