- Tematica
O alcalde de Ames, Blas García, vén de enviarlle unha carta ao secretario de Estado de Telecomunicacións, Roberto Sánchez, na que se achega información detallada respecto do importante atraso que sufre unha parte do municipio en canto ao despregue de fibra óptica. Existen diferentes lugares afectados que pertencen ás parroquias de Piñeiro, Tapia, Agrón, Biduído, Trasmonte e Ortoño. Tamén están afectadas as urbanizacións de Alto do Vento e Aldea Nova. Asemade, o rexedor municipal solicitoulle unha entrevista persoal para poder comunicarlle todas estas incidencias e situacións que se están a vivir no concello o de Ames.
A pandemia ocasionada pola Covid-19 acelerou os procesos de teletraballo, incrementou o número de trámites que se realizan de xeito telemático, modificou os modelos educativos, facendo practicamente imprescindible que na totalidade de vivendas se dispoña dunha boa conexión a internet que permita desenvolver todas as tarefas laborais, educativas ou administrativas.
Por esta razón o Concello de Ames solicitou a colaboración veciñal para coñecer o estado actual do despregue de fibra óptica no municipio. O obxectivo era coñecer aquelas zonas que na actualidade non dispoñen de fibra óptica. Durante o prazo aberto para achegar información sobre dito asunto, recibíronse unha importante cantidade de queixas respecto da demora existente na implantación da fibra óptica en diferentes lugares do municipio.
O alcalde de Ames, Blas García, explicou que “nos últimos tempos observamos con preocupación que moitas das nosas veciñas e veciños non contan cun servizo esencial como é poder dispor dunha conexión a internet de calidade, e día a día vemos como nos trasladan á Administración local, a máis próxima á cidadanía, a necesidade de esixir ás administracións competentes unha maior implicación para conseguir que a fibra óptica chegue aos seus fogares o máis axiña posible”.
Cómpre destacar que a día de hoxe non se alcanzaron os obxectivos fixados nos diferentes mapas publicados pola Secretaría de Estado de Telecomunicacións, onde se informa das zonas grises e brancas para os anos 2020 e 2021. Concretamente en Ames, para o ano 2020 estaba previsto a implantación de fibra en distintos núcleos nos cales, aínda na actualidade non existe o servizo como son: Vilaverde, Balindo, Fernande, Covas e Rúa, pertencentes á parroquia de Piñeiro; Vilouta, Frenza e A Mámoa da parroquia de Tapia; Ínsua, O Galiñeiro e Trasmil da parroquia de Agrón; e Biduído de Abaixo.
Nas previsións para o ano 2021, ocorre o mesmo, xa que tampouco se cumpriron as previsións establecidas pola Secretaría de Estado. Neste momento, continuase sen servizo nos seguintes lugares: Calo, na parroquia de Agrón; O Portanxil, na parroquia de Trasmonte; Urbanización Alto do Vento, na parroquia de Covas; Aldea Nova e contorna; en diferentes partes de Castrigo, das rúas Rosaleda, Lodeiro, Paraxe do Porto, pertencentes á parroquia de Ortoño, e nunha parte do lugar de Coira, na parroquia de Biduído.
Debido a isto o rexedor municipal solicitou celeridade nas actuacións dirixidas a dotar de fibra óptica os distintos núcleos do municipio amesán, e instou a que cumpran o establecido nos plans de actuación da Secretaría de Estado de Telecomunicacións, tendo en conta a importancia deste servizo na actualidade, máxime nun concello como o de Ames, que ten a particularidade de ser o máis novo de Galicia, con todo o que iso implica.
Por outra banda, reclamou a necesidade e importancia de contar coa opinión dos Concellos á hora de fixar os proxectos de extensión de rede, para evitar que cando se leva a liña a uns núcleos atravesando outros, estes últimos queden sen servizo. “Iso ten difícil explicación diante dos veciños e veciñas afectados e afectadas, que ven como cruzan a fibra por diante das súas casas e déixanos sen servizo”, explica Blas García.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "El retraso de la fibra óptica en Ames afecta a 19 núcleos rurales ya comprometidos"
El Correo Gallego: "La falta de fibra en urbanizaciones y el rural es ya cuestión de Estado"