Solapas principales

O Concello de Ames presenta a cuarta edición do Premio Lingua e Empresa que promove o uso do galego na actividade empresarial amesá

Lunes, 18 de octubre de 2021

O Concello de Ames, a través do Servizo de Normalización Lingüística e do departamento de Promoción Económica, pon en marcha por cuarto ano consecutivo o Premio Lingua e Empresa, co obxectivo de  promover o uso da lingua galega na actividade económica do Concello de Ames, concretamente na actividade empresarial. Optarán a este galardón todas as empresas, con sede social ou centro de actividade no concello de Ames, que sexan propostas ata o 16 de novembro por calquera persoa ou entidade, ou pola propia empresa que queira participar. Premiaranse dúas categorías aquelas empresas que fan un uso diario do galego e aquelas que se crearon nos dous últimos anos ou empregan o galego dende esa mesma data. O premio Lingua e Empresa ten unha dotación económica de 3000 euros.

O Salón de plenos do Concello de Ames acolleu esta mañá a presentación da cuarta edición do Premio Lingua e Empresa. Ao acto de presentación asistiron a concelleira de Normalización Lingüística, Escarlata Pampín e a concelleira de Promoción Económica, Ana Paz. As concellerías de Normalización Lingüística e a de Promoción Económica organizan por cuarto ano consecutivo esta iniciativa co fin de promover o uso do galego na actividade económica do concello de Ames, concretamente na actividade empresarial, e recoñecer publicamente a contribución ao aumento e mellora do uso social do galego desde este sector.

Así, valorarase o uso da lingua galega tanto no referente á comunicación externa como á interna. Tamén se terá en conta o impacto que a actividade empresarial poida ter en sectores especialmente relevantes para o proceso de normalización lingüística.

A cuarta edición do Premio Lingua e Empresa ten dúas categorías. A primeira para premiar a aquelas empresas que teñen un uso consolidado e estable do galego dende hai máis de dous anos. E a segunda que recoñece a aquelas empresas que se crearon nos dous útimos anos ou que empregan o galego dende esa mesma data.

Dotación económica
O premio Lingua e Empresa terá unha dotación económica de 3.000 euros; 1.500 euros en cada unha das categorías, ademais dunha campaña de difusión das empresas gañadoras da radio municipal, Ames Radio.

O galego é un elemento diferenciador
A concelleira de Normalización lingüística, Escarlata Pampín, manifestou que “a idea é levar o galego a todos os recunchos a través deste premio para poñer de manifesto que o galego é un claro elemento diferenciador e que o galego sempre suma”. E engadiu “agardamos que a participación sexa un éxito e que as empresas se decanten pola opción de diferenciarse e aportar á súa empresa calidade e confianza que creo que son os valores que aporta o galego no tecido empresarial e comercial”.

A concelleira de Promoción Económica, Ana Paz, destacou “o uso do galego non é un obstáculo senón un aspecto positivo de diferenciación no comercio”. E incidiu “a través desta iniciativa queremos implicar ás empresas de comercio e hostalaría no uso do noso galego na súa atención ao cliente, na relación comercial e no trato coa xente, así como aplicalo ás novas tecnoloxías”.

A Técnica do Departamento de Normalización Lingüística, Rosa Moreiras, engadiu “temos por diante un mes para que as empresas poidan presentar as súas candidaturas e tanto eu como o Técnico de Promoción Económica quedamos á disposición de todos os participantes para resolver dúbidas ou trasladar a información que precisen”.  

O Técnico de Promoción Económica, Jorge Couñago, trasladou “estamos encantados de colaborar outro ano máis con Normalización Lingüística neste proxecto.  Entendemos que é moi importante que as empresas empreguen o galego con carácter diferenciador e debemos incentivalo”.

Prazo e forma de presentación
O prazo de presentación de solicitudes xa está aberto e rematará o 16 de novembro de 2021. As empresas poderán presentar directamente a súa candidatura ou seren propostas por calquera persoa ou entidade, xustificando, na medida do posible, os méritos cos que conten.

As candidaturas presentaranse de xeito telemático, a través da Sede electrónica do Concello de Ames. Tamén se pode presentar, con cita previa, esta ficha de inscripción na Oficina de Rexistro Xeral en Bertamiráns ou na Oficina de rexistro auxiliar do Milladoiro, das 9.00 ás 14.00 horas, con cita previa.

As empresas candidatas á obtención do premio, para manter esta condición, deberán acceder a facilitarlle ao Concello de Ames toda a información que se lles requira acerca dos usos lingüísticos na súa comunicación interna e externa. Para solicitar máis información pódese contactar co Servizo de Normalización Lingüística (normalizacion@concellodeames.gal / 662 377 215) ou co departamento de Promoción Económica (promocioneconomica@concellodeames.gal / 981 883 002 -ext. 5177).

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "Impulsar el gallego a nivel comercial tiene premio: publicidad y 3.000 €"

O Concello de Ames presenta a cuarta edición do Premio Lingua e Empresa que promove o uso do galego na actividade empresarial amesá

Multimedia

  • O Concello de Ames presenta a cuarta edición do Premio Lingua e Empresa que promove o uso do galego na actividade empresarial amesá
  • O Concello de Ames presenta a cuarta edición do Premio Lingua e Empresa que promove o uso do galego na actividade empresarial amesá
  • O Concello de Ames presenta a cuarta edición do Premio Lingua e Empresa que promove o uso do galego na actividade empresarial amesá
  • O Concello de Ames presenta a cuarta edición do Premio Lingua e Empresa que promove o uso do galego na actividade empresarial amesá
  • O Concello de Ames presenta a cuarta edición do Premio Lingua e Empresa que promove o uso do galego na actividade empresarial amesá