- Tematica
O Concello de Ames foi premiado este martes, 21 de novembro, co premio Cegasal á Administración Local debido “a súa longa traxectoria apostando pola economía social e os centros especiais de emprego de iniciativa social”. O galardón entregouse no Hotel Puerta del Camino, en Santiago de Compostela.
Recolleron o premio o alcalde de Ames, Blas García, e a concelleira de Promoción Económica, Ana Paz. O rexedor destacou que “o Concello de Ames ten como prioridade principal que a súa veciñanza viva cunha boa calidade de vida. É fundamental para cumprir este obxectivo que a xente poida formarse e traballar, pois esta é a base de todo proxecto de vida”. García finaliza destacando que “non é casualidade que Ames é o único concello de Galicia que medra. Gobernamos por e para a xente, para que todos e todas teñamos as mesmas oportunidades sen condicionante algún”.
Pola súa parte a concelleira de Promoción Económica, Ana Paz, apuntou que “este non é o recoñecemento ao traballo dun ano, este é o premio ao empeño do Concello de Ames por mellorar a vida da xente. Seguiremos traballando nesta liña os próximos catro anos. Formación, integración laboral e axuda ao emprendemento son as liñas mestras de traballo desta Concellaría”.
Dende Cegasal describen ao Concello de Ames como “un exemplo de como xestionar un municipio sen deixar a ninguén atrás, así como de sensibilidade para os que teñen maiores dificultades”.
Cegasal
Cegasal é unha organización empresaria sen ánimo de lucro de carácter multisectorial que se constitúe en 1997 como entidade de referencia, defensa, promoción e representación das iniciativas empresariais sen ánimo de lucro de Economía Social, como son os Centros Especiais de Emprego cuxo obxectivo é fomentar o emprego de calidade das persoas con discapacidade e persoas en situación de risco de exclusión social e a súa inclusión na actividade económica, social e empresarial de Galicia.
Novas relacionadas:
Ames Go: "Cegasal recoñece o Concello de Ames co Premio á Administración Local"