Solapas principales

O Concello de Ames presenta o evento tecnolóxico “Día da AMTIC”

Lunes, 28 de noviembre de 2022

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Cultura e Tecnoloxías da Comunicación, organiza o evento tecnolóxico “Día da AMTIC”, que se desenvolverá o sábado 10 de decembro de 10:30 a 20:00 horas na Casa da Cultura do Milladoiro. Haberá actividades informáticas como talleres de administración electrónica, de impresión 3D ou do programa GIMP para todos os públicos, así como distintos espazos permanentes con torneos e obradoiros, e unha charla denominada “Adiccións e videoxogos. Como evitar que o meu fillo/a me arruíne”.

A concelleira de Cultura e Tecnoloxías da Información, Natividade González, presentou esta mañá o programa da xornada, acompañada pola técnica responsable da Aula Municipal Tecnolóxica da Información e da Comunicación do Milladoiro (AMTIC), Almudena Caamaño, así como por José Negreira, que acudiu en representación da empresa organizadora do evento, Os Ventos.

A actividade celébrase con motivo do Día mundial da informática, que se conmemora o día 9 de decembro en homenaxe a Grace Murray Hooper, muller pioneira na programación que desenvolveu varias aplicacións contables para o primeiro ordenador electromagnético do mundo.

Deste xeito, o sábado 10 de decembro, celebraranse no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro unha serie de obradoiros informáticos para todos os públicos a partir das 11:00 horas, e, ademais, de 10:30 a 20:00 horas haberá instalados distintos espazos abertos con actividades permanentes, todas elas de balde. Para completar a programación, ofrécese unha charla da man do doutor José Luis Montiel, que xirará en torno ás adiccións e os videoxogos.

A concelleira de Cultura e Tecnoloxías da Comunicación, Natividade González, convidou aos veciños e veciñas de Ames a participar na xornada, e sinalou que o evento supón “un paso máis para a AMTIC, a aula da que estamos desfrutando no Milladoiro con tantas actividades neste último trimestre do ano. Non queríamos rematar o ano sen facer algo moi especial, e consideramos que é un evento tecnolóxico que se vai a achegar aos máis pequenos da casa. Tamén hai algún obradoiro, como o de administración electrónica, que estamos seguros de que aos máis maiores lles pode resultar moi interesante”. A concelleira explicou tamén que un dos principais obxectivos da actividade é que a poboación amesá poida “seguir coñecendo a aula AMTIC con obradoiros que están pensados para todos os públicos”.

A técnica do departamento de Tecnoloxías da Comunicación, Almudena Caamaño, indicou que “a aula AMTIC abriu no mes de maio, e desde entón leva programando unha serie de actividades. Para o día 10 de decembro temos obradoiros centrados na propia aula de informática e os espazos abertos e permanentes, que son talleres máis lúdicos. Están pensados para todo o público, sen límites de idade. O día vaise pechar cunha conferencia, que coidamos que aborda un tema moi importante, as adiccións e os videoxogos, e será impartida por José Luis Montiel”.

Pola súa banda, José Negreira, en representación de Os Ventos, dixo que “unha vez máis, o Concello de Ames aposta pola tecnoloxía e pola promoción desta aula do Milladoiro, unha demanda que xa foi atendida no seu momento coa súa creación, e que está funcionando moi ben, tanto a nivel de cursos como de asistencia na Aula Aberta”. Ademais, explicou que “o obxectivo desta cita é tanto achegar á xente aos contidos da aula como poder vivir un día en familia en torno á tecnoloxía. Para iso imos ter unha serie de espazos, talleres de impresión 3D, e talleres de administración electrónica, que son cada día máis necesarios para poder relacionarse co Concello e facilitar os trámites nesta era dixital. Por outro lado haberá un torneo de FIFA e consolas a disposición de todos os rapaces”.

Programa do evento
As actividades informáticas do espazo AMTIC darán comezo a partir das 11:00 horas cun taller de administración electrónica, que versará sobre os certificados electrónicos e como usalos, e que está especialmente enfocado na sede electrónica do Concello de Ames.

De 12:30 a 13:30 e de 18:00 a 19:00 horas terán lugar dous obradoiros de impresión 3D. Neste caso, os asistentes aprenderán a empregar un sinxelo programa e poderán poñer en práctica os coñecementos adquiridos facendo as súas propias impresións.

Finalmente, de 16:30 a 17:30 horas celebrarase un taller que xirará arredor do programa de edición de imaxes GIMP. Como o resto de actividades, estará aberto a todos os públicos, e poderán participar pais e fillos de maneira simultánea.

Para asistir a calquera dos catro obradoiros é necesario inscribirse previamente, enviando un correo ao enderezo electrónico informatica.milladoiro@concellodeames.gal, no que se indiquen o taller no que se quere participar, nome, apelidos e un teléfono de contacto.

Por outro lado, os espazos abertos de actividades permanentes estarán instalados na Casa da Cultura de 10:30 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas, e irán desenvolvéndose ao longo do día nesa franxa horaria, segundo vaian chegando os interesados.

Na aula de usos múltiples da Casa da Cultura celebrarase o taller Hama beads, un xogo enfocado a fomentar a creatividade e a mellora das habilidades motoras e lóxicas. Así mesmo, tamén se instalará un obradoiro de creación de espadas láser. Doutra banda, haberá un “espazo consolas”: no auditorio celebrarase un torneo de FIFA, mentres que no vestíbulo terá lugar a actividade “Xogando con Nintendo Switch”.

Para participar no torneo de FIFA é necesario anotarse, enviando un correo electrónico ao enderezo amesenxogo@gmail.com, indicando o taller no que se vai participar, nome, apelidos e teléfono de contacto. No resto de actividades dos espazos abertos é recomendable inscribirse, aínda que permanecerán abertas ao público durante toda a xornada.

O evento contará, ademais, coa conferencia “Adiccións e videoxogos. Como evitar que o meu fillo me arruine”, ás 12:30 horas. Será impartida por José Luis Montiel Castaño, que está licenciado en Medicina e Cirurxía pola USC e actualmente é responsable do servizo médico CAPD Sarria. A traxectoria profesional de Montiel está moi ligada aos videoxogos, posto que, ademais de xogador, é asesor e organizador de eventos e CEO de GG ViewSonic SimRacing Team. A entrada é libre ata completar aforo.

Para máis información sobre a xornada pódese chamar ao número de teléfono 981 535 940 ou escribir ao enderezo informatica.milladoiro@concellodeames.gal.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Cita con la era digital y espacio para los jugones en Milladoiro el próximo día 10"

AMS GO!: "A Casa de Cultura do Milladoiro acolle o sábado o 'Día da AMTIC' con motivo do Día Mundial da Informática"

O evento busca dar a coñecer a AMTIC á veciñanza amesá

Multimedia

  • O Concello de Ames presenta o evento tecnolóxico “Día da AMTIC”
  • O Concello de Ames presenta o evento tecnolóxico “Día da AMTIC”