Solapas principales

O Concello de Ames realízalle unha recepción aos enxeñeiros amesáns Sofía Suárez e Javier Nogueira

Lunes, 16 de enero de 2023

O alcalde de Ames, Blas García, e distintos representantes da Corporación municipal realizáronlle esta mañá unha recepción a Sofía Suárez e a Javier Nogueira, dous enxeñeiros premiados coas distincións a proxectos Fin de Mestrado na sexta edición da Gala da Enxeñaría Industrial da Universidade de Vigo.

O salón de plenos da Casa do Concello de Ames acolleu esta mañá unha recepción aos enxeñeiros amesáns Sofía Suárez e a Javier Nogueira. Os enxeñeiros foron premiados o pasado mes de novembro coas distincións a proxectos Fin de Mestrado na sexta edición da Gala da Enxeñaría Industrial da Universidade de Vigo.

Sofía Suárez García recibiu o recoñecemento na modalidade de proxecto de Introducción á Investigación, co traballo titulado “Simulación FEM del comportamento de prótesis valvulares biológicas empleadas en el proceso de implantación valcular aótiva transcatéter (TAVI)”. Pola súa banda, Javier Nogueira Vidal recibiu o galardón na modalidade proxecto tradicional, por “Deseño e análise económico dunha planta fotovoltaica flotante conectada á rede no embalse de Zamáns (Pontevedra)”.

Suárez, natural da parroquia de Ames, graduouse en Enxeñaría mecánica pola Universidade de Vigo, e cursou tamén un máster en Enxeñaría industrial na mesma institución. Actualmente, pertence ao grupo de Deseño e Simulación Numérica do Cintecx, e adícase a estudar o campo das biopróteses, desenvolvendo a súa tese doutoral.

Tras numerosas investigacións, Suárez logrou simular os comportamentos das próteses biolóxicas que se implantan en pacientes que sofren estreitamentos da válvula aórtica, co obxectivo de mellorar o seu deseño e de apoiar as decisións médicas. Esa simulación logrouse a través do emprego de elementos finitos do comportamento mecánico dos velos de próteses valvulares biolóxicos, que son utilizados nos procesos de implantación valvular aórtica transcatéter, e que están en fase de estudio en pacientes de risco intermedio. O proceso permite continuar o produto de forma rápida e eficiente, adiantarse a posibles fallos e tamén adaptar mellor o deseño dos dispositivos a cada paciente. Deste xeito, o traballo pon en valor as achegas da enxeñaría no campo da sanidade.

“A simulación consiste simplemente en representar a realidade, por medio dun ordenador. Nós facemos un modelo que sea o máis realista posible de calquera tipo de dispositivo, neste caso das válvulas aórticas que se implantan para poder solucionar problemas que se están tratando para solucionar problemas nas válvulas nativas do paciente”, explicou Suárez durante a recepción. “Son unhas próteses valvulares que fabricadas con tecidos biolóxicos, que implantariamos mediante un catéter. Introduciriamos ese catéter pola femoral e algunha outra arteria importante do corpo, e levariamolo á zona da válvula nativa para expandilo”.

Por outro lado, o proxecto de Javier Nogueira, veciño de Biduído, tiña por obxecto deseñar e avaliar economicamente unha planta fotovoltaica flotante conectada á rede na presa de Zamáns, incluíndo o centro de transformación MT/BT, o centro de seccionamento e a liña subterránea de evacuación eléctrica.

Esta planta, articulada polo propio Nogueira, ocuparía un 4,88% da súa superficie, tería unha potencia de 1 MW e estaría conectada á rede a través dunha liña subterránea. O traballo de Nogueira solucionaría así unha gran dificultade, a da densidade enerxética, grazas á utilización de paneis flotantes.

“Para realizar o traballo fixemos unha análise dos embalses que hai na provincia de Pontevedra, para poder achegarnos e realizar unha avaliación. Finalmente decidímonos polo embalse de Zamáns, unha pequena presa que serve para o abastecemento de auga de Vigo, onde proxectamos a planta fotovoltaica flotante, co centro de transformación, a liña subterránea e a conexión á rede. Así mesmo, fixemos unha análise económica e ambiental moi completa”, apuntou o enxeñeiro.

Rolda de intervencións dos voceiros
Ademais do alcalde de Ames, Blas García, asistiron ao acto diversos concelleiros e concelleiras da Corporación municipal, que lle trasladaron as súas felicitacións aos enxeñeiros a través dos voceiros de cada grupo político.
Luísa Feijóo, voceira do grupo socialista, destacou que “normalmente estamos acostumados a recibir deportistas, pero está moi ben que recibamos tamén a persoas como vós os dous, que traballades en campos tan importantes como son a saúde a as enerxías renovables”.

Pola súa banda, José Ramón Oulego, de Cs, sinalou que “son dous proxectos moi interesantes. Sodes dous claros exemplos de que hai xente nova facendo cousas moi potentes. Deséxovos que sigades así e que levedes o nome de Ames alí onde vaiades”.

Oliva Agra, do PP, pronunciouse nese mesmo senso, indicando que “sodes un exemplo para a xuventude que non sabe que facer. Nestes momentos é moi importante que os rapaces que non saben como dirixir a súa vida se enfoquen en exemplos como o voso”.

En representación do BNG, David Santomil destacou que “no ámbito I+D+i exportamos talento. Somos unha potencia formando a grandes profesionais, aínda que iso ao final se acaba desenvolvendo en países de fóra, porque é onde están as grandes oportunidades e o financiamento para desenvolver proxectos. Deséxovos que logredes desenvolver a vosa actividade profesional no ámbito que vos gusta, que o poidades facer en Galicia, e se pode ser, en Ames”.

Genma Otero, en nome de Contigo Podemos, quixo agradecer “todo o traballo e o esforzo que estades facendo, porque sodes o noso futuro. Anímovos a seguir investigando, creando e deseñando”.

Para pechar a quenda de intervencións, o alcalde, Blas García, tamén felicitou aos enxeñeiros, e explicou que o seu traballo “é moi positivo para o Concello, para que se traslade o coñecemento e todo o que sabemos facer en Ames”. Así mesmo, pediulles a ambos que “levedes o nome de Ames por aí adiante, fóra dos límites municipais, algo que sempre é moi importante para nós”.

Para rematar, o rexedor municipal fixo énfase na necesidade de que “as administracións traballemos en canalizar os recursos conxuntamente e facer que ese talento quede aquí. Intentaremos traballar e aportar o noso pequeno grao de area dende Ames para que sexa así”.

Pola súa banda, Sofía Suárez e Javier Nogueira aproveitaron para agradecer a homenaxe e a visibilidade que se lle deu aos seus proxectos, así como as diversas felicitacións que lles foron chegando ao longo dos últimos meses.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Galardonan a los ingenieros maianos Suárez y Nogueira"

AMS GO!: "Recepción municipal aos enxeñeiros amesáns Sofía Suárez e Javier Nogueira"

El Correo Gallego: "Homenaje a dos ingenieros maianos: 'No ámbito I+D+i exportamos talento"

Foto de grupo de Sofía Suárez e Javier Nogueira, acompañados do alcalde de Ames, Blas García, e de varios concelleiros/as da Corporación municipal

Multimedia

  • O Concello de Ames realízalle unha recepción aos enxeñeiros amesáns Sofía Suárez e Javier Nogueira
  • O Concello de Ames realízalle unha recepción aos enxeñeiros amesáns Sofía Suárez e Javier Nogueira
  • O Concello de Ames realízalle unha recepción aos enxeñeiros amesáns Sofía Suárez e Javier Nogueira
  • O Concello de Ames realízalle unha recepción aos enxeñeiros amesáns Sofía Suárez e Javier Nogueira
  • O Concello de Ames realízalle unha recepción aos enxeñeiros amesáns Sofía Suárez e Javier Nogueira
  • O Concello de Ames realízalle unha recepción aos enxeñeiros amesáns Sofía Suárez e Javier Nogueira