Solapas principales

O Concello de Ames realiza unha recepción institucional aos nenos e nenas saharauís que pasan o verán con familias amesás

Jueves, 31 de agosto de 2023

Un ano máis, o Concello de Ames está a colaborar co programa Vacacións en Paz, organizado pola Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS). A través desta iniciativa, que se vén desenvolvendo dende hai máis de vinte anos, familias galegas acollen durante os meses de xullo e agosto a nenos e nenas saharauís. Nesta edición, en Ames hai acollidas un total de 8 crianzas, que están a pasar o verán no municipio ata comezos de setembro.

Oito nenos e nenas saharauís están a pasar o verán con familias de acollida amesás. A súa estancia no concello é posible grazas ao programa Vacacións en Paz, que neste 2023 retomou a Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS). A iniciativa consiste en que os cativos e cativas, que viven en campos de refuxiados en Tindouf (Arxelia) poidan escapar das altas temperaturas que se acadan durante o período estival no deserto saharauí, así como pasar revisións médicas, aprender galego e castelán e evadirse da súa realidade durante unhas semanas.

Para rematar a súa estancia en Galicia, as crianzas visitaron este xoves, 31 de agosto, o salón de plenos da Casa do Concello, onde tivo lugar unha recepción oficial. Os rapaces e rapazas, xunto coas súas familias e a representante na comarca de SOGAPS, Esther Ybarra, foron benvidos polo alcalde, Blas García, a concelleira de Benestar Social, Uxía García, e o técnico de integración social, Leo Pena; así como por diversos concelleiros e concelleiras da Corporación municipal.

O alcalde de Ames, Blas García sinalou que “a labor que fan as familias de acollida é vital para estes rapaces. Falo en nome de toda a Corporación de Ames cando digo que imos apoiar sempre este tipo de iniciativas”. Pola súa banda, a concelleira de Benestar Social, Uxía García, destacou que “agradecemos a todas as familias acolledoras a súa solidariedade, pois é un gran esforzo todo o que supón”.

Os nove nenos e nenas saharauís estarán coas súas familias de acollida ata a primeira semana de setembro, cando emprenderán a súa viaxe de volta ao Sáhara. Neste senso, ademais de actuar de mediador entre as familias amesás e SOGAPS, o Concello de Ames colabora co programa Vacacións en Paz achegando o importe dos billetes de avión de ida e volta de cada crianza.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ames ofrece una recepción oficial a niños saharauis"

Imaxe grupal da recepción

Multimedia

  • O Concello de Ames realiza unha recepción institucional aos nenos e nenas saharauís que pasan o verán con familias amesás
  • O Concello de Ames realiza unha recepción institucional aos nenos e nenas saharauís que pasan o verán con familias amesás
  • O Concello de Ames realiza unha recepción institucional aos nenos e nenas saharauís que pasan o verán con familias amesás
  • O Concello de Ames realiza unha recepción institucional aos nenos e nenas saharauís que pasan o verán con familias amesás