- Tematica
O Concello de Ames presentou esta mañá as distintas actividades que terán lugar con motivo do Día de Rosalía, que se conmemora o vindeiro xoves, 23 de febreiro. Con este programa, que inclúe iniciativas que se estenderán durante varias semanas, preténdese revitalizar o pensamento e a figura da escritora, así como poñer en valor a súa obra entre a veciñanza de Ames e contribuír ao achegamento da poesía galega entre o alumnado dos centros de ensino. Deste xeito, propóñense dez actividades: O xardín de Rosalía, do departamento de Bibliotecas, un photocall, a presentación dun libro, un obradoiro, un contacontos, unha viaxe literaria, unha exposición é unha gala de homenaxe á propia Rosalía. Ademais, os locais de hostalaría volverán a sumarse aos xa tradicionais “Caldo de gloria” e “Café con verso”. No acto de presentación participaron o alcalde de Ames, Blas García; a concelleira de Mocidade e Normalización Lingüística, Escarlata Pampín; a concelleira de Cultura, Natividade González; e o concelleiro de Turismo e Medio Ambiente, Manuel Lens.
Un ano máis, o Concello de Ames súmase á conmemoración do aniversario de Rosalía de Castro, unha das escritoras máis universais de Galicia, que, ademais, foi veciña da Tarroeira, na parroquia de Ortoño, durante unha etapa da súa infancia.
As actividades que se levarán a cabo este ano teñen como obxectivo revitalizar a figura da autora, así como o seu pensamento e a súa obra. Ademais, preténdese poñer en valor o seu vínculo co concello. Deste xeito, preténdese restaurar a visión de Rosalía como unha muller culta, feminista e comprometida con Galicia e coas súas clases populares, así como coas súas sinais de identidade (nomeadamente, a lingua).
Así mesmo, búscase achegar á veciñanza referentes públicos que contribúan a recoñecer a lingua como expresión xenuína dos galegos e galegas, especialmente entre a mocidade e a as crianzas. Por outra banda, as iniciativas tamén fomentan a creatividade en lingua galega como forma lúdica de galeguización, e contribúen a difundila e a visibilizala. Ademais, sensibilizan sobre o respecto e o coidado do noso patrimonio cultural.
A programación Rosalízate está deseñada e organizada polos departamentos de Normalización Lingüística, Mocidade, Turismo e Bibliotecas municipais. Dita programación comeza este luns, 13 de febreiro, con dúas actividades. Dende hoxe o photocall Rosalízate estará instalado na praza do Concello, en Bertamiráns, e diante do centro de saúde do Milladoiro. Tamén hoxe comeza a actividade O Xardín de Rosalía que organizan as Bibliotecas municipais de Ames.
Para o martes, 21 de febreiro, ás 19.00 horas, está prevista a presentación do libro Mordouelias, Rosalía e As Terras da Maía. Dita presentación realizarase na Casa da Cultura do Milladoiro e contará coa presenza de Anxo Angueira e María López Sández. Ese mesmo día, ás 18.30 horas, plantarase unha filla da figueira da Casa - Museo Rosalía de Castro doada ao Concello de Ames. O xoves, 23 de febreiro, ás 10.30 horas, farase un obradoiro de Rosalía coa asociación Arcea-Adames na biblioteca municipal do Milladoiro.
Por outra banda, do xoves 22 ao domingo 26 de febreiro desenvolverase unha nova edición das iniciativas “Caldo de Gloria” e “Café con verso” nos locais de hostalaría de Ames. Deste xeito, repartiranse nos locais de hostalaría unhas tarxetas con versos rosalianos para difundir a súa obra, pensamento e figura. A iniciativa Café con verso xurdiu no ano 2017 froito da colaboración entre o Concello de Ames e mailo poeta amesán Carlos Negro.
Ademais, a hostalaría poderá tamén servir o caldo que a escritora describe no seu poema Miña casiña, meu lar de Follas Novas, e no que unha muller pobre conta como consegue, fronte ás adversidades que as rodean e ás súas propias penurias, facer un caldo de gloria. Con el non só logra alimentarse e sobrevivir: na súa humildade e ao pé do lume da lareira tamén é feliz. Así, os establecementos que participen recibirán tamén manteis de papel nos que se plasme ese mesmo poema.
O venres, 24 de febreiro, ás 17.30 horas, desenvolverase na biblioteca do Milladoiro a actividade denominada A miña historia. Trátase dun conto para achegarse á figura de Rosalía da man de Trémola Teatro.
Gala homenaxe a Rosalía de Castro
A Gala de homenaxe a Rosalía de Castro realizarase o sábado, 25 de febreiro, ás 19.00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns. Participarán os centros educativos de Ames e contarse coa actuación de Najla Shami. A Gala estará presentada por Esther Estévez.
Ademais, o sábado 4 de marzo, farase a actividade Viaxando con Rosalía, unha viaxe literaria á Casa Museo Rosalía de Castro, situada en Padrón, guiada pola experta rosaliana María López Sández. A saída farase ás 10.00 horas, mentres que o regreso será ás 14.30 horas.
O herbario de Rosalía
Por último, do xoves 16 de marzo ao domingo 2 de abril farase unha exposición no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, sobre O herbario de Rosalía. Poderase visitar os xoves e venres, de 17.00 a 20.00 horas, e os sábado e domingos, pola mañá de 11.00 a 14.00 horas, e pola tarde de 17.00 a 20.00 horas.
Ademais, o xoves 16 de marzo, ás 19.00 horas, plantarase a camelia híbrida Rosalía de Castro, doada pola Casa-Museo Rosalía de Castro, e ás 19.30 horas inaugurarase a exposición cunha visita guiada.
Acto de presentación das actividades
Ao acto de presentación das actividades asistiron o alcalde de Ames, Blas García; a concelleira de Mocidade e Normalización Lingüística, Escarlata Pampín; a concelleira de Cultura, Natividade González; e o concelleiro de Turismo e Medio Ambiente, Manuel Lens.
A concelleira de Mocidade e Normalización Lingüística, Escarlata Pampín, sinalou que “imos visibilizar os valores que Rosalía intentou trasladarnos a través das súas obras ao longo da súas vida. Queremos traer ás rúas a unha Rosalía moderna, feminista e de vangarda. Este ano sumámonos a outros departamentos, para traballar de forma transversal no Concello, para darlle o peso e a importancia que a súa figura merece. As persoas que estudan a súa figura apoian cada vez máis a idea de que Rosalía era unha muller guerreira, valente e empoderada, polo que nós trataremos de que os nenos e nenas coñezan a súa figura con todos estes valores”.
Pola súa banda, a concelleira de Cultura, Natividade González, explicou que “levamos case sete anos facendo esta gran programación conxunta, entre os distintos departamentos do Concello. É un pracer para nós partillar este cartel con tantos departamentos, porque detrás hai unha labor moi importante de todos os técnicos e técnicas do noso concello. Nós traballamos a figura de Rosalía durante todo o ano, pero, estes días especialmente, cun pouco máis de intensidade. En Ames sentimos a Rosalía moi nosa, e por iso sempre facemos moito fincapé na súa figura”.
Así mesmo, o concelleiro de Turismo e Medio Ambiente, Manuel Lens, destacou que “continuamos coas actividades que tiñamos estes anos atrás e puxemos en marcha novas iniciativas. Cada vez coñecemos máis facetas de Rosalía, e hai que reivindicar todo o que fixo, porque é unha muller que estaba adiantada ao seu tempo”.
Rematou a rolda de intervencións o alcalde de Ames, Blas García, que sinalou que “sempre é importante apoiar este tipo de iniciativas. Rosalía é unha figura moi importante, e, este ano, que se celebra o aniversario da creación do Seminario de Estudos Galegos, que se creou en Ortoño, debemos traballar para que se coñeza a súa vinculación co concello de Ames. Acordamos facer unha programación propia e sumarnos a outras que poida haber, e queremos reivindicar que temos que poñer a Rosalía en valor”.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Ames quere restaurar a visión de Rosalía como unha muller feminista e comprometida"
Lindeiros: "Ames presentou as actividades do Día de Rosalía"
AMS GO!: "Ames reivindica a Rosalía de Castro cun completo programa polo Día de Rosalía"