Solapas principales

O Concello de Ames presenta o programa de actividades do 25N, “Que o meu machismo non se converta no teu problema”

Miércoles, 09 de noviembre de 2022

O Concello de Ames, a través da Concellería de Benestar Social e Igualdade, organiza un ano máis un programa de actividades de conmemoración do Día internacional da eliminación da violencia contra a muller 2022. A campaña deste ano, que leva o lema “Que o meu machismo non se converta no teu problema”, inclúe actividades que se alongarán dende o 17 de novembro ata o 1 de decembro. Nesta ocasión, o programa inclúe un espectáculo de teatro, andainas contra as violencias machistas, unha charla informativa sobre as agresións sexuais e as xornadas “Achégate á igualdade”, que contarán coa presenza de distintas profesionais do ámbito da saúde e expertas en violencia de xénero.

Ames acollerá un ano máis unha serie de actos e obradoiros con motivo do Día internacional da eliminación da violencia contra a muller, que se conmemora o 25 de novembro. O programa, que ten como obxectivo poñer o foco na concienciación sobre a violencia machista e as súas consecuencias, foi presentado esta mañá polo alcalde de Ames, Blas García, e a concelleira de Benestar Social e Igualdade, Luisa Feijóo, que estiveron acompañados por Mayte Arufe e Soraya Añón, do Centro de Información á Muller (CIM).

A concelleira de Igualdade, Luísa Feijóo, destacou que a campaña deste ano está enfocada “nos machismos e micromachismos que sufrimos no día a día. O que queremos é visibilizalos, e que, sobre todo os máis mozos, os vaian coñecendo, porque identificalos lévanos a desbotalos da nosa sociedade”.

Ademais, sinalou que “fixemos unha batería de accións que van dende as andainas, visibilizando a repulsa da sociedade amesá contra as violencias, ata obras de teatro, que dende un toque de humor, axúdannos a identificar as circunstancias que poden pasar na vida de calquera muller. Teremos tamén o acto institucional, que constará dunha charla e leremos o manifesto. Contaremos coa actuación do grupo da EMMA e teremos tamén unha pequena performance. Como colofón ao programa haberá as xornadas Achégate”.

Pola súa banda, o alcalde de Ames, Blas García, lamentou ter que conmemorar un día como o 25N, e salientou que “temos que seguir facendo este tipo de xornadas. A clave destas actividades é entrar nos centros educativos, para que os nenos e as nenas vaian medrando e loitando dende pequenos contra a diferenza de sexo e para que haxa unha igualdade real. Aí é onde temos que estar as administracións, facendo actuacións durante todo o ano”. O rexedor municipal aproveitou tamén para felicitar “á concelleira e ás traballadoras do departamento”.

Mayte Arufe, do Centro de Información á Muller (CIM) animou “a que se participe nestas xornadas, e que deixemos claro quen os cidadáns e as cidadás de Ames estamos en contra da violencia”.

Actividades programadas

O programa de actividades dará comezo o día 17 de novembro coa andaina contra as violencias machistas que se organiza dende o programa SaúdeAndo. Sairase dende o centro de saúde do Milladoiro ás 17:30 horas, e non é necesaria inscrición previa. O xoves 24, á mesma hora, terá lugar outra andaina coa mesma temática, con saída dende o centro de saúde de Bertamiráns.

Para o día 19 de novembro está programada a representación da obra de teatro SOA no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro, ás 20:30 horas. O espectáculo está protagonizado pola actriz Rogelia dos Outeiros, e conta a historia dunha muller maltratada física e psicoloxicamente que, pechada na casa polo seu marido, atopa na súa veciña unha confidente á que contarlle a súa historia, atopando unha válvula de escape ás súas circunstancias. Descóbrese así unha cruenta realidade nun contexto que mestura medo, desesperación, tristura e claustrofobia. Tamén aparecen situacións cómicas para retratar a vida da muller: un marido tolo, un cuñado enfermo e uns fillos ausentes, que se suman á soidade e ao machismo. Por outra banda, a obra tamén mostra a outra cara da moeda: a complicidade, a liberdade sexual, a autoestima e a esperanza. As entradas son de balde e os convites xa se poden retirar na billeteira electrónica do Concello de Ames.

O venres día 25 de novembro terá lugar o acto institucional no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, ás 17:00 horas. Haberá unha charla informativa sobre violencias e agresións sexuais, encadrada no marco de acción da Secretaría Xeral de Igualdade para o ano 2022. Ademais, repartirase material da campaña “Que o meu machismo non se converta no teu problema”, e terá lugar unha actuación da man da Escola Municipal de Música de Ames (EMMA).

Para rematar, o día 1 de decembro celebraranse, un ano máis, as xornadas “Achégate á igualdade”, que se desenvolverán entre as 9:30 e as 14:30 horas na Casa da Cultura de Bertamiráns. Nesta ocasión asistirán profesionais do ámbito da saúde e expertas en violencia machista, e haberá unha mesa redonda e dúas conferencias. Para participar é necesario inscribirse, enviando un correo ao enderezo electrónico achegate22@gmail.com, indicando nome, apelidos e forma de asistencia: persoal ou por streaming.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Focalizan en los machismos las actividades contra la violencia"

AMS GO!: "Ames planta cara á violencia de xénero cun completo programa de actividades polo 25-N"

Á presentación do programa asistiron o alcalde de Ames, Blas García, a concelleira de Igualdade, Luísa Feijóo, e persoal do CIM

Multimedia

  • O Concello de Ames presenta o programa de actividades do 25N, “Que o meu machismo non se converta no teu problema”
  • O Concello de Ames presenta o programa de actividades do 25N, “Que o meu machismo non se converta no teu problema”
  • O Concello de Ames presenta o programa de actividades do 25N, “Que o meu machismo non se converta no teu problema”
  • O Concello de Ames presenta o programa de actividades do 25N, “Que o meu machismo non se converta no teu problema”
  • O Concello de Ames presenta o programa de actividades do 25N, “Que o meu machismo non se converta no teu problema”
  • O Concello de Ames presenta o programa de actividades do 25N, “Que o meu machismo non se converta no teu problema”