Solapas principales

O Concello de Ames solicítalle á Deputación a ampliación do prazo de acollemento ao sistema especial voluntario de pago fraccionado do IBI e a ampliación de prazos dos períodos de voluntaria para o pagamento do IBI, IVTM e IAE

Sábado, 25 de abril de 2020

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Economía e Facenda, solicitoulle á Deputación da Coruña a ampliación do prazo para solicitar o acollemento da veciñanza amesá ao sistema especial voluntario de pago fraccionado do IBI en dous prazos sen custo. A Deputación aceptou dita solicitude, polo que se amplía ata finais do mes de xuño a posibilidade de poder solicitar e acollerse a este sistema, e pospóñense os prazos dos pagos parciais podendo pagar a metade do recibo do IBI (primeiro pago) o 30 de xullo, e a outra metade (segundo pago) o 20 de outubro, sen ningún tipo de xuro nin custe adicional. Ademais, tamén se ampliarán os prazos previstos para a posta ao cobro en período voluntario en relación ao IBI, IVTM e IAE para este ano 2020.

Co obxectivo de paliar os efectos económicos negativos ocasionados como consecuencia da pandemia ocasionada polo COVID-19, tanto a nivel das economías domésticas como das empresas, o Concello de Ames, a través da Concellaría de Economía e Facenda, solicitoulle á Deputación da Coruña a ampliación dos prazos en materia tributaria.
 
Sistema especial voluntario de pago fraccionado do IBI
O Concello de Ames ten establecido desde o ano 2017 a posibilidade dun sistema especial voluntario de pago fraccionado do Imposto sobre Bens Inmobles (IBI) para o pagamento deste imposto en dous prazos sen custo adicional, pagando a metade do recibo en cada prazo, nos meses de xuño e outubro de cada ano. Para poder acollerse a este sistema o contribuínte tiña que presentar unha solicitude á Deputación da Coruña (Servizo de Recadación), antes de finais de maio de cada ano. Debido a situación actual derivada da pandemia do Covid-19, solicitóuselle a Deputación da Coruña ampliar dito prazo.
 
Dita solicitude foi aceptada, polo que o prazo para solicitar o acollemento ao sistema especial voluntario de pago fraccionado do IBI amplíase ata finais do mes de xuño, e amplíase nun mes máis o prazo do primeiro pago parcial que agora será o 30 de xullo e o segundo pago parcial sería o 20 de outubro.
 
Ampliación do prazo para o pagamento do IBI, IVTM e IAE
Por outra banda, solicitóuselle á Deputación da Coruña a ampliación dos prazos previstos para a posta ao cobro en período voluntario e maila data previsible de cargo en conta dos recibos domiciliados, en relación ao IBI, IVTM e IAE para este ano 2020.
 
Neste senso, dende a Deputación informan que durante os vindeiros días aprobaranse as datas do primeiro período voluntario de 2020, no caso de Ames corresponde ao recibo do IVTM. Está previsto que dito período comece o 4 de maio e remate o 1 de setembro, ampliándose en case dous meses o período voluntario de pagamento, co obxectivo de facilitar ao contribuínte o cumprimento das súas obrigas tributarias neste momentos complicados. O cargo en conta dos recibos domiciliados de IVTM terá lugar o 1 de xullo. Os recibos poñeranse en circulación un vez levantado o confinamento.
 
No que se refire ao segundo semestre aínda están por concretar as datas dos períodos voluntarios de pago e datas de cargo dos recibos (serían os recibos de IBI e IAE).
 
Novo calendario fiscal municipal
Ademais, dende o departamento municipal de Servizos Económicos están traballando na elaboración dun novo Calendario fiscal municipal, que se publicará nas próximas datas para así planificar e facilitar o pago dos impostos, taxas e prezos públicos. Deste xeito, informaráselle á veciñanza e porase a súa disposición as fórmulas de fraccionamento e aprazamento no pago dos impostos, taxas e prezos públicos que xestiona o Concello, e daranse a coñecer as modificacións introducidas na nova Ordenanza Fiscal Xeral que se aprobará definitivamente no Pleno da próxima semana, que inclúen ampliación dos prazos máximos e número de mensualidades de aprazamentos ou fraccionamentos, así como concesións automáticas de aprazamentos para débedas que non excedan de 3.000 euros, medidas de flexibilización dos requisitos para acceder a estes aprazamentos.
 
A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, explica que “unha vez confirmada a aceptación por parte da Deputación das nosas solicitudes sobre a ampliación dos períodos de voluntaria e ampliación de prazos do IBI fraccionado, estamos a elaborar un novo calendario fiscal para facilitar o pago dos impostos, e informaremos das medidas para facilitar os aprazamentos e fraccionamentos no pago dos impostos e taxas que xestiona o Concello, que introducimos na Ordenanza Fiscal Xeral que se aprobará definitivamente no Pleno do 30 de abril, e que xa entraría en vigor. É a nosa responsabilidade como goberno intentar aliviar e dar facilidades de pago ás familias e empresas que se atopan unha situación complicada como a que estamos a vivir”.
O Concello solicitou a ampliación do prazo para o pagamento do IBI, IVTM e IAE