Solapas principales

O Concello de Ames, SOS Animalia e as clínicas veterinarias poñen en marcha un programa de captura, esterilización e solta de gatos para o control das colonias felinas

Martes, 20 de febrero de 2018

[20-02-2018] O concelleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, Javier García, achegouse esta mañá, xunto a dúas das integrantes de SOS Animalia, a dúas zonas onde existen colonias felinas dentro do núcleo urbano de Bertamiráns. O motivo foi a posta en marcha, en colaboración coas clínicas veterinarias de Ames, do proxecto CES (captura, esterilización e solta) para controlar de xeito ético as colonias felinas dentro dos ámbitos urbanos. Este proxecto leva funcionando arredor de tres semanas. Durante este tempo esterilizáronse e castráronse uns 18 animais das colonias incluídas neste programa. A idea e incrementar o número de colonias nas que se está traballando. Trátase de controlar de xeito ético e responsable as colonias de gatos nas zonas urbanas para contribuír ao benestar destes animais e á convivencia cidadá.

A lei de protección animal, que entrou en vigor o 11 de xaneiro de 2018, establece que é responsabilidade dos Concello o control e xestión das colonias felinas. Deste xeito, este proxecto ponse en marcha grazas a colaboración do Concello de Ames, SOS Animalia e mailas clínicas veterinarias do concello. O Concello de Ames, a través da Concellaría de Medio Ambiente, faise cargo de esterilizar e castrar aos gatos/as das colonias que están incluídas dentro de dito programa. O presuposto asignado a xestión das colonias felinas está destinado a realizar esterilizacións, xa que a prioridade debe ser frear as camadas non desexadas, ofrecendo así benestar tanto aos gatos/as como á cidadanía.

Para desenvolver dito programa o Concello asinou un convenio de colaboración cos SOS Animalia. Así, os/as voluntarios/as desta entidade ocúpanse de capturar os animais e levalos á clínicas veterinarias, onde se realiza a esterilización e castracións dos gatos/as. Tras este proceso son soltados no mesmo lugar onde, previamente, foron capturados. Do proceso de esterilización e castración encárganse, de xeito altruísta, os/as veterinarios/as das clínicas de Ames. Ademais, a través deste programa regúlase, mediante un/unha voluntario/a coidador, a persoa que se encarga do coidado e a compra do penso para botarlle de comer a estes animais.

O concelleiro de Medio Ambiente, Javier García, explica que “este proxecto foi posto en marcha hai arredor de tres semanas en dúas colonias de gatos/as de Bertamiráns: unha que está xunto á escola infantil A Galiña Azul, para evitar problemas de salubridade, e outra situada na rúa Rueiro, xa que neste lugar existe unha gran colonia felina. Aos gatos e gatas que son esterilizados/as, fanlle unha pequena marca nunha das orellas, para telos/as identificados/as á hora de capturar a novos animais. Trátase de realizar un control ético das colonias felinas situadas en zonas urbanas, para favorecer o benestar dos animais e tratar de acabar coas queixas e molestias que poden ter os/as veciños/as”.

Asemade, a través deste programa municipal regularízase e contrólase a alimentación destes animais, algo que se viña facendo dende hai anos por veciños e veciñas de xeito incontrolado. As principais vantaxes da aplicación do programa de control de colonias felinas son a mellora das condicións de vida dos gatos/as, xa que deste xeito pasan a estar censados e esterilizados; as parcelas nas que existen colonias felinas controladas pasan a estar limpos; evítase a proliferación descontrolada de gatos/as; impídese a aparición de roedores; e a través da esterilización elimínanse os miañados e pelexas propias dos gatos non esterilizados e castrados, favorecendo a convivencia cidadá.



Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Bertamiráns estrena colonias felinas con 18 esterilizaciones"
El Correo Gallego: "Esterilización para frenar el censo felino en calles de Ames"
Compostela 24 Horas: "Ames inicia un programa de control de colonias felinas"