Solapas principales

O Concello de Ames recibe a Pedro Díaz, director da recentemente nomeada aos Goya “La Entrega”

Miércoles, 04 de enero de 2023

O alcalde de Ames, Blas García, acompañado de varios concelleiros e concelleiras do Grupo de goberno e da Corporación municipal realizáronlle unha recepción ao veciño amesán, Pedro Díaz. O veciño de Proupín, na parroquia de Ames, é o director de “La Entrega”; unha curtametraxe que foi nomeada aos Premios Goya. O filme é un dos cinco nomeados na categoría de Mellor Curtametraxe de Ficción pola Academia de Cine na súa 37 edición. A curtametraxe que narra a soidade dos maiores nun mundo dixital viaxará a Sevilla o vindeiro 11 de febreiro para someterse ao voto dos académicos.

O salón de plenos da Casa do Concello de Ames acolleu, esta mañá, unha recepción de recoñecemento a Pedro Díaz, director de “La Entrega”. Unha curtametraxe que o pasado mes de novembro foi nomeada aos Premios Goya na modalidade de curtas de ficción.

Pedro Díaz estivo conversando co alcalde de Ames, Blas García; coa voceira do PSOE, Luísa Feijóo; coa voceira do BNG, Natividade González; coa voceira do PP, Oliva Agra; e co voceiro de Ciudadanos, José Ramón Oulego. O director amesá contoulles que tanto Proupín coma Ames están presentes na súa memoria pois recoñecía “cada vez teño máis morriña da miña casa, da miña aldea, da miña xente”. Tamén lles trasladou que Ames e Galicia en xeral son unha fonte de inspiración e un escenario moi fermoso para o cine “Eu gravei en Ames unha das curtametraxes que fixen na universidade chamábase ‘Un grelo western’, rodámola aquí e presentámola ao Festival de Cans. O rural galego está cheo de localizacións incribles e de historias marabillosas”.

O alcalde de Ames trasladoulle o apoio da Corporación ao completo “O día dos Goya imos estar apoiándote para que sintas o noso calor, aínda que non só nos Goya, que loxicamente é unha plataforma moi importante, senón en todos os festivais nos que esteas. E non só con esta curta, senón en toda a traxectoria que teñas.” E engadiu  “Acórdate de Ames alá onde vaias, sexa nos Goya, en Francia ou en Canadá”. Posteriormente entregoulle uns agasallos en nome do Concello de Ames entre os que se encontra un libro con fotografías de Ames e mailos libros escritos polo cronista oficial de Ames, Maximino Viaño, e pola poeta de Ames, Filomena Fraga.

Pedro Díaz é veciño de Proupín, en Ames. O director amesá desenvolve a súa carreira profesional como realizador publicitario e para plataformas de televisión para as que dirixiu  importantes campañas publicitarias. “La Entrega” é a súa segunda curtametraxe, tras “Mal de sangre” rodada en 2013 e onde Carlos Blanco interpreta a Enrique, un mariñeiro galego que ao chegar de pescar recibe o golpe de mar máis complicado da súa vida, a saúde da súa muller pende dun fío tras sufrir un grave accidente.

Pedro viaxará o vindeiro 11 de febreiro a Sevilla coa curtametraxe “La Entrega”. Alí loitará xunto a outros cinco traballos por alzarse coa estatuíña que converta a este filme na Mellor Curtametraxe de ficción da 37 edición dos Premios Goya.

“La Entrega” nomeada aos Premios Goya
“La Entrega” conta a historia de Armando, un home de 80 anos e de difícil carácter que vive confinado na súa casa por un descoñecido trauma emocional. O seu único contacto co exterior é o rider encargado de traerlle os paquetes que o seu fillo lle envía dende o estranxeiro. O último deses paquetes, un ordenador portátil que non sabe utilizar, ábrelle as portas dun mundo novo e fascinante pero, tamén, deixa entrar ás pantasmas do seu pasado.

O veciño de Proupín narra na súa proposta, interpretada por un máis que convincente Ramón Garea, a soidade dos maiores nun mundo dixital, o illamento, a brutal incomunicación nunha sociedade hiperconectada, a economía de coidados, un sistema produtivo que impide estar presentes aos máis achegados ou a fenda dixital.

O filme chega á 37 edición dos Premios Goya tras arrasar en certames nacionais cunha vintena de premios e ser seleccionado en diversos festivais internacionais, coma o prestixioso festival francés de Courts métrages d'Aix-en-Provence ou o Edmonton Film Festival - Shorts 2022 en Canadá.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Espaldarazo final al director de Proupín que va a optar al mejor corto en los Goya"

La Voz de Galicia: "Pedro Díaz, in director de Ames, en los premios Goya"

O Concello de Ames recibe a Pedro Díaz, director da recentemente nomeada aos Goya “La Entrega”

Multimedia

  • O Concello de Ames recibe a Pedro Díaz, director da recentemente nomeada aos Goya “La Entrega”
  • O Concello de Ames recibe a Pedro Díaz, director da recentemente nomeada aos Goya “La Entrega”
  • O Concello de Ames recibe a Pedro Díaz, director da recentemente nomeada aos Goya “La Entrega”
  • O Concello de Ames recibe a Pedro Díaz, director da recentemente nomeada aos Goya “La Entrega”
  • O Concello de Ames recibe a Pedro Díaz, director da recentemente nomeada aos Goya “La Entrega”
  • O Concello de Ames recibe a Pedro Díaz, director da recentemente nomeada aos Goya “La Entrega”
  • O Concello de Ames recibe a Pedro Díaz, director da recentemente nomeada aos Goya “La Entrega”
  • O Concello de Ames recibe a Pedro Díaz, director da recentemente nomeada aos Goya “La Entrega”