Solapas principales

O Concello de Ames presenta unha nova edición do Premio Lingua e Empresa para promover o uso do galego na actividade empresarial local

Martes, 25 de octubre de 2022

O Concello de Ames, a través do Servizo de Normalización Lingüística, organiza a quinta edición do Premio Lingua e Empresa, que ten como obxectivo promover o uso do galego no ámbito empresarial local. Poden optar ao galardón todas as empresas con sede social ou centro de actividade en Ames ata o 18 de novembro. A dotación económica do premio é de 3.000 euros, que serán repartidos entre dúas categorías. As bases do concurso pódense consultar premendo nesta ligazón, e a ficha de inscrición aquí.

A Casa do Concello de Bertamiráns acolleu esta mañá a presentación da quinta edición do Premio Lingua e Empresa, nun acto no que estiveron presentes a concelleira de Mocidade, Escarlata Pampín, e a técnica de Normalización Lingüística, Rosa Moreiras, acompañadas por Lois Lopes, presidente de Hostalaria.gal, e Jorge López, da Xuntanza de Empresarios de Ames. Trátase do quinto ano consecutivo no que se pon en marcha esta iniciativa co obxectivo de promover o uso do galego na actividade económica do Concello de Ames, concretamente na actividade empresarial dos negocios locais, de maneira que se contribúa ao aumento e á mellora do uso social da lingua galega dende ese sector.

A concelleira de Mocidade e Normalización Lingüística, Escarlata Pampín, desvelou que esta nova convocatoria “traerá algunhas novidades con respecto á anterior” e alentou á participación. “Queremos animar a todas as empresas a que participen, porque, como veñen poñendo en valor os gañadores das pasadas edicións, o galego no ámbito empresarial e comercial nunca é unha traba, senón que sempre suma”, declarou. Ademais, aproveitou para agradecer a cooperación das asociacións de empresarios coas que se organiza esta edición dos premios: “Imos da man coas asociacións de empresarios para que nos axuden, difundan e que sexan partícipes. Todo o que nos poidan aportar sempre é benvido”.

Pola súa banda, a técnica do departamento de Normalización Lingüística, Rosa Moreiras, afirmou que se trata dunha iniciativa que pretende poñer en valor o potencial do galego como elemento diferenciador e de marca de calidade entre empresas: “os obxectivos principais desta convocatoria son visibilizar os beneficios que lle achega o uso do galego á oferta empresarial e recoñecer empresas que xa están a ter presente a lingua na súa comunicación para que sirvan de referente para outras”

Lois Lopez, presidente de Hostalaria.gal, salientou que “aínda que o galego xa está moi normalizado no sector empresarial, aínda non o está todo o que quixéramos. Estamos seguros de que, con estas campañas de concienciación e co traballo dos concellos, como se fai aquí en Ames, lograremos avanzar en pouco tempo moito máis”.

Pola súa parte, Jorge López, presidente da Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA), tamén animou aos negocios do concello a participar no certame, destacando que “é un motivo de ledicia e satisfacción para quen leva o premio”, ademais de “non supoñer ningún esforzo supletorio para quen se presenta”.

Aspectos a valorar
Os aspectos a valorar son a utilización do galego na comunicación interna e externa, tanto oralmente como por escrito, medindo o impacto que a actividade da empresa poida ter en sectores especialmente relevantes para o proceso de normalización lingüística.

Teranse en conta a páxina web e as redes sociais da empresa, se as utilizase, así como as campañas publicitarias ou materiais promocionais que empregue. Tamén se valorará a comunicación do establecemento empresarial de cara á clientela (uso habitual do galego co seu público e nas súas actividades e servizos), así como entre o persoal e os diversos departamentos.

Para a comprobación deses méritos, as empresas candidatas deberán aportar os enlaces web correspondentes ou achegar materiais impresos, ademais de facilitar ao Concello toda a información que se lles requira sobre a súa comunicación interna e externa.

Categorías e dotación económica
Como en anteriores ocasións, a quinta edición do premio divídese en dúas categorías. A primeira engloba ás empresas que teñen un uso consolidado e estable do galego dende hai máis de dous anos, mentres que a segunda recoñece a todas aquelas que naceron nos últimos dous anos  ou que incorporaron o galego no último período.

A dotación económica será de 3.000 euros, 1.500 para cada unha das categorías. Ademais, as gañadoras contarán cunha campaña de difusión en Ames Radio, a emisora municipal.

Prazos de presentación das candidaturas
O prazo de presentación de candidaturas comezará o día posterior á publicación da convocatoria do premio no Boletín Oficial da Provincia da Coruña, e remata o día 18 de novembro de 2022 ás 14:00 horas.

Os interesados deberán descargar e cubrir a ficha de participación que se pode atopar nesta ligazón e enviala ao correo electrónico normalizacion@concellodeames.gal, xunto coa documentación  correspondente, ou presentala de xeito telemático a través da sede electrónica do Concello de Ames. Para máis información ou para solicitar a ficha de participación pódese contactar co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames a través do número de teléfono 662 377 215 ou mediante o correo  normalizacion@concellodeames.gal.

As bases do concurso pódense consultar premendo nesta ligazón, e a ficha de inscrición premendo aquí.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Pulo ao emprego do galego no sector empresarial con 3.000 euros en premios"

La Voz de Galicia: "Ames premiará con 3.000 euros o uso do galego na actividade empresarial local"

AMS GO!: "O Premio Lingua e Empresa volve promover o galego no sector privado"

O Concello de Ames presenta unha nova edición do Premio Lingua e Empresa

Multimedia

  • O Concello de Ames presenta unha nova edición do Premio Lingua e Empresa
  • O Concello de Ames presenta unha nova edición do Premio Lingua e Empresa para promover o uso do galego na actividade empresarial local