O auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns acolleu esta mañá a presentación da programación de artes escénicas do concello para o primeiro semestre para este vindeiro 2025, formado por trece espectáculos de teatro, danza e circo. As entradas poderán adquirirse a partir do vindeiro mércores 8 de xaneiro a través da Billeteira electrónica do Concello de Ames. Ademais, tamén de habilitarán os bonos culturais e descontos para múltiples colectivos de persoas. Pódese consultar a programación de artes escénicas do primeiro semestre do ano na seguinte ligazón.
A Casa da Cultura de Bertamiráns acolleu esta mañá a presentación da programación de artes escénicas para o primeiro semestre de 2025. Ao acto asistiron o alcalde de Ames e concelleiro de Cultura, Blas García; a técnica do departamento de Cultura, María Vázquez; e o director da Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC), Jacobo Sutil.
Así mesmo, tamén estiveron presentes membros dalgunhas compañías teatrais que conforman o cartel de artes escénicas municipal para a primeira metade do ano: Fina Calleja, de Sarabela Teatro; Evaristo Calvo, de Contraproducións; Javier Castiñeira e Carmen Facorro, de Amorodio Teatro; Jesús Velasco, de Xampatito Pato; Artur Trillo, de Talía Teatro; Santiago Cortegoso, de Ibuprofeno Teatro; Marta Alonso, de Dance Join; Miguel Gendre, de Morraoconto; Quico Cadaval, de Producións Teatrais Excéntricas; Emi Candal, encargada da distribución de Pioneiras; e Chiqui Pereira e Paula Carballeira, de Berrobambán.
O peche do acto contou cunha pequena representación de membros da Escola Municipal de Teatro de Ames, coa que se quixo poñer en valor o traballo e esforzo dos grupos teatrais municipais.
O programa deste ano está conformado por trece obras, dez de teatro, dúas de danza e unha de novo circo, que se representarán de maneira equitativa ao longo dos primeiros seis meses do ano entre os auditorios de Bertamiráns e do Milladoiro. Entre as pezas, podemos atopar propostas dirixidas para o público adulto, familiar e infantil. Así mesmo, a oferta de xéneros que se representarán é moi ampla e para todos os gustos: teatro de comedia, drama e contemporáneo, así como danza contemporánea e danza fusionada con clown, e un espectáculo de novo circo. Así mesmo, todas as representacións serán en lingua galega e por compañías de Galicia, poñendo en valor as artes escénicas galegas.
O orzamento, enmarcado dentro do convenio de colaboración entre a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) e o Concello de Ames, para a programación de artes escénicas deste ano é de 48.450,74€ euros, sendo 25.864.37€ por parte de AGADIC e 22.586.37€ por parte do Concello. No caso do teatro, o Concello sufraga o 50% do importe e AGADIC a outra metade, mentres que nos espectáculos de danza, AGADIC contribúe co 70% do orzamento o o Concello do 30% restante.
A técnica do departamento de Cultura, María Vázquez, explicou os criterios da escolla destas pezas “sempre tendo en conta as propostas que sexan de calidade artística pero tamén que traten temas universais e que vexamos reflexado no teatro temáticas coma, por exemplo, a inmigración, a xenofobia, alugueiro ou turismo”. Ademais, destacou que “nesta ocasión apostamos ao 100% por compañías galegas, temos espectáculo de gran formato pero tamén de pequeno formato e incluso unipersoais e tamén temos dúas estreas con TROMSØ e Dance Join”.
Na mesma liña, o director de AGADIC, Jacobo Sutil, subliñou a colaboración que se está a levar a cabo dende a entidade co Concello de Ames e que “nesta programación está representada a diversidade das artes escénicas e que, ademais, 10 dos espectáculos contan cunha axuda para a creación da representación por parte da Xunta”.
Pola súa banda, o alcalde de Ames e concelleiro de cultura, Blas García, agradeceu aos membros das compañías teatrais pola súa asistencia e o seu traballo, e destacou que “o Concello de Ames desde o primeiro día traballou en apoiar a cultura e que os veciños e veciñas de Ames teñan un acceso á cultura, pasándoo ben e que poidan pensar e reflexionar das cousas que se tratan aquí”.
Venda de entradas e bonos culturais
As entradas poderán adquirirse a partir do 8 de xaneiro a través da Billeteira electrónica ou, no caso de quedar entradas dispoñibles, de forma presencial nas casas da cultura de Bertamiráns e do Milladoiro o mesmo día do espectáculo unha hora antes do seu comezo.
Coa finalidade de facilitar a asistencia ás representacións, haberá descontos nas entradas para amplos colectivos de persoas: estudantes con carné de estudante, maiores de 60 anos e menores de 12 anos, familias numerosas, mozos e mozas con carné xove e persoas demandantes de emprego.
Así mesmo, ao igual que en edicións pasadas, estarán dispoñibles os bonos culturais para gozar das representacións de artes escénicas de Ames, unha iniciativa que tivo moi boa acollida desde a súa implantación. Terán un custo de 25 euros cada un, o que representa un desconto da metade do importe total das entradas para asistir ás dez pezas da programación de adultos. Poderanse adquirir entre o 18 de decembro e o 7 de xaneiro e, en total, poñeranse á venda 50 bonos, aumentando así a cantidade ofertada o ano pasado.
Non se admitirán cambios nin devolucións nin das entradas nin dos abonos adquiridos. A venda pechará cinco minutos antes da hora prevista de comezo do espectáculo, e unha vez comezadas ás representacións ninguén poderá acceder á sala.
Programación teatral dirixida para público adulto
O programa comezará o 17 de xaneiro coa obra “O dragón de ouro”, de Sarabela Teatro, que se representará ás 20.30 horas no Milladoiro. A peza, na que os actores interpelan e interactúan directamente co público, narra temas como a trata de persoas ou a inmigración.
Na mesma liña, tamén cunha forte temática social, representarase o 31 de xaneiro “Entrega en man”, da compañía Contraproducións, no auditorio de Bertamiráns ás 20.30 horas. É unha peza de comedia, fundamentalmente de humor negro, baseada na América profunda e que trata temas como o racismo, o machismo ou a xenofobia.
Xa no mes de febreiro, o día 7, ás 20.30 horas no Milladoiro, terá lugar a representación de “Cortello de amor”, unha peza de Amorodio Teatro. Unha comedia que narra, cun chisco de humor, o problema actual da vivenda e o alto prezo dos alugueiros. A obra conta coa música do artista Grande Amore, incluíndo un tema inédito que só é posible escoitar xunto con esta representación teatral.
O día 7 de marzo, ás 20.30 horas no auditorio de Bertamiráns, representarase a obra “Un Deus salvaxe”, da compañía Talía Teatro. É unha comedia que narra conflitos dramáticos, con rapaces de por medio, cunha dose de humor.
Unha semana despois, o 14 de marzo, e tamén ás 20.30 horas en Bertamiráns, representarase “Reconversión”, de Ibuprofeno Teatro. O espectáculo, cun formato bastante grande a nivel escenográfico, conta con oito actores-músicos que interpretan a banda sonora en directo. A obra, baseada nas vivenzas reais do autor, narra a reconversión e mobilizacións do sector naval na Ría de Vigo.
O 21 de marzo, ás 20.30 horas no auditorio do Milladoiro, terá lugar a estrea o espectáculo “TROMSØ”, de Morraoconto. Unha comedia que, ademais de facernos rir, é unha reflexión sobre a pena, a morte e a vida, entre outros temas universais cos que calquera persoa poderá sentirse identificada.
Para pechar o mes de marzo, o día 28 ás 20.30 horas no auditorio de Bertamiráns, terá lugar a representación de “As desterradas”, unha peza da compañía Producións Teatrais Excéntricas. A obra, escrita por Carme Varela, conta como unha comunidade de monxas á beira do río Miño vense ameazadas pola xerarquía eclesiástica. Deste xeito, nárrase unha historia de resistencia e poñer en valor a loita destas mulleres.
O día 4 de abril, ás 20.30 horas no Milladoiro, representarase “O único que verdadeiramente quixen toda a vida é ser delgada”, de ButacaZero. Unha narración que, a través do humor irónico, plasma os canones de beleza esixidos e marcados dentro da sociedade actual, así como o tema da gordofobia.
Pechando a programación de teatro dirixido para público adulto, o 16 de maio, como preludio ao día das Letras Galegas, representarase a obra “Mulleres que viven soas #MQVS”, de BerroBambán, no auditorio de Bertamiráns ás 20.30 horas. Unha peza que mestura o teatro documental, coa comedia e o teatro isabelino, narrando a historia de tres bruxas que plasman á perfección as diferenzas de como nos perciben, a como nos sentimos nós dentro das nosas casas.
Programación de danza e obras dirixidas a público infantil
A primeira das dúas obras dirixidas para público infantil será “Kyoki” e representarase o 31 de xaneiro, da man da compañía Elefante Elegante. O espectáculo representarase ás 18.00 horas no Milladoiro e está dirixido a nenos e nenas a partir dos 3 anos. A obra, representada a través dunha linguaxe textual, evoca a múltiples situacións e temáticas como a vellez ou a soidade.
Xa no mes de febreiro, o día 21 ás 18.00 horas en Bertamiráns, terá lugar a representación da obra de novo circo “Compaña”, de Xampatito Pato. Unha historia que narra a situación dun personaxe solitario que busca compañía entre bonecos e marionetas e que, no camiño deste proceso, interactúa co público.
En canto aos espectáculos de danza, o primeiro deles será a estrea Dance Join, de Marta Alonso, e celebrarase o día 20 de marzo, ás 20.30 no anfiteatro do Milladoiro (no caso de que o tempo non acompañe, o espectáculo trasladarase ao auditorio). A representación combina a danza co clown, propoñendo unha visión lúdica e autocrítica do mundo escénico. Ademais, é unha grande explosión de xogo que busca a interacción continua co público.
O segundo, e último, espectáculo de danza será “Pioneiras” de Ixa, que se representará no Milladoiro o día 25 de abril ás 20.30 horas. A obra, protagonizada por 9 mulleres, busca destruír os prexuízos asociados ao xénero e, deste xeito, tamén homenaxear e conmemorar ás mulleres que comezaron a loita pola igualdade. Outra das temáticas que se narra na obra é a procura de transformar a individualidade do ser humano.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "Ames programa 13 montaxes escénicas ata xuño, dúas delas estreas"
El Correo Gallego: "Ames encara 2025 con teatro, danza y circo 100% gallegos"