- Tematica
O Concello de Ames solicitará unha oficina permanente de documentación da Policía Nacional, para que os residentes poidan realizar trámites como a renovación do DNI, pasaportes ou a expedición de tarxetas de identidade para estranxeiros. A posta en marcha desta oficina da Policía Nacional garantiría a prestación dun servizo administrativo moi demandado pola veciñanza amesá. Este tema tratouse nunha xuntanza mantida polo Goberno municipal con representantes do Sindicato Unificado de Policía (SUP).
O alcalde de Ames, Blas García, e o concelleiro de Administración Xeral, Víctor Fernández, reuníronse con representantes do Sindicato Unificado de Policía (SUP) para tratar esta cuestión. Por parte do SUP asistiron Abel Lobato, secretario provincial da Coruña, Juan Manuel Gómez, vicesecretario de organización na provincia, David Rodríguez membro da executiva da provincia e Jesús Vasconcellos, secretario de relacións institucionais. O obxectivo do encontro foi estudar e impulsar as medidas conxuntas para lograr que Ames conte nun futuro próximo cunha Unidade de Documentación da Policía Nacional.
Tanto o alcalde como os representantes sindicais están de acordo en que o concello de Ames, debe dispoñer dunha oficina no municipio que ofreza unha maior proximidade á veciñanza na realización de xestións entre a Administración e os seus administrados e na que os veciños e veciñas de todo o concello e contorna poidan realizar os trámites para os que, a día de hoxe, deben desprazarse ás dependencia policiais de Santiago de Compostela.
Na actualidade, os trámites realízanse nunha unidade móbil que dende o pasado ano 2022 comezou a desprazarse a Ames, atendendo ata agora a máis de 200 persoas, o que evidencia a necesidade deste servizo, ao mesmo tempo que que evitaría a sobrecarga e o atraso nas citas previas na comisaría compostelá.
Tras dito encontro, o Concello de Ames iniciará as xestións, ante o Ministerio do Interior, para solicitar a posta en funcionamento desta oficina para a expedición de DNIe e pasaporte no municipio, á vez que o SUP levará a cabo as peticións neste mesmo sentido, tanto nos órganos da Xefatura Superior de Policía de Galicia, como ao Consello de Policía, para que un servizo tan beneficioso para os habitantes de Ames e de prestixio para a Policía Nacional sexa unha realidade o máis axiña posible.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "Ames impulsará una Unidad de Documentación de la Policía"
AMS GO!: "Ames quere contar cunha oficina de documentación para expedir DNI e pasaportes"