- Tematica
O salón de plenos da Casa do Concello acolleu esta mañá a presentación do libro “Ames recicla o Nadal. Fagamos da festa unha escola de familia”. Trátase dun manual de bos usos no que se recollen diferentes pautas de como reducir, reutilizar e reciclar en Ames. Repartiranse 3.000 libros entre o alumnado dos colexios de infantil e primaria e nos comercios e locais de hostalería. Este é o segundo proxecto no que o Concello colabora con Edicións Versátil, que edita libros de contido medio ambiental, como foi o o manual de bos usos “En Ames amamos a auga” publicado en marzo de 2018.
No acto de presentación estiveron o alcalde de Ames, José Miñones, o concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, o concelleiro de Transición Ecolóxica, Manuel Lens, a directora de Edicións Versátil, Llerena Perozo, e maila técnica da da Concellaría de Transición Ecolóxica e do Medio Rural, María Victoria Arufe.
Neste libro recóllense diferentes pautas de como reducir, reutilizar e reciclar; onde está o Punto Limpo do Concello de Ames, a onde hai que chamar para a recollida de enseres domésticos, e sobre todo que facer cos residuos xerados durante a época de Nadal. Este manual de bos usos vaise a repartir entre o alumnado dos colexios e tamén vaise a entregar nos comercios e locais de hostalería. Este mércores, 18 de decembro, comezou a repartirse nos colexios de infantil e educación primaria, mentres que nos locais comerciais e hostaleiros repartirase ao tempo que se difunde información da campaña para facilitar a recollida e reciclado de vidro.
O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, destacou que “o obxectivo é que nesta época de Nadal, na que os residuos abundan, lle expliquemos aos nenos e nenas que facer cos residuos e como reciclar. É un libro bastante amplo onde nos podemos atopar o tipo de colectores que temos no concello, así como información importante que está destinada aos comercios e locais de hostalería. Trátase dunha aposta do departamento de Servizos Básicos, de forma conxunta coa Concellaría de Transición Ecolóxica, para facer un Ames máis limpo. En xeral cremos que temos un municipio limpo, excepto polo problema da recollida de voluminoso, sobre o que sempre nos gusta incidir. Xa fixemos campañas para lembrar onde hai que depositar os distintos voluminosos e non deixalos na rúa. Por iso é importante seguir concienciando á cidadanía da necesidade de reciclar”.
O concelleiro de Transición Ecolóxica, Manuel Lens, animou aos pais e nais “a ler este libro en familia cos nenos e nenas para fomentar a reciclaxe e o consumo responsable entre as novas xeracións, para así, ir cambiando os hábitos de consumo e reducir a produción de residuos. Consumir só o necesario é moi importante para minorar a xeración de residuos. É un libro moi ameno e fácil de ler, tanto para os nenos/as coma os adultos, polo que animamos á veciñanza a que lle dediquen un anaco do seu tempo a revisar este manual de bos usos”.
Ames recicla no Nadal
Este libro fala de reciclar no Nadal porque é unha época na que o consumo se dispara e na que a produción de residuos sólidos urbanos se incrementa. Aprovéitanse estas datas para facer fincapé neste tema, aínda que as pautas incluídas neste libro pódense utilizar ao longo de todo ano. Este libro tamén fala de reducir, de facer un consumo responsable e de reutilizar.
Llerena Perozo, directora de Edicións Versátil, dixo que “a idea é ter un material que estea ao alcance da cidadanía. É un libro que é moi ameno e que conta con moitas ilustracións co obxectivo de que o poida entender un/unha neno/a, pero tamén está dirixido a persoas moi lectoras porque ten distintos niveis de complexidade. Independentemente da páxina na que o abramos podemos atopar información relevante”.
Llerena Perozo tamén explicou que “este traballo decidiuse editar en papel porque o papel é o material que máis se recicla en España. O papel que se empregou para facer esta publicación provén de plantacións sostibles dedicadas exclusivamente a produción de papel, o que significa que senón consumísemos dito papel esas plantacións que son pulmóns e sumidoiros de CO2 non existirían. Ademais, trátase dun libro que vai a permanecer nos fogares para poder ser consultado durante moito tempo, e pasado ese tempo, se alguén considera que xa non lle resulta útil pódeo reciclar”.
Aposta polo desenvolvemento sostible
O alcalde, Jose Miñones, incidiu en que se trata “dun libro para todo o ano e enmárcase dentro dunha política de desenvolvemento sostible que se vai impulsar ao longo dos vindeiros anos. É unha prolongación das campañas feitas nos últimos anos como son Fogares máis sostibles, As toalliñas á papeleira ou Cada cousa ao seu sitio!
Ademais, Miñones destacou que este libro “é unha actuación máis das que se está desenvolvendo coa finalidade de impulsar un desenvolvemento sostible. Súmase a todo aquilo que estamos facendo como é a colocación de colectores para aceite doméstico usado, a instalación de puntos de carga para vehículos eléctricos, o plan de prevención de incendios que permite reducir as emisións de CO2, as actividades organizadas pola Aula da Natureza, etc”.
Por último, sobre a folga convocada polo persoal que presta o servizo de recollida de lixo na Mancomunidade do Serra do Barbanza o alcalde dixo “que coa posible folga do persoal do servizo de recollida de lixo pódese complicar a situación nas próximas semanas. Dende o Concello de Ames seguimos apostando por un servizo na Mancomunidade de reciclaxe, que é unha aposta particular que fai o Concello de Ames e outros poucos Concellos de toda Galicia, sobre unha planta que recicla e que ademais e das primeiras en toda España en reciclaxe. Debido a esa posible folga solicitámoslle á veciñanza que, na medida do posible, reduza os residuos durante as próximas semanas. As próximas semanas é unha boa época para poñer en práctica as pautas que inclúe este libro”.