Solapas principales

O Concello de Ames presenta as II Xornadas de saúde mental, que se celebrarán o 13 de maio

Martes, 18 de abril de 2023

O Concello de Ames organiza para o vindeiro sábado, 13 de maio, as II Xornadas de saúde mental, que nesta ocasión xirarán arredor do benestar emocional na terceira idade e o envellecemento activo. Trátase do segundo ano consecutivo que se celebra esta iniciativa, que a edición pasada se enfocou na saúde mental infanto-xuvenil. As xornadas, que están dirixidas ás persoas interesadas no benestar psicolóxico e a profesionais de todos os sectores, contarán cunha mesa redonda, dúas conferencias e dous talleres prácticos. Participar é de balde, previa inscrición a través do enderezo electrónico xornada.ames@gmail.com. O acto de presentación da programación correu a cargo do alcalde de Ames, Blas García, a concelleira de Benestar Social e Igualdade, Beatriz Martínez, os psicólogos e coordinadores das xornadas, Belén Montesa e Juan Carlos Permuy; e a psicóloga do Concello de Ames, Mónica Antelo.

O salón de plenos da Casa do Concello acolleu esta mañá a presentación das segundas xornadas de saúde mental, un proxecto que deu comezo o pasado ano, coa celebración dun evento que xirou arredor do benestar emocional das crianzas e da rapazada. Nesta ocasión, a iniciativa enfócase nas persoas da terceira idade.

As xornadas, que se celebrarán o sábado 13 de maio na Casa da Cultura de Bertamiráns, a partir das 9:30 horas, diríxense a profesionais que traballen coa xente maior (persoal sanitario, de servizos sociais, equipos de prevención...) e tamén ás familias e a todas aquelas persoas que estean interesadas no benestar psicolóxico.

A concelleira de Benestar Social e Igualdade, Beatriz Martínez, sinalou que “estas xornadas fan unha dobre labor: por un lado desmitifican a saúde mental e póñena en valor, quitan os tabús. Por outra banda, para esas persoas que poden estar sufrindo calquera tipo de saúde mental ou para o seu entorno poden ser unha ferramenta para poden entender o que lles sucede”.

Pola súa banda, o psicólogo e coordinador do programa coidadosÁmente Juan Carlos Permuy explicou que “seguindo coa liña das primeiras xornadas de saúde mental, o que intentamos facer este ano é dar visibilidade a outro rango da poboación que ás veces queda un pouco invisibilizado, que é a terceira idade. O ano paso fixémola abarcando a infancia e a adolescencia, unha etapa na que hai que incidir moito, pero a terceira idade ten un espazo máis longo. Queríamos darlle certa visibilidade e abarcar distintos aspectos para ver como mellorar esta etapa vital. Nas xornadas queremos facer un círculo arredor deste período, abarcando non só ás persoas que están nestas idades, senón tamén a quenes están ao seu cargo”.

Na mesma liña, a tamén psicóloga e coordinadora do proxecto, Belén Montesa, fixo fincapé en que “quixemos dar unha visión dende a perspectiva do benestar emocional, ademais dos problemas de saúde mental, contando con persoas que están tendo un envellecemento saudable e activo, ademais de con profesionais do sector. Son unhas xornadas moi diversas, e esperamos que, como as do ano pasado, sexan un éxito de participación e que se lle poida dar unha continuidade a este espazo de coidado e benestar emocional”.

Mónica Antelo, psicóloga do CIM de Ames, aproveitou para “invitar a toda a veciñanza e a todos os profesionais para que acudan un ano máis a estas xornadas, polo interese que teñen. Non hai que esquecer que a sociedade envellece, e recordar que ter boa saúde non só engloba ao estado físico, senón tamén ao mental e ao social. A participación nestas xornadas pode axudar a mellorar a calidade de vida de todos nós”.

Pechou a rolda de intervencións o alcalde de Ames, Blas García, que “despois da época da pandemia fomos collendo máis conciencia sobre o problema da saúde mental, que fai anos era un tema tabú. É positivo realizar estas xornadas, especialmente dirixidas á xente maior, para trasladarlle á cidadanía a normalidade de calquera enfermidade”. Ademais, quixo trasladarlle aos coordinadores do proxecto o seu agradecemento por traballar a prol do benestar emocional.

Programación
As II Xornadas de saúde mental contarán cunha mesa redonda, dúas conferencias e dous talleres prácticos, que versarán sobre temas diversos como o envellecemento saudable, as relacións interpersoais ou os coidados na terceira idade. As charlas desenvolveranse en horario de mañá, mentres que en horario de tarde terán lugar os obradoiros.

O programa dará comezo arredor das 9:30 horas, coa apertura e a recepción da documentación. Unha vez inaugurada a xornada, terá lugar a primeira mesa redonda, que moderará a técnica de Promoción da Saúde do Concello de Ames, Rosana Martínez. Baixo o nome “A participación social como experiencia de envellecemento saudable”, a mesa redonda acollerá a Rubén Ramos, responsable técnico municipal de voluntariado da Concellaría de Benestar Social de Ames; Manuela Fraguela, Presidenta da Plataforma de Pensionistas de Compostela; e Juan Carlos Cancela, Alumno do IV Ciclo USC e titor de novo alumnado da terceira idade que se incorpore á universidade.

A continuación, tras unha pausa de descanso activo e aperitivo saudable, desenvolverase a primeira das conferencias, que estará protagonizada por Santiago Frago, director médico no Instituto Amaltea de Sexoloxía. Fraga será presentado por Belén Montesa, coordinadora da xornada e do programa de prevención “coidadosÁmente”. A charla xirará arredor da saúde sexual e o amor como fonte de vida.

Para rematar a sesión de mañá, Sara Marsilla, doutora en psicoloxía pola USC e experta en envellecemento saudable, desenvolverá a conferencia “Coidando das persoas que coidan”. Será presentada por Mónica Antelo, psicóloga do CIM do Concello de Ames e docente na USC.

Xa en horario de tarde, terán lugar dous talleres simultáneos, “Alimentación e actividade física para envellecer de forma saudable”, e “Mitos e falsas crenzas na sexualidade das persoas maiores. A viuvez, outra etapa para afrontar”. Ambos darán comezo ás 16:00 horas. A primeira estará presentada por Juan Carlos Permuy, coordinador da xornada e do programa de prevención “coidadosÁmente”, e impartida por Ana Martínez, médica e técnica do servizo de estilos de vida saudable da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia; e por Paula García, técnica do Servizo de Estilos de Vida Saudable da Consellería de Sanidade.

O segundo dos obradoiros será presentado por Belén Montesa e impartido por Santiago Frago. As persoas participantes deberán escoller o taller no que queren participar no momento de anotarse.

Información sobre as inscricións
As persoas interesadas en participar nesta xornada poden inscribirse de balde, enviando un correo ao enderezo electrónico xornada.ames@gmail.com e indicando nome e apelidos, lugar de residencia, se a asistencia será presencial ou en streaming, e preferencia por un dos dous talleres de tarde simultáneos. As prazas son limitadas e asignaranse por orde de inscrición.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Las II Xornadas de saúde mental desvelarán en Ames los secretos del envejecimiento saludable"

Lindeiros: "Ames organiza as II Xornadas de saúde mental"

As xornadas terán lugar o día 13 de maio, a partir das 9:30 horas

Multimedia

  • O Concello de Ames presenta as II Xornadas de saúde mental, que se celebrarán o 13 de maio
  • O Concello de Ames presenta as II Xornadas de saúde mental, que se celebrarán o 13 de maio
  • O Concello de Ames presenta as II Xornadas de saúde mental, que se celebrarán o 13 de maio
  • Díptico das xornadas de saúde mental