- Tematica
O vindeiro luns, 19 de outubro, é o Día Mundial do Cancro de Mama. O Concello de Ames, a través da Concellaría de Benestar Social, súmase así á homenaxe a todas as persoas que o sofren. Por este motivo, dende o día 18 ata o 20, a Casa do Concello iluminarase de cor rosa e ata fin de mes mostrará unha pancarta no balcón. A intención deste xesto é participar na campaña de sensibilización desta enfermidade.
En España, cada ano diagnostícanse 25.000 novos casos de cancro de mama segundo a Asociación Española Contra o Cancro (AECC). Non obstante, os especialistas oncolóxicos queren recordar á poboación feminina a importancia de examinarse as mamas xa que un cancro detectado ao inicio da enfermidade, diminúe un 25% a probabilidade de morte.
Segundo a OMS, cada 30 segundos diagnostícase un cancro de mama nalgún lugar do mundo. Debido a estas altas cifras, a Organización Mundial da Saúde declarou o mes de outubro como o de sensibilización sobre o cancro de mama. O obxectivo desta campaña é promover a detención temeprá da enfermidade.
Baixo o lema de 2020 "Saca peito por elas", a Asociación Española Contra o Cancro pretende recordar o compromiso de toda a sociedade na loita contra este tumor, que é o máis frecuente nas mulleres occidentais.
A pandemia da COVID-19 prexudicou a situación das pacientes debido ao colapso asistencial producido en moitos centros de saúde de España. Ademais, detectouse un temor a acudir ás revisións anuais debido á preocupación por contaxiarse. Polo tanto, no Día Mundial do Cancro de Mama de 2020 recórdase a todas as mulleres a gran importancia que teñen as revisións xinecolóxicas para previr esta patoloxía.