Solapas principales

O Concello de Ames realízalle unha recepción institucional a Nuria Rábano

Viernes, 07 de julio de 2023

O alcalde de Ames, Blas García, a concelleira de Deportes e Promoción da Saúde, Susana Señorís, e outros/as concelleiros e concelleiras da Corporación municipal realizáronlle o xoves pola tarde unha recepción a futbolista Nuria Rábano que durante a temporada 2022-2023 xogou no FC Barcelona feminino, equipo co que gañou a Liga, a Champions League e a Supercopa de España. Ademais, Nuria Rábano debutou a pasada temporada coa selección española absoluta de fútbol feminino. Cómpre lembrar que Nuria Rábano comezou no mundo do fútbol xogando no Milladoiro SD e con 16 anos fichou polo Atlético Arousá. Posteriormente, tamén formou parte do Real Club Deportivo da Coruña (2016-2020), da Real Sociedade (2020-2022) e do Fútbol Club Barcelona.

Nuria Rábano comezou a xogar con 4 anos, cando era prebenxamín, no Milladoiro SD. Estivo neste club ata os 16 anos. Posteriormente, xogou un ano no Atlético Arousana, pasando do club de Vilagarcía ao Real Club Deportivo da Coruña SAD, onde estivo durante catro temporadas (2016-2020). Na Real Sociedade xogou durante dúas temporadas (2020-2022), onde tivo un papel destacado dando 10 asistencias e destacando polo seu xogo ofensivo xogando de lateral esquerda. En xuño de 2022 fichou polo FC Barcelona, onde xogou a última temporada logrando tres títulos: Liga, Champions League e Supercopa de España.

Ademais, Nuria Rábano debutou a pasada temporada coa selección española absoluta de fútbol feminino. Cómpre lembrar ademais que Rábano formou parte da selección española que se proclamou campioa do Torneo de Desenvolvemento da UEFA Sub-16, que se disputou en Serbia en 2014 e onde a amesá foi unha das máximas goleadoras. En 2017 proclamouse campioa de Europa coa selección de fútbol feminino sub 19. Ademais, durante o mes de agosto de 2018, Nuria xunto co resto de compañeiras da selección española feminina de fútbol quedou subcampioa do Mundial sub 20.

A concelleira de Deportes e Promoción da Saúde, Susana Señorís, destacou “a traxectoria profesional de Nuria que “a pesar de ser unha rapaza moi xoven xa que só ten 24 anos xa pasou por varios clubs de primeira división da liga feminina como o Real Club Deportivo da Coruña, a Real Sociedade e mailo FC Barcelona, onde xogou durante a temporada 2022-2023, gañando tres títulos. Para nós é un pracer poder facerlle esta recepción na Casa do Concello porque ademais dunha gran deportista e unha rapaza moi humilde. Desexámosche que segas conseguindo novos éxitos na túa carreira profesional”.

O alcalde, Blas García, dixo que “é un orgullo para Ames ter deportistas como Nuria que se formou nun club amesán, neste caso no Milladoiro SD, e que despois de anos de  formación e progresión chegou a un dos mellores equipos de fútbol feminino como é o FC Barcelona co que logrou gañar a Liga, a Champions League e maila Supercopa de España. Ademais, hai que agradecerlle a Nuria que leva o nome de Ames alá por onde vai. Desexámosche que continúes conseguindo novos éxitos e que segas representando ao concello de Ames como o fixeches ata o de agora”.

Nuria Rábano pechou a quenda de intervencións e dixo “é un pracer estar en Ames despois de moitos meses fóra da casa. A verdade é que para min é un orgullo que me recibades deste xeito no meu concello. Eu sempre digo que son de Ames e que comecei xogando no equipo onde me criei que é o Milladoiro SD. Estou encantada de ser de Ames e moitas grazas por este acto”.

O alcalde e maila concelleira de Deportes e Promoción da Saúde entregáronlle a Nuria Rábano un ramo de flores e un prato coa “A” de Ames elaborada pola artesá Ana Rosa Lista que ten o seu taller en Ortoño.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "El Concello de Ames reconoce a la futbolista Nuria Rábano y a otros deportistas"

O Concello de Ames realízalle unha recepción institucional a Nuría Rábano

Multimedia

  • O Concello de Ames realízalle unha recepción institucional a Nuría Rábano
  • O Concello de Ames realízalle unha recepción institucional a Nuría Rábano
  • O Concello de Ames realízalle unha recepción institucional a Nuría Rábano