O Concello de Ames, a través da Concellaría de Mobilidade, vén de presentarlle unha proposta á Asociación de empresarios do parque empresarial do Milladoiro e a todas as empresas de dito polígono, para mellorar a mobilidade e seguridade viaria dentro do parque empresarial. Considérase necesario favorecer o tránsito das persoas, deixando polo menos unha beirarrúa libre, sen ningún tipo de barreira arquitectónica, que permita unha circulación peonil segura. Ademais, estase a traballar na creación de novas bolsas de aparcamento no propio parque empresarial e que se sumen ás habilitadas nos anos anteriores na contorna do campo de fútbol do Milladoiro.
Esta iniciativa comezouse a elaborar despois de que dende a Concellaría de Mobilidade tiveran coñecemento das suxestións recibidas por parte de diversas usuarias e usuarios do parque empresarial do Milladoiro, nas que expuxeron, entre outras cuestións, a imposibilidade dos peóns de transitar polar beirarrúas ao estar ocupadas por vehículos estacionados. Debido a iso dende o goberno municipal considerouse necesario actuar neste senso para así favorecer o tránsito das persoas, deixando polo menos unha beirarrúa libre, sen ningún tipo de barreira arquitectónica, que permita unha circulación peonil segura. Preme aquí para descargar o plano con dita proposta.
O goberno quere dar solución á problemática que se ven arrastrando desde a posta en marcha do parque empresarial. Deste xeito, tendo en conta a finalidade principal do parque empresarial e mailos estudos realizados pola Policía Local de Ames elaborouse dita proposta coa que se tratará de conciliar a convivencia de peóns e vehículos, para que todas as persoas que empregan dito parque empresarial se poidan desprazar por dito espazo, independentemente da forma elixida, da forma máis segura posible.
As medidas que se pretenden adoptar para mellorar a mobilidade e a seguridade viaria dentro do parque empresarial son deixar sempre unha beirarrúa libre de vehículos que enlazará a través dun paso de peóns coa seguinte rúa; establecer direccións únicas en certos tramos para gañar novos espazos de aparcamento en batería, se procede, e espazo peonil; habilitar zonas de estacionamento reservada para camións e remolques con tempo limitado, para evitar que estes estacionen diante de empresas de actividade comercial con escaparates; e preservar sempre as interseccións para que a visibilidade sexa sempre a mellor posible incrementando a seguridade peonil.
A concelleira de Mobilidade, Beatriz Martínez, explica que “con esta proposta tratamos de favorecer o máximo posible a actividade do parque empresarial do Milladoiro, que tanta importancia ten para o noso concello, así como dar cumprimento a nosa obriga de velar pola normativa vixente e á seguridade da veciñanza”. Beatriz Martínez tamén destaca que “dende o goberno municipal estase a traballar na creación de novas bolsas de aparcamento no propio parque empresarial e que se sumen ás habilitadas nos anos anteriores na contorna do campo de fútbol do Milladoiro”.
Dita proposta presentóuselle, nunha xuntanza mantida o pasado 11 de febreiro, aos integrantes da Asociación de empresarios do parque empresarial do Milladoiro, na que estiveron presentes o alcalde e as concelleiras de Mobilidade e Promoción Económica. Agora, vén de enviárselle a dita asociación e a todas as empresas de dito polígono, co obxectivo de que a poidan estudar, e presentar achegas, se consideran oportuno. As achegas poderanse facer ata o 31 de marzo, presentándoas no Rexistro xeral do Concello de Ames ou por calquera dos medios que contempla a Lei 39/2015, de 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións publicas (LPACAP), no seu artigo 16.4.
Unha vez finalizado o prazo, coas achegas presentadas, se se estima necesario, faranse as modificacións que sexan pertinentes, para así acadar unha proposta satisfactoria para todos e todas os/as usuarios/as do parque empresarial.