Solapas principales

O Concello de Ames reforza a campaña “Comercio de Ames. Témolo todo!” cunha nova campaña de publicidade no transporte público

Martes, 08 de diciembre de 2020

A Concellaría de Promoción Económica reforza a campaña para fomentar o comercio de proximidade denominada “Comercio de Ames. Témolo todo!” Nesta ocasión púxose en marcha unha campaña publicitaria no transporte público. Deste xeito, o lema de dita campaña pódese ver ata o 6 de xaneiro de 2021 no autobús número 2.849 que realiza a liña entre Santiago (rúa da Rosa) e Bertamiráns. Esta mesma campaña realizarase proximamente nunha liña de transporte urbano do Milladoiro. A través desta iniciativa preténdese que a veciñanza de Ames merque nos establecementos comercias do municipio. Esta nova iniciativa súmase a elaboración dun vídeo promocional, dun spot publicitario, do reparto de 6.000 bolsas entre os establecementos comerciais para entregar á clientela, e a colocación dos carteis da campaña nos minipuntos limpos de Bertamiráns e do Milladoiro.

 O Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica, reforza a campaña “Comercio de Ames. Témolo todo!” cunha nova acción de información e publicidade. Esta campaña, que comezou no pasado mes de marzo, leva desenvolvéndose ao longo de todo o ano.

A través desta campaña preténdese que os veciños e veciñas de Ames merquen nos establecementos comerciais de Bertamiráns e do Milladoiro, xa que segundo se indica na propia campaña en ditos establecementos pódense atopar produtos, que van dende roupa e calzado ata artesanía, entre outros moitos sectores.

Para darlle visibilidade a esta iniciativa colocouse un cartel publicitario no autobús número número 2.849 que realiza a liña entre Santiago (rúa da Rosa) e Bertamiráns. Deste xeito, durante un mes (ata o vindeiro 6 de xaneiro de 2021) farase publicidade de dita campaña a través do transporte público. Esta mesma campaña realizarase proximamente nunha liña de transporte urbano do Milladoiro.

A concelleira de Promoción Económica e Emprego, Ana Belén Paz, explica que “é unha campaña para tratar de que a veciñanza de Ames e da súa contorna se quede no concello amesán para facer as súas compras nos establecementos locais. Agora máis que nunca é o momento de apoiar ao comercio local. En Ames podemos atopar de todo, por iso temos que poñer en valor o comercio local. Se mercamos en Ames iso tamén repercutirá na economía local, xerando postos de traballo e facendo que as empresas e comercios do concello medren”.

Esta nova iniciativa súmase a outras accións que se realizaron ao redor desta mesma campaña como foi a elaboración dun vídeo promocional, dun spot publicitario, do reparto de 6.000 bolsas entre os establecementos comerciais para entregar á clientela, e a colocación dos carteis da campaña nos minipuntos limpos que están situados nas rúas de Bertamiráns e do Milladoiro.

Imaxe do autobús

Multimedia

  • Cartel comercio
  • Imaxe do autobús