- Tematica
No pasado pleno ordinario de novembro a concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, deu conta da información periódica trimestral relativa ao terceiro trimestre do ano en curso salientando a recuperación no cumprimento do período medio de pago a provedores. O Goberno municipal conseguiu neste trimestre situarse por debaixo do período legalmente establecido e situarse nos 29,18 días.
O pasado xoves, 24 de novembro, deuse conta no pleno da información trimestral que periodicamente se rende ao Pleno e que incluía a información periódica da execución trimestral do orzamento do terceiro semestre de 2022, o período medio de pago a provedores, de acordo co previsto no Real Decreto 635/2014, de 25 de xullo, modificado polo Real Decreto 1040/2017, de 22 de decembro, e maila información trimestral de morosidade.
Este Real Decreto 635/2014, de 25 de xullo, establece que as Corporacións locais publicarán e comunicarán ao Ministerio de Facenda e Administracións Públicas a información referida a cada trimestre do ano antes do día trinta do mes seguinte á finalización de dito trimestre.
No pleno salientouse que se volve a reducir o prazo do período medio de pago a provedores, que no primeiro trimestre de ano foi de 31,39 días e agora vese reducido a 29,18 días neste terceiro trimestre, cumprindo o prazo legalmente establecido e situándose novamente por debaixo dos 30 días.
Reorganización dos servizos
Son varias as medidas postas en marcha polo Goberno municipal para conseguir esta redución de prazos, entre elas a reorganización dos servizos económicos, o ditado de instrucións de procedementos para axilización na tramitación das facturas, conformidade, pago, devolución etc, nos que están implicados todos os departamentos do Concello que colaboraron nesta labor.
A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, explica que “dende os Servizos Económicos fíxose un gran esforzo por conseguir esa redución e poder situarnos novamente por debaixo dos 30 días. Despois da pandemia e dun cambio de criterio de contabilización do PMP, durante o ano 2021 volvemos a situarnos nunha media de 36 días e agora neste trimestre logramos reducir este prazo e situarnos en 29,18 días” .
Ademais, engadiu que “o período medio de pago a provedores é unha ratio importante que mide a axilización nos procedementos de pago das facturas a provedores e que afecta á débeda comercial. Estamos moi contentos de poder reducir este prazo e contribuír na medida das nosas posibilidades a que ese período de cobranza para os provedores sexa o máis breve posible”.