Solapas principales

O Concello de Ames súmase ás conmemoracións polo Día Mundial contra o Cancro

Jueves, 03 de febrero de 2022

As noites dos días 3 e 4 de febreiro, a Casa do Concello de Ames iluminarase de cor verde co fin de conmemorar o Día Mundial contra o Cancro. Promovido pola Unión Internacional contra o Cancro (UICC), o lema da xornada deste ano é “Por uns coidados máis xustos”, co foco posto no acceso igualitario aos tratamentos contra o cancro e na necesidade dunha sanidade universal.

Cada ano morren de cancro 10 millóns de persoas, o que converte a esta enfermidade na segunda causa de morte no mundo. Estímase que ao menos unha terza parte dos cancros comúns poderían evitarse reducindo factores de risco asociados á conduta e á alimentación, como o consumo de alcol e tabaco, a obesidade, a carencia de actividade física, os riscos laborais, a exposición á radiación ou as infeccións.

A campaña deste ano da UICC é “Por uns coidados máis xustos”, coa se quere dar atención á desigualdade e como afecta ao tratamento e á incidencia do cancro. A metade da poboación mundial non ten acceso a servizos sanitarios esenciais, e o 70% das mortes por cancro acontecen en países con rentas medias e baixas.

Mais os recursos económicos non son a única causa de desigualdade. A discriminación baseada na etnia, raza, xénero, orientación sexual, idade, discapacidade e estilo de vida solo só algúns dos factores que poden afectar de maneira negativa á atención sanitaria e á prevención. Son precisamente os colectivos e grupos máis desfavorecidos os que teñen máis posibilidades de estar expostos aos factores de risco xa mencionados.

Por este motivo, a campaña anima á mobilización e á acción para acabar coa desigualdade na sanidade e no tratamento do cancro. Educar á poboación sobre prevención da enfermidade, paliar factores económicos e sociais negativos para a saúde, dotar ao persoal sanitario de maior formación, aumentar os recursos da atención primaria e da investigación contra o cancro, e aplicar plans de prevención. Son os obxectivos detrás do lema “Por uns coidados máis xustos”, que busca romper a fenda da igualdade sanitaria.

O Concello de Ames súmase a esta campaña global a través do departamento de Promoción de Saúde. A súa concelleira, Luisa Feijóo, recordou que “un dos nosos obxectivos é sensibilizar e informar á poboación, así como promover e fomentar hábitos de vida saudables, tanto no referente a unha alimentación saudable como á prevención de consumos e á actividade física. Hai datos que indican que o sedentarismo é un dos catro factores de risco máis importantes para a saúde, e incrementa exponencialmente o risco de padecer determinados tipos de cancro”.

Premendo nesta ligazón, pódese ver o vídeo da campaña internacional “Por uns coidados máis xustos”, da Unión Internacional contra o Cancro (UICC).

Para máis información sobre o Día Mundial contra o Cancro, a campaña deste ano e as iniciativas, pódese visitar o portal worldcancerday.org/es/.

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "Iluminan o concello de cor verde polo Día do Cancro"

Enfoques: "El Concello de Ames se suma a la conmemoración por el Día Mundial contra el Cáncer"

O Concello de Ames súmase ás conmemoracións polo Día Mundial contra o Cancro

Multimedia

  • Campaña "Por uns coidados máis xustos"
  • Campaña "Por uns coidados máis xustos"
  • Campaña "Por uns coidados máis xustos"
  • Embedded thumbnail for