- Tematica
O Pleno do Concello de Ames aprobou o pasado 30 de maio de 2024 os proxectos incluídos no plan de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2024 – 2025 (Plan AGADER). O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, foi o encargado de expoñer os puntos correspondentes aos proxectos de pavimentación dos viarios de Tras do Cabalo e outros, e mellora do viario en Prumariño e outro, que están incluídos no Plan AGADER. Deste xeito, melloraranse dous camiños da Ameixenda; un viario de A Ponte Nova, na parroquia de Agrón; un no lugar de Lamas e outro na aldea de Proupín, ambos na parroquia de Ames. Este dous puntos foron aprobados por unanimidade. Estas obras contan coa axuda financeira da Unión Europea no marco do Plan estratéxico da PAC.
Unha vez aprobados ambos proxecto polo Pleno, aprobouse na Xunta de Goberno Local do pasado 27 de xuño, o inicio do expediente de licitación das obras de mellora do viario en O Prumariño e outro, que conta cun presuposto total de execución por contrata de 33.178,15 euros, dos cales 5.758,19 euros son a parte correspondente ao IVE que debe asumir o Concello. Este proxecto contempla melloras no viario de Prumariño e a mellora do viario en Os Casais, situados nos lugares de Lamas e Proupín, ambos na parroquia de Ames.
As obras de mellora no viario de Prumariño executaranse nun tramo de 1.100 metros; dividido en dous treitos de 450x3,00 e 650x3,00 metros e un abanico de 50 metros cadrados. No treito de 450x3 metros procederase á limpeza de gabias en ambas marxes e á reposición do paquete de firme con dez centímetros de zahorra. No treito de 650x3 metros procederase á limpeza de gabias, tamén en ambas marxes, e á reposición do paquete de firme con cinco centímetros de zahorra. Finalmente colocarase unha sinal de stop.
Por outra banda, a través do proxecto de mellora do viario de Os Casais vaise actuar nun tramo cunha lonxitude de 550 metros; dividido en dous treitos de 350x3,00 e 200x3,00 metros e un abanico de 50 metros cadrados. No treito de 350x3 metros procederase á limpeza de gabias en ambas marxes e á reposición do paquete de firme con cinco centímetros de zahorra. No treito de 200x3 metros tamén se limparán as gabias de ambas marxes e procederase á reposición do paquete de firme con dez centímetros de zahorra. Finalmente colocarase unha sinal de stop.
O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, explica que “a través do Plan AGADER mellóranse os camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas. A finalidade deste plan é a execución de obras encamiñadas á mellora da rede viaria existente no medio rural, facilitando así a accesibilidade ás explotacións agrarias e contribuíndo ao aumento da competitividade agraria e forestal. Nesta convocatoria 2024-2025 o Concello de Ames vai investir preto de 50.000 euros na mellora de cinco camiños rurais”.
Proxecto de mellora do viario de Tras do Cabalo e outros
Ademais, dentro deste mesmo plan vaise a executar o proxecto de mellora do viario de Tras do Cabalo e outros, que dispón dun orzamento de 26.560,76 euros, dos cales 4.609,72 euros son a parte correspondente ao IVE que debe asumir o Concello. Este proxecto contempla melloras no viario de Tras do Cabalo; mellora do viario en Agueiros; e mellora do viario en A Ponte Nova.
A través do plan AGADER sufráganse 49.371 euros e o Concello terá que achegar 10.367,91 euros. A contía total de ambos proxectos ascende a 59.738,91 euros. Deste xeito, melloraranse dous camiños da Ameixenda; un viario de A Ponte Nova, na parroquia de Agrón; un no lugar de Lamas e outro na aldea de Proupín, ambos na parroquia de Ames.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Renovación viaria para O Prumariño, Os Casais, Tras do Cabalo, Agueiros y Agrón con Agader"