Solapas principales

O Concello de Ames súmase á conmemoración do Día Mundial do Cancro de Mama Metastático

Miércoles, 12 de octubre de 2022

O Concello de Ames únese ás conmemoracións deste xoves 13 de outubro, Día Mundial do Cancro de Mama Metastático. Deste xeito, iluminarase de rosa a fachada da Casa do Concello, co obxectivo de sensibilizar sobre esta fase avanzada do cancro de mama, primeira causa de morte de mulleres entre 35 e 50 anos, co foco posto na investigación, a mellora da prevención e do diagnóstico, e a axilización da aprobación de novos fármacos innovadores.

Como parte das diferentes conmemoracións do mes do outubro, declarado pola Organización Mundial da Saúde como o mes da concienciación sobre o cancro de mama, a Asociación Española do Cancro de Mama Metastático celebra este xoves 13 unha xornada co obxectivo principal sensibilizar sobre esta patoloxía, primeira causa de morte de mulleres entre 35 e 50 anos.

Tamén coñecido como cancro de mama avanzado ou en estadio IV, o cancro metastático de mama é a fase na que a enfermidade se estende a outras partes do corpo, habitualmente os ósos, o fígado, os pulmóns ou o cerebro. Nesta fase avanzada, a doenza non ten cura, cunha supervivencia media entre os catro e os cinco anos, e pola que falecen en España máis de 6.000 persoas, maioritariamente mulleres.

Establecendo unha xornada propia, independente do Día Mundial de Cancro de Mama, que se celebra o 19 de outubro, búscase mostrar a realidade das persoas que sofren esta enfermidade, recoñecer o esforzo diario das e dos profesionais sanitarios, e poñer o foco na investigación. Neste senso, demándase a aprobación máis áxil de novos fármacos e tratamentos innovadores, e o seu financiamento a través dos sistemas de saúde públicos; a prevención e o diagnóstico; a participación en ensaios independentemente do lugar de residencia, ou o estudo propio dos tumores metastáticos para afinar os tratamentos.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "O concello vaise iluminar de cor rosa polo Día do Cancro de Mama con Metástase"

O Concello de Ames súmase á conmemoración do Día Mundial do Cancro de Mama Metastático