- Tematica
O programa DiversidArte dedicado á inclusión e á diversidade fai parada este mércores 25 de agosto na Praza de Chavián, en Bertamiráns. O espectáculo, que intenta visibilizar as capacidades das persoas en risco de exclusión social, dará comezo ás 19:30 coa actuación do guitarrista inclusivo Robert Pier e continuará cun espectáculo de danza integrada. O espectáculo que estaba programado para o venres 23 de xullo suspendérase por mor das condicións meteorolóxicas. A entrada é de balde.
O Concello de Ames únese aos concellos de Carral, Miño Noia ou Finisterre para loitar contra a exclusión social a través de DiversidArte. Este programa que xa percorreu boa parte dos concellos da provincia da Coruña leva anos loitando para que os colectivos en risco de exclusión social se fagan cun oco dentro na nosa sociedade e no mercado laboral.
A concellaría de Cultura do Concello de Ames sumouse a este fermoso proxecto coa programación este mércores 25 de agosto do espectáculo DiversidArte na Praza de Chavián. O espectáculo promove o empoderamento e a participación das persoas en risco de exclusión social ao mesmo tempo que mellora as súas habilidades físicas e emocionais.
O primeiro en subirse ao escenario de DiversidArte será o músico inclusivo Robert Pier. O músico converteu a guitarra na súa terapia, padece unha parálise no brazo esquerdo, e no motor da súa vida. O cantautor coruñés móvese entre o rock, o reggae, a rumba e mesmo o heavy.
A continuación chega a quenda de Ricardo Prado cun espectáculo de danza integrada. Ricardo Prado é campión medallista co seu equipo de Ximnasia Rítmica "Santiago Apostol" de diversidade intelectual. O bailarín vai sorprender aos asistentes co seu ritmo e a súa enerxía.
A entrada é de balde e para asistir non é preciso convite nin inscrición previa. O aforo é limitado segundo orde de chegada.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "DiversidArte para loitar contra a exclusión social"