- Tematica
O departamento de Normalización Lingüística do Concello de Ames organizou este sábado 20 de abril, no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns, un acto para presentar o libro antolóxico do XX Certame Literario. A dito acto acudiron a maior parte dos gañadores e gañadores do certame literario de 2023, así como varios representantes da Corporación municipal, entre os que se atopaban o alcalde e maila concelleira de Planificación e Xestión Educativa e Mocidade. O acto estivo presentado pola xornalista e escritora, Nazaret López.
A Casa da Cultura de Bertamiráns acolleu este sábado o acto de presentación do libro cos 18 textos premiados XX Certame Literario de Ames. Nazaret López, xornalista e escritora, foi a encargada de presentar o acto e de ir dando paso aos gañadores e gañadoras do certame literario de 2023 que leron fragmentos das súas propias creacións.
O alcalde e concelleiro de Normalización Lingüística, Blas García; a concelleira de Planificación e Xestión Educativa e Mocidade, Carmen Porto; a concelleira e voceira do Partido Popular, Oliva Agra; e a concelleira e voceira do BNG, Escarlata Pampín, tamén leron textos dalgúns autores e autoras que non puideron acudir ao acto.
Durante o acto, interviu o concelleiro de Normalización Lingüística e alcalde de Ames, Blas García, que anunciou que dende o departamento de Normalización Lingüística estase traballando na elaboración de dous libros, un de narrativa e outro de poesía, que recollan todos os textos premiados nas vinte edicións convocadas. Este ano xa está convocada e en marcha a vixésimo primeira edición deste certame literario á que se poden presentar traballos ata o 24 de abril.
O concelleiro de Normalización Lingüística dixo “a lingua galega é de todos e todas, por iso é moi importante que os diferentes alcaldes e concelleiros/as que foron pasando polo goberno do Concello de Ames, apostaran e mantiveran este certame literario, que serve para dar a coñecer a calidade literaria que temos en Ames e fóra do noso concello, así como ferramenta para apoiar a nosa lingua”.
XX Certame Literario do Concello de Ames
No libro inclúense todos os textos finalistas no XX Certame Literario de Ames, que se desenvolveu no ano 2023, e que recibiu un total de 167 traballos. Premiáronse dezaoito propostas que se repartiron entre as categorías de narrativa e poesía e entre as diferentes franxas de idade (maiores de 18, entre 14 e 17 anos e menores de 13).
Os traballos gañadores procedían de catorce concellos, espallados por toda a xeografía galega. Deste xeito, entre a listaxe de premiadas atópanse obras con orixe en Ames, Negreira, Touro, Sada, Ames, A Coruña, Marín, Teo, Santa Comba, Nigrán, Arteixo, Carballo, Cangas, Lugo e Mos .
Aquí, no concello de Ames, quedaron dous galardóns: o segundo premio da primeira categoría na modalidade de narrativa e o primeiro premio da terceira categoría na mesma modalidade .
As persoas gañadoras recibiron como obsequio unha rosa e un dos exemplares deste libro que compila os dezaoito textos gañadores da vixésima edición do Certame Literario.
O libro está formado por nove relatos de narrativa e outros tantos de poesía. Uns traballos que foron seleccionados de entre 167 propostas por Ismael Ramos Castelo, Anna R. Figueiredo e Andrea Porto Mato, adicados todos eles ao mundo da creación literaria. A recompilación completa pódese consultar premendo nesta ligazón e nas bibliotecas municipais.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "O XX Certame Literario amesán recompila os textos nunha obra"