- Tematica
O Concello de Ames vén de publicar a listaxe de propostas máis votadas -referendadas pola veciñanza amesá- dos Orzamentos Participativos do 2020. Tras o peche do prazo de votación o pasado 13 de decembro e despois do contraste dos votos emitidos co padrón municipal para garantir que todos os votantes estivesen censados en Ames, incorporaranse as propostas máis votadas ao orzamento municipal do Concello para o ano 2021.
O equipo de goberno primou o proceso de votación dixital dos Orzamentos Participativos, motivado pola situación de alerta sanitaria imperante nestes momentos, facilitando así a participación da veciñanza todo o proceso de votación, organizando e apoiando tamén sesións de votación presenciais en todas as parroquias.
Tendo en conta a situación excepcional derivada da crise sanitaria da COVID-19 a veciñanza tivo unha boa resposta ao proceso dos Orzamentos Participativos en todas as súas fases, presentando para referendo máis de 156 propostas. Rexistráronse na Plataforma de Votación 200 persoas. Á hora de exercer o dereito ao voto, as veciñas e veciños designaban con tres puntos a súa proposta predilecta en cada unha das partidas, dous á segunda preferida e un á derradeira: acadáronse un total de 548 votos válidos.
Investimentos
Dentro dos investimentos do rural dotados con 120.000 euros a mellora da seguridade viaria nas parroquias foi a opción máis votada pola veciñanza amesá. Con isto, a cidadanía amosou a necesidade de implementar actuacións para reducir e minimizar os riscos e mellorar a seguridade viaria nas nosas parroquias e lugares.
No tanto dos investimentos para a mocidade, dotados con 40.000 euros, o censo máis novo optou por solicitar a mellora do espazo do Anfiteatro do Milladoiro, investimento realizado tamén dentro dos Orzamentos Participativos e escollido pola mocidade amesá.
Dentro das liñas de actividades nos diferentes ámbitos dotadas tamén cunha partida de gasto de 40.000 euros, a cidadanía amesá votou por propostas de muller, cultura, mocidade e medio ambiente.
A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, amosa “o noso agradecemento a todas aqueles veciños e veciñas que participaron nos Orzamentos Participativos 2020 do Concello de Ames nun ano complicado. Non foi fácil tomar a decisión de por en marcha este ano os Orzamentos Participativos, máis estamos contentos de dar ese paso, e os 548 votos emitidos amosan que a cidadanía segue aí con inquedanzas e demandas ás que haberá que dar resposta”.
Actividades
A necesidade da educación sexual en idade temperá motivou ao censo máis novo a decantarse pola atención ás sexualidades, no afán de crear un espazo seguro no que brindar información aos/ás mozos/as, orientando e resolvendo dúbidas e dificultades sexuais que poidan ter, facilitando a libre expresión da súa sexualidade e promovendo así a saúde sexual e os dereitos sexuais do conxunto da mocidade.
Na liña de actividades para a muller, destacou un Festival Feminista de Arte Urbana en Ames. No tanto da liña de cultura apostouse polas propostas de adquisición de competencias dixitais e un Festival de Música alternativa do concello con programación de danza, teatro e música composta de propostas de agrupacións locais.
No relativo á liña medioambiental, a maioría da veciñanza quixo optar pola sinalización dos camiños de sendeirismo do Concello, facilitando así a súa localización e potenciando o seu uso.
O concelleiro de Administración Xeral, Víctor Fernández, indica “o meu agradecemento a veciñanza do rural e aos membros da Comisión de Orzamentos Participativos, pola implicación neste proceso e pola boa resposta obtida, presentando para referendo máis de 156 propostas, polo que toca seguir traballando e ampliando estas fórmulas de participación a toda a veciñanza”.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Priman nos orzamentos participativos de Ames máis seguridade viaria"
La Voz de Galicia: "Los presupuestos participativos de Ames evidencian la demanda de seguridad vial"