Solapas principales

O Concello de Ames publica as instrucións para solicitar o uso do COWORKING A PROA

Lunes, 11 de octubre de 2021

A Xunta de Goberno Local do pasado 23 de setembro aprobou as instrucións que teñen por obxecto establecer os criterios de admisión das persoas solicitantes dos servizos que se ofrecen no espazo de traballo COWORKING A PROA. Poderán optar ao acceso e uso das instalacións e/ou servizos calquera persoa física ou xurídica cun proxecto empresarial. As persoas interesadas deberán presentar a correspondente solicitude telemática, a través da sede electrónica do Concello de Ames.

O COWORKING A PROA é un espazo de traballo colaborativo que ten como finalidade ampliar os servizos de apoio a iniciativas emprendedoras, proxectos empresariais ou iniciativas de autoemprego, con especial atención ao sector audiovisual e tecnolóxico. Os profesionais de diferentes sectores, autónomos e emprendedores compartirán o mesmo espazo, fomentando así as sinerxías, a economía social e colaborativa e o espírito de comunidade. A Proa localízase na parroquia de Biduído, no parque empresarial Novo Milladoiro na Rúa das Hedras 4. Conta con 36 postos de traballo, 3 salas de xuntas, aulas de formación e eventos, unha zona de recepción, outra de reprografía, de descanso, aseos e un vestíbulo.

As persoas emprendedoras e novas empresas interesadas no uso do espazo colaborativo A Proa deberán presentar a correspondente solicitude telemática, a través da sede electrónica do Concello de Ames. Nesta ligazón poderá atopar un modelo de solicitude diferenciado dentro do apartado de promoción economica, un Anexo I modelo de negocio e un modelo de estudio económico. As solcitudes pódense presentar dende o dia seguinte a aprobación das instruccións de acceso.

Requisitos
O uso das instalacións e/ou servizos está a disposición de calquera persoa física ou xurídica cuxo proxecto empresarial cumpra unhas condicións mínimas de viabilidade e reúna os seguintes requisitos:
1. Persoas emprendedoras, aquelas persoas que ben de forma individual ou en grupo, estean a traballar nunha idea/ proxecto e vaian a crear unha empresa relacionada, preferentemente, co ámbito da tecnoloxía e o audiovisual. Este tipo de usuarios/as considéranse en fase de preincubación.
2. Novas empresas, aquelas persoas físicas ou xurídicas que non conten cunha antigüidade superior a dous anos de exercicio empresarial, a contar desde a data de rexistro da empresa, e precisen dun apoio especial para mellorar as súas expectativas de supervivencia, priorizando a súa pertenza a sectores relacionados coa tecnoloxía e o audiovisual. Este tipo de beneficiarios considéranse en fase de incubación.
3. Usuarios/as puntuais, aquelas persoas físicas ou xurídicas que, con carácter esporádico e puntual. soliciten a utilización da aula de formación/eventos das instalacións para actuacións vinculadas co emprendemento ou a actividade empresarial que desenvolvan.

Características do servizo
O prazo máximo de duración do uso das instalacións será de 12 meses en caso de proxectos que estean en fase de preincubación e de 18 meses para os que estean en fase de incubación. Establécese unha prórroga de 6 meses para ambos supostos previa solicitude xustificada.
Ó número máximo de postos de traballo solicitados por proxecto será de 3 postos.
O horario de uso do COWORKING A PROA será de 24 horas os 365 días do ano con dúas xornadas diferenciadas. A xornada continua será de 08.00h a 22.00h de luns a venres, e de 08.00h a 15.00h os sábados, excepto festivos, no que permanecerá pechado. E a xornada extraordinaria en que se poderá acceder de 22:00h a 8:00h de luns a venres, e de 15:00h a 8:00h os sábados e as 24 horas dos domingos.

Tramitación e avaliación das solicitudes
Unha vez revisada a documentación presentada polos solicitantes, a Unidade Xestora procederá á valoración das solicitudes. A puntuación total para cada proxecto, independentemente da fase na que se atope, será de 100 puntos, sendo necesario acadar un mínimo de 50 puntos para que o proxecto poda optar a ser admitido. Entre os aspectos a valorar atopamos o proxecto empresarial, a contribución do mesmo ao espazo de coworking e a responsabilidade social e empresarial do proxecto.
Unha vez finalizado o proceso de avaliación, elaborarase un informe de valoración de cada unha das solicitudes presentadas, reflectindo os seus resultados nunha listaxe na que se indicarán as solicitudes admitidas, en listaxe de espera e rexeitadas, en función das puntuacións obtidas, ordenadas estas de maior a menor puntuación.
A listaxe de espera actualizarase mensualmente, de xeito que na primeira semana de cada mes, avaliaranse as novas solicitudes presentadas e establecerase a correspondente orde de prelación entre todas as solicitudes presentadas pendentes de acceso.

Compromisos e obrigas
O documento inclúe, ademais, unha serie de obrigas que as empresas deberán cumprir ao facer uso das instalacións. Entre as que destacan: realizar un aproveitamento suficiente dos postos de traballo asignados; satisfacer todas as cargas, impostos e gravames que pesen sobre a actividade que se vai desenvolver; exercer por si mesmos a actividade empresarial para a que se concedeu a súa condición de usuario/a ou comunicar calquera cambio producido, respecto das circunstancias iniciais, que poida modificar a súa condición de persoa usuaria.

As instrucións recollen, tamén, unha serie de prohibicións e as causas que motivarían a extinción do servizo.

Para a concelleira de Promoción Económica, Ana Paz, “este espazo de traballo que ofrece o  COWORKING A Proa pode facilitar aos novos emprendedores e emprendedoras do Concello unha magnifica oportunidade para comezar o seu negocio alixeirando algunhas das cargas que conleva o inicio de calquera actividade económica ou empresarial”. Ana Paz convida a aqueles veciños e veciñas de Ames que estean pensando en “emprender” a que se animen a solicitar o uso deste espazo municipal.

A Proa