Solapas principales

O Concello de Ames súmase á campaña “10, 100, 1000 Cidades e Territorios de Dereitos Humanos para 2030”

Lunes, 05 de septiembre de 2022

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Benestar Social, vén de adherirse á campaña “10, 100, 1000 Cidades e Territorios de Dereitos Humanos para 2030”, unha iniciativa da Organización Mundial de Cidades e Gobernos Locais Unidos (CGLU). O obxectivo da campaña é reunir aos gobernos locais e rexionais que desexan concretar os dereitos humanos mediante o acceso á educación, a vivenda, a saúde, a alimentación e a seguridade, establecendo marcos transformadores contra a desigualdade, a discriminación ou o cambio climático.

No marco das actividades da Comisión de Inclusión Social, Democracia Participativa e Dereitos Humanos (CISDPDH), a CGLU lanza unha campaña para construír unha comunidade activa de cidades e territorios que promovan os dereitos humanos para guiar a súa acción pública e garantir a dignidade de todas as persoas.

Trátase dun chamamento internacional sen precedentes, que xorde das cidades de Barcelona, Grigny, Gwangju, México, Utrecht e Viena, que convidan a formar parte das 100 primeiras cidades e territorios comprometidos cos dereitos humanos.

Ames é un concello que veu duplicada a súa poboación nos últimos 20 anos, grazas á recepción de numerosos veciños e veciñas chegadas doutros países, continentes e cidades, con persoas chegadas de máis de 33 nacionalidades diferentes. Ademais, Ames conta cunha das medias de idade máis nova de Galicia, situada nos 38 anos e medio.

“Onde os demais ven un problema nós vemos a riqueza da interculturalidade. Levamos moitos anos traballando neste sentido así como na loita contra a exclusión social, no ámbito de igualdade de oportunidades, promoción da saúde, participación e dereitos. Unirnos a esta campaña significa seguir crecendo en igualdade de oportunidades e en dereitos, ademais de aprender do que se está a facer en outros municipios e rexións”, destacou a concelleira de Benestar Social, Luisa Feijóo.

O Concello de Ames conta na actualidade cunha serie de programas e medidas que promoven a realización e o cumprimento dos dereitos humanos a nivel local, como a renda municipal básica e as axudas para a recuperación; o banco municipal de alimentos ou os comedores escolares municipais; o programa de vivendas baleiras; o Servizo de Atención ao Migrante; o departamento de Promoción da Saúde e o seu programa Ames Saudable; o Centro de Información á Muller, ou os múltiples consellos sectoriais que se veñen creando nos últimos meses.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Estreitan lazos locais polo ben dos dereitos humanos"

AMSGO!: "Ames reivindica a súa multiculturalidade e o respecto aos dereitos humanos"

O Concello de Ames súmase á campaña “10, 100, 1000 Cidades e Territorios de Dereitos Humanos para 2030”