- Tematica
O Concello de Ames forma parte do Consello de Dirección do Parque Compostela Rupestre. Deste xeito, nos últimos anos estase traballando para poñer en valor o patrimonio arqueolóxico de Ames e doutros concellos da comarca. Así xurdiu o Parque Compostela Rupestre que une aos concellos de Ames, Brión, Santiago de Compostela, Val do Dubra e Teo ao redor do patrimonio cultural escrito nas rochas. Unha iniciativa que pretende achegar á cidadanía unha das áreas máis importantes na arte rupestre de Galicia. Seguindo esta liña de traballo o Concello de Ames vén de realizar traballos de limpeza nos viarios de acceso aos petróglifos da área arqueolóxica de Ventosa, onde se atopan os petróglifos de Monte Castelo e Peneda Negra. Este venres, 4 de setembro, o colectivo A Rula colabora co Concello de Ames na organización da terceira ruta nocturna para visitar os petróglifos do Monte Castelo e Peneda Negra.
O concello de Ames conta cunha gran riqueza de mostras históricas, entre a que se encontran máis dunha vintena de xacementos prehistóricos e protohistóricos repartidos por todo o concello. Deste xeito, Ames dispón de verdadeiras xoias arqueolóxicas, con petróglifos como o de Oca, ou a Nave, situada en Mourigade na parroquia de Bugallido. Ademais, na área rupestre de Ventosa atópanse tres conxuntos de petróglifos: o de Monte Castelo, Peneda Negra e Campo Redondo.
Co obxectivo de achegar a historia de Ames a aquelas persoas interesadas na arte rupestre, o colectivo A Rula e o Concello de Ames organizan a terceira ruta nocturna para visitar os conxuntos rupestres de Castelo e Peneda Negra, situados na parroquia de Covas.
A visita comezará ás 21.30 horas en Ventosa e constará dunha explicación sobre ambas áreas rupestres ao tempo que se poderán contemplar os petroglifos. Inicialmente ofretabanse 25 prazas para esta actividade, pero debido a rapidez que se esgotaron as prazas, decidiuse facer outro grupo de 25 persoas, polo que en total en dita viista participarán un total de 50 persoas. Debido ao éxito que están tendo estas visitas barallase a opción de facer novas visitas proximamente.
O primeiro tenente de alcalde de Ames, David Santomil, responsable da área municipal de Patrimonio Histórico, que nestes intres é presidente do Consello de Dirección, que ten carácter rotatorio, destaca o grande éxito que están tendo en Ames estas visitas nocturnas. En cuestión de poucas horas esgotouse a primeira quenda de 25 prazas, e abriuse unha segunda quenda de 25 prazas que tamén se esgotaron moi rápido”.
David Santomil explica que “isto demostra que a arte rupestre importa e interésalle a xente de Ames. Temos a sorte de ter na zona de Ventosa un recurso que é único e excepcional e ademais moi accesible. Por tanto dende a Administración local corresponde fomentar este tipo de actividades e facer un mantemento necesario e prevención a incendios forestais que poida haber, destes bens patrimoniais tan importantes que son de interese cultural”.
Parque Compostela Rupestre
Para poñer en valor o patrimonio arqueolóxico de Ames e doutros municipios da comarca compostelá, os concellos de Ames, Santiago, Brión, Teo e Val do Dubra e a Deputación da Coruña asinaron un convenio de colaboración para crear o Parque Compostela Rupestre. Dito convenio ten unha vixencia de catro anos, prorrogables por outros catro. A Deputación da Coruña achegará 500.000 euros para desenvolver este proxecto.
O convenio establece a cooperación para promover e xestionar de forma conxunta o proxecto de promoción e posta en valor da arte rupestre nas cinco localidades. A través do Comité de dirección do proxecto iranse asignando os fondos para diferentes cuestións como a mellora da contorna e o estado dos xacementos, un plan director ou un plan de comunicación. Dende o pasado mes de setembro de 2019 o Concello de Ames asumiu a presidencia do Parque Compostela Rupestre, que ten carácter rotatorio e anteriormente foi asumida polo Concello de Santiago de Compostela.