Solapas principales

O Concello de Ames presentou os eventos solidarios enmarcados na programación municipal de Nadal

Viernes, 15 de diciembre de 2023

A Praza de Chavián acolleu esta mañá, ás 13:00 horas, a presentación dos dous eventos solidarios incluídos na programación de Nadal.  A academia de danza Balancé organiza “Mary Poppins el musical” en beneficio das fundacións Aladina e UCIM. Ademais, vaise representar o espectáculo “Óliver Insua e amizades”, un festival benéfico en favor de ASANOG. No acto estiveron presentes membros do goberno municipal, unha representante da academia de danza e o promotor do festival benéfico, así como un representante de ASANOG.

O Concello de Ames presentou esta mañá na Praza de Chavián, ás 13:00 horas, os dous eventos solidarios que se van representar no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns enmarcados na programación municipal de Nadal. Ao acto acudiron o alcalde de Ames, Blas García; a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz; a bailarina, directora da academia de danza Balancé, e promotora do musical, Vanessa Otero; o cantante e promotor do festival benéfico, Oliver Insua; a xornalista Loly Gómez; o xerente da empresa Emesports, Ezequiel Mosquera; o xerente do estudo de deseño gráfico e imaxe de marca La Rayuela, Ramón Cordido; e Aldara Palmeiro, representante de ASANOG.

Durante o acto, tanto o rexedor como a concelleira de Promoción Económica destacaron o positivo de organizar eventos deste tipo, onde toda a recadación se destina a causas benéficas. Así mesmo, Ana Belén Paz destacou tamén “o orgullo” que supón que distintas empresas de Ames colaboren desinteresadamente nestes dous espectáculos. As empresas colaboradoras son Mirabelle (fará os decorados e un vídeo), Cunde (encargado da organización dos eventos), Tesec (levará a parte técnica), La Rayuela (deseño da cartelaría) e Emesports (plataforma para a venta das entradas).  Nesta liña, o alcalde de Ames, Blas García, afirmou que “é un orgullo que dous veciños de ames como Vanessa e Óliver fagan estes dous festivais, que seguro que terán máis edicións”.

A representante de ASANOG, Aldara Palmeiro, aproveitou para sinalar que son este tipo de iniciativas as que proporcionan os recursos necesarios para que asociacións como a súa poidan seguir axudando ás familias, e destacou que festivais como o do día 4 de xaneiro demostran “que calquera evento pode ter un tinte solidario”.

“Mary Poppins: El musical”
A escola de danza santiaguesa Balancé representará “Mary Poppins: El musical” na Casa da Cultura de Bertamiráns en dúas galas benéficas en beneficio das fundacións Aladina e UCIM. As actuacións serán o 23 de decembro de 2023 e o 3 de xaneiro de 2024 ás 20.00 horas. As entradas poderán mercarse no local da academia Balancé ou a través do teléfono 616 83 59 38.

A Casa da Cultura de Bertamiráns acollerá dúas galas benéficas nas que se representará “Mary Poppins: El musical”. Os cartos das entradas destinaranse integramente á  fundación Aladina, adicada a axudar a nenos e adolescentes con cancro e ás súas familias, e á fundación UCIM, unha fundación turca que recada fondos para axudar ás nenas que sofren abuso en Turquía. Haberá dúas sesións: unha o sábado 23 de decembro de 2023, e outra o mércores 3 de xaneiro de 2024, ambas ás 20:00 horas. As entradas para a primeira sesión xa están á venta no local da Academia Balancé en Santiago de Compostela: as dos adultos custan 10€, e as dos nenos (de 0 a 12 anos) 5€.

O espectáculo é unha adaptación do filme homónimo levada á danza e, ademais de amosar a evolución técnica dos alumnos, busca ofrecer unha mostra de artes escénicas coa que o público poida pasar un bo rato.

O musical está formado por 90 persoas, con nenos desde os tres anos ata adultos. Os protagonistas principais son Irene Fraga no papel de Mary Poppins, Miki no papel de Bert, Elsa Desclos no papel de Jane e Pedro Pérez no papel de Michael. Todas as cancións que conforman o musical serán cantadas en directo.

Festival benéfico “Óliver Insua e amizades”
O cantante da orquestra Finisterre, Oliver Insua, e outros artistas actuarán no festival benéfico “Óliver Insua e amizades” na Casa da Cultura de Bertamiráns. A representación, que será o 4 de xaneiro ás 20:00 horas, será en beneficio da Asociación de Axuda a Nenos Oncolóxicos de Galicia (ASANOG).  As entradas poderán adquirirse en Emesports a partir do 15 de decembro e ata o 3 de xaneiro de 2024 premendo na seguinte ligazón.  O prezo será de 5 euros para os adultos, e de 3 euros para os nenos de 0 a 12 anos. Haberá tamén unha liña 0 para que aqueles que non poidan asistir tamén poidan colaborar aportando a súa doazón na conta ES61 2100 1453 2102 0025 9900 - LA CAIXA.  

Nel participarán os integrantes da orquestra Finisterre Óliver Insua, Leo García, David Seara, Zaira Fungueiriño e Damián Gómez, así como polo teclista Juan Carlos Fernández. Todos os vocalistas contan con temas propios,  e algúns deles serán interpretados durante o festival, xunto con cancións de Nadal e outras sorpresas. Ademais, tamén participará Adriana Vigo e María Iglesias, as gañadoras do concurso Canta con Ames. O festival estará presentado por Loly Gómez e Inés Suárez.

O que se recade a través da venta de entradas irá integramente destinado a ASANOG, a Asociación de Axuda a Nenos Oncolóxicos de Galicia.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Solidaridad en Ames con un musical sobre Mary Poppins y la gala de Insua y amigos"

Ames Go: "Ames celebra dous eventos solidarios este Nadal"

O CPresentación dos eventos solidarios enmarcados na programación municipal de Nadal

Multimedia

  • Cartaz de "Mary Poppins: el musical"
  • Cartaz do festival "Óliver Insua e amizades"