Solapas principales

O Concello de Ames volve a reiterarlle á Consellería de Sanidade a necesidade de ampliación do centro de saúde de Bertamiráns

Jueves, 20 de febrero de 2025

O alcalde de Ames, Blas García, vén de enviarlle unha carta ao conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, instándoo a cumprir co acordado na xuntanza do pasado mes de outubro, para que realice unha visita o antes posible ao centro de saúde de Bertamiráns, coa finalidade de que poida ver cos seus propios ollos as condicións nas que ten que traballar o persoal sanitario do centro e, por conseguinte, a atención de baixa calidade que recibe a veciñanza de Ames e dos concellos limítrofes. Segundo indica o rexedor municipal é prioritario trazar conxuntamente un plan calendarizado de mellora e ampliación das instalacións e do servizo de atención primaria.

Blas García explica na carta enviada ao conselleiro de Sanidade; “no pasado mes de outubro trasladeille nunha xuntanza todos os problemas que sofren a diario os usuarios e usuarias do centro de saúde de Bertamiráns, entre os que destacan: listas de espera de máis de dez días, falta de persoal médico e de enfermería, falta de responsable de coordinación médico e de enfermería, instalacións e edificio caduco, antigo e pouco útil, persoal médico e de enfermería amoreados nos despachos (pouco accesibles e pequenos), falta de accesibilidade no propio centro (que incumpre a lei de accesibilidade), mobiliario que incumpre a normativa de prevención de riscos...”.

Ademais, destaca que “dentro destes problemas e deficiencias debemos de incluír o espazo destinado ao Punto de Atención Continuada (PAC) no que, ao igual que acontece co edificio do centro de saúde, é pouco operativo para o elevado número de usuarios e usuarias que atende, ademais de carecer de espazos axeitados para o persoal”.

Por outra banda, dende a Alcaldía lémbrase que recentemente derivaron a este centro á rapazada do concello de Negreira causando un grave prexuízo á xa colapsada atención pediátrica en Bertamiráns, pois non se cobren todas as prazas de medicina pediátrica e derívanse as/os doentes ao PAC. “De todo isto está ao tanto o Xerente da Área Sanitaria, co que falei persoalmente e, tras unha chamada súa a finais de decembro, quedou en visitar o centro nas semanas seguintes. A día de hoxe esta visita non se produciu e foi anulada en diversas ocasións”, explica o alcalde.

“Polo tanto, quero trasladarlle a miña decepción e enfado polo trato que se está a dispensar aos veciños e veciñas de Ames e da contorna que son usuarios deste centro de saúde e do PAC, co agravante que tanto vostede como o xerente, Ángel Facio, son coñecedores desta situación e comprometéronse en realizar unha visita a Bertamiráns. É inadmisible esta deixadez e abandono das funcións nun centro de saúde que atende a 18.000 usuarios e usuarias. Un edificio ten unha antigüidade próxima aos 40 anos e no que os investimentos dende que abriu as súas portas foron mínimos”, destaca Blas García.

O alcalde insta ao conselleiro a cumprir co acordado na xuntanza do pasado mes de outubro, para que realice unha visita o antes posible ao centro de saúde de Bertamiráns, coa finalidade de que poida ver cos seus propios ollos as condicións nas que ten que traballar o persoal sanitario do centro e, por conseguinte, a atención de baixa calidade que recibe a veciñanza de Ames e dos concellos limítrofes. Segundo indica o rexedor municipal é prioritario trazar conxuntamente un plan calendarizado de mellora e ampliación das instalacións e do servizo de atención primaria.

Por último, dende o Concello de Ames reitérase a vontade de ceder os terreos anexos para a ampliación e mellora de dito centro de saúde, algo que por parte da Consellería de Sanidade sempre se desbotou como opción, cando é prioritario e urxente por todas as razóns expostas.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "El Concello de Ames exige a Sanidade un plan con calendario concreto para ampliar el centro de salud de Bertamiráns"

EL Correo Gallego: "Ames insiste a Sanidade para que amplíe o edificio do centro de saúde de Bertamiráns"

O Concello de Ames volve a reiterarlle á Consellería de Sanidade a necesidade de ampliación do centro de saúde de Bertamiráns