Solapas principales

O Concello de Ames recibe 1.525 unidades de alimentos recollidos a través da campaña “Bocadiños solidarios” posta en marcha polo CEIP Agro do Muíño

Jueves, 18 de diciembre de 2014

[18-12-2014] Esta mañá o alcalde de Ames, Santiago Amor, acudiu ao CEIP Agro do Muíño acompañado da concelleira de Benestar Social, María Eugenia Martín, e do concelleiro de Educación, Bernardo Moar, para recibir de mans do alumnado deste centro, os alimentos que xuntaron a través da campaña solidaria “Bocadiños solidarios”, que realizaron entre o 1 e o 17 de decembro. Os membros do Goberno municipal foron recibidos polo director do colexio, Ramón Pérez, pola presidenta da ANPA Agro do Muíño, Isabella Vázquez, e polos 450 alumnos/as que están escolarizados neste centro escolar. O persoal da concellaría de Benestar Social encargarase de repartir estes alimentos entre as familias máis necesitados do municipio.


O director do CEIP Agro do Muíño, Ramón Pérez, doulle as grazas a todas as persoas que colaboraron nesta iniciativa co obxectivo de mellorar as festas de Nadal das familias máis necesitadas do concello. Ramón Pérez destacou que “esta iniciativa xurdiu dende o departamento de actividades complementarias e da biblioteca do centro co fin de xuntar alimentos e de fomentar a sensibilidade social e a solidariedade entre o noso alumnado.”

Unha vez rematada a campaña será o persoal do departamento de Benestar Social o que se encargue do reparto destes alimentos, que lle serán entregados ás familias máis necesitadas do municipio. O alcalde de Ames, Santiago Amor, agradeceulle ao CEIP Agro do Muíño “este tipo de iniciativas solidarias que son tan necesaria na sociedade actual” e explicou que “estes alimentos sumáranse aos que recolla o Concello de Ames a través da campaña de recollida de alimentos de Nadal, que se puxo en marcha o pasado 1 de decembro e remata este venres, 19 de decembro”.

O CEIP Agro do Muíño está levando a cabo durante este curso o proxecto educativo denominado Bocadiños de palabras. Dentro deste proxecto educativo este colexio decidiu poñer en marcha durante o mes de decembro a campaña solidaria Bocadiños solidarios. A través deste banco de alimentos recadáronse 1.525 unidades de produtos alimenticios non perecedoiros como aceite, vinagre, azucre, cacao, café, caldo de polo, cereais, fariña, latas de conserva, legumes, leite, carne, pasta, sal e produtos propios de Nadal como turrón, mazapáns, polvoróns, entre outros alimentos.

Esta campaña desenvolveuse entre o 1 e o 17 de decembro. Unha vez rematada os alimentos foron doados ao Concello de Ame. Para iso, está mañá achegáronse ata as instalacións do CEIP Agro do Muíño o alcalde de Ames, Santiago Amor, a concelleira de Benestar Social, María Eugenia Martín, e o concelleiro de Educación, Bernardo Moar. Alí foron recibidos polos 450 nenos e nenas que estudan neste colexio, polo director do centro, Ramón Pérez, pola presidenta da ANPA Agro do Muíño, Isabella Vázquez, e polos profesores/as do colexio. Estes alimentos foron doados por familias que teñen nenos/as escolarizados neste centro e pola ANPA Agro do Muíño.