- Tematica
Construír un mundo máis xusto e solidario é o obxectivo principal sobre o que xira o Día Mundial da Saúde deste ano. O Concello de Ames, inmerso estes días na Semana da Saúde e na organización da I Feira da Saúde e o Ben estar, súmase á celebración do Día Mundial da Saúde a través da Concellaría de Benestar Social e de todas as accións e os programas que, a prol deste obxectivo, desenvolve ao longo do ano. As accións promovidas a través do programa Ames Saudable e a participación en diversos programas de cooperación internacional son algúns exemplos.
As cestas saudables, o banco de alimentos, as actividades de envellecemento activo, o programa de prevención de condutas aditivas no ámbito escolar, a Escola Municipal de Saúde e todos os programas que fomentan a actividade física, a alimentación saudable e os recursos para manter un bo equilibrio tanto físico como mental, entre outras accións, son cuestións que redundan nunha mellor saúde física e emocional da nosa poboación.
Cómpre salientar os programas de Cooperación Internacional nos que participa o Concello de Ames, que na actualidade ademais ostenta a secretaría do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade co que leva cooperando desde hai algúns anos.
“Somos conscientes de que a saúde é un dereito fundamental e un ben esencial por iso traballamos na consecución da equidade en saúde, achegando recursos a aquela poboación que ten máis dificultades”, manifesta a concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo.